Mostrando entradas con la etiqueta Tradición oral. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tradición oral. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de mayo de 2020

O REFRÁN DE ROI

Continuamos cos nosos refráns debuxados. Hoxe mandóunolo Roi e fai referencia ao mes en curso e ao bo tempo do que gozamos. Nel, a sabedoría popular lémbranos que, nestas datas, non podemos confiarnos porque as baixadas bruscas de temperatura son habituais. Ata o corenta de maio, que vén sendo o dez de xuño, tes que ter a man roupa de inverno porque podes ter que volver a utilizala.
Esperamos con ilusión o seguinte refrán, animádevos a participar. 

miércoles, 13 de mayo de 2020

O REFRÁN DE LÍA

Xa temos o noso segundo refrán debuxado. Neste caso mandóunolo Lía e ten como protagonista á sardiña e a súa relación co mes de maio. Xa os mariñeiros galegos difundiron a convicción de que nos meses con erre (setembro-abril) o peixe azul non está listo para comer por tamaño e sabor. A cousa é que maio é o primeiro mes sen erre pero o certo é que en maio as sardiñas aínda son pequeneiras e, sobre todo, non teñen a graxa que as fai saborosas. Animádevos a seguir participando, seguro que todos aprendemos unha chea de cousiñas a través do noso refraneiro.

lunes, 11 de mayo de 2020

O REFRÁN DE GAEL


Xa temos o noso primeiro refrán ilustrado. Mandóunolo Gael e ten como protagonista unha anduriña. Animádevos  participar enviándonos os que escoitades nas vosas casas ou preguntarlle aos avós, seguro que eles coñecen moitos dos temas máis diversos.

miércoles, 6 de mayo de 2020

XOGOS DE AVES

Fai unhas semanas Marcos fíxonos chegar esta foto na que nos mostraba que el tamén quedaba na casa aprendendo cousiñas co ordenador. Como sei que a todos vos gusta traballar nel, mentres non chegan correos coa solución a nosa ave misteriosa desta semana, neste enlace tedes un xogo de parellas con aves coma protagonistas. Outra proposta é un de memoria que podedes descargar e imprimir facendo clic aquí. E por último, que tal se nos unimos ao reto que propón a mestra Marta na súa entrada un mes de refráns debuxados? Hoxe trataba de refráns que fixeran referencia á andoriña. Animádevos a participar enviándonos e debuxando todos eses refráns nos que é tan rica a nosa lingua, unha boa oportunidade para ensinarllos aos nosos fillos.

viernes, 20 de marzo de 2020

¡FELIZ DÍA DA NARRACIÓN ORAL!

Hoxe, 20 de marzo, celébrase en todo o mundo o Día da Narración Oral. Un xeito especial de conmemorar a chegada da primavera lembrando o antigo arte de contar historias, lendas, mitos... Como son días de quedarse na casa, que bo momento para retomar esas historias que nos contaban os nosos avós e pasarllas aos nosos fillos. Neste enlace tedes ao contador Óscar Mora coa proposta dun conto cada día ás 12, a ver que vos parece. Facendo clic aquí  tedes máis suxestión de contos para ver e escoitar na rede. Tamén en orellapendella hai unha chea de ditos, recitados, cancións … para facer en familia.
Lía hoxe nos manda unha foto co conto que leu e ao redor do que fixo moitas actividades. Ao igual que nós ten ganas de saber dos seus compañeiros. Esperamos que todos esteades ben e que pronto poidamos volver ás aulas.
Neste enlace da aula de Ribadumia B tedes unha chea de álbums ilustrados preciosos que podedes ler en formato dixital. Animádevos a velos e mandarnos comentarios e fotos coas vosas lecturas favoritas destes días.

jueves, 12 de abril de 2018

TRABALINGUAS

O pasado día 21 de marzo, para conmemorar o Día da Lingua Materna, comezamos a traballar na aula ao redor dos trabalinguas. Durante o terceiro trimestre imos xogar e recuperar estes ditos populares que resultan difíciles de pronunciar sen se trabucar. 
En clase aprendemos o do Cuco que aparece na imaxe superior e que copiamos do libro de Everest “Trabalinguas”. Pero queremos coñecer moitos máis, principalmente aqueles que forman parte da tradición oral
Por isto, hoxe comezou a funcionar un caderno viaxeiro que pasará por todos os fogares dos meniños para que, coa axuda da súa familia, escriban e ilustren un trabalinguas. Se queredes ir practicando tedes moitos exemplos en https://orellapendella.gal/category/trabalinguas/page/2/

Para deseñar a portada as maiores imitaron as letras de Óscar Villán que tanto lles gustan facer. Despois veu o máis complicado: ordenalas correctamente e ir seleccionado as que faltaban para escribir a palabra correctamente.

miércoles, 2 de diciembre de 2015

¡CANTAS NANAS!


A semana pasada, na nosa visita semanal a biblioteca, descubrimos que no recuncho de nanas hainas de todas clases. E non soamente para durmir aos meniños, tamén para as gata, os vampiro e ata… ¡O Coco!. Ese persoeiro tradicionalmente malvado pero que en nós provoca risa, porque na versión de Gloria Fuertes que tanto nos gusta, é o neno quen leva a “O Coco” se durme pouco.



Pero, sen lugar a dúbidas, os cantos de berce preferidos dos cativos son os traídos da casa, eses nos que aparecen eles de pequerrechiños, co biberón ou a chupeta, no colo de mamá ou papá ou simplemente no berce. Eles están desexando ensinarllos aos seus amigos e as mestra e, como non podía ser doutro xeito, empregalos para arrolar a Zapatocas.

jueves, 19 de noviembre de 2015

CANTOS DE BERCE

Con motivo da Semana da Tradición Oral, na escola andamos a traballar ao redor das nanas. Somos conscientes que nos últimos anos estase a perder o fermoso costume de cantar aos nenos para adormecelos ou calmalos. Moitos deses arrolos que acompañaron a nosa infancia están desaparecendo. Dende a escola pretendemos recuperalos. A proposta é que axudedes aos vosos fillos a memorizar e escribir na folla que levaron hoxe para casa ese canto de berce, nana ou arrolo que tanto vos gusta para continuar coa tradición oral e seguir gozando dela. 
Para ilustrala tedes que traer unha foto de cando eles eran bebés, se están no berce ou no colo mellor. Nós escanearémola e despois vola devolveremos. Se preferides podedes mandala por correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com. Con todas as vosas nanas elaboraremos un libriño que virá a enriquecer a nosa biblioteca escolar. Tedes ata final de mes para facelo.
Os que precisen inspiración, neste enlace do blog do Aula de Ribadumia B teñen varios hipervínculos e vídeos con arrolos e nanas. A nós gústanos especialmente a nana do Cuco Cuqueiro do libro “Traca-Traco” que estivemos traballando e escoitando esta semana na biblioteca escolar pero seguro que acabamos descubrindo outras preciosas.

sábado, 14 de noviembre de 2015

ARROLOS


Segundo o calendario do libro e da lectura 2015 do 2 ao 8 de novembro conmemorouse a Semana da Tradición Oral. Na nosa escola gústanos especialmente traballar eses coñecementos transmitidos de forma lúdica de pais a fillos e de avós a netos. Este curso centrámonos nas nanas, neses cantos cos que arrolamos aos meniños para adormecelos ou calmalos e que están cheos de aloumiños.

Como Zapatocas, a mascota da biblioteca, sabe que actualmente son moitas as familias que perderon o costume de cantar nanas aos cativos, preparounos un recuncho cheo de materiais con arrolos. O luns pasado, na nosa visita semanal, vimos e escoitamos algunhas nanas pero o que máis nos gustou foi arrolar a Zapatocas e adormecelo ao ritmo delas.

jueves, 13 de noviembre de 2014

EN NOVEMBRO… A TRADICIÓN ORAL

Todos eses contos, cantos, lendas, xogos, ditos, regueifas, romances, refráns… que se transmiten de pais a fillos de xeito oral, forman parte da chamada Tradición Oral. Segundo o calendario das letras e da lectura, conmemórase na primeira semana de novembro, pero na nosa escola preferimos prolongala máis tempo. Cada ano gústanos centrámonos nun tema en concreto, o curso pasado foron os “xogos para botar sortes”. Mestres que rematamos de perfilar o deste, hoxe comezamos a quentar motores lembrando algún deses enredos nos que é tan rica a nosa tradición oral e cos que tanto nos gusta brincar ao aire libre. Aproveitando a tregua que nos deu a choiva á mañá, xogamos a “Pase Misi” e “As abelliñas de San Miguel”, mirade que ben o pasamos.


lunes, 9 de diciembre de 2013

ENREDAMOS

Este é o nome dun blogue onde tamén poderedes atopar xogos de botar sortes para seguir enriquecendo o noso caderno viaxeiro. Cada semana van chegando novidades e xa son varias as “cantinelas” que sabemos. Soamente lle queda catro casas por visitar, ao mellor témolo rematado antes de dar as vacacións de Nadal.


lunes, 25 de noviembre de 2013

¿QUEN PANDA?

Fai un par de semanas que o caderno de xogos para botar sortes empezou a viaxar polos fogares dos cativos. Son varios os recitados para rifar que aprendemos coa axuda das familias e xa estamos familiarizados coa dinámica a seguir neste tipo de xogos. 
Nos vindeiros días o noso caderno viaxeiro continuará a súa andaina e, na escola, seguiremos traballando ao redor das cantinelas recompiladas nas casas. Nesta entrada iremos engadindo todas as que vaian chegando.

lunes, 18 de noviembre de 2013

ANTÓN CORTIZAS E OS XOGOS TRADICIONAIS

Como xa todos sabedes, o mes de novembro dedicámolo á tradición oral. Este curso ímonos basear no autor Antón Cortizas para recuperar moitos deses xogos e enredos nos que é tan rica a cultura galega. O luns pasado, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, vimos os libros-xoguetes que este autor ten publicado coa editorial Tambre e cos que tanto nos gusta enredar cos dediños. Hoxe aproveitamos para coñecer as súas enciclopedias de xogos tradicionais, nelas limos moitos recitados de botar sortes e vimos como facer xoguetes con obxectos da natureza. Nas vindeiras semanas seguiremos consultándoas, seguro que atopamos infinidade de brinquedos.

martes, 5 de noviembre de 2013

TRADICIÓN ORAL

Segundo o Calendario do Libro e da Lectura, do 4 ao 10 de novembro conmemórase a semana da tradición oral. Na escola, ao igual que outros anos, imos dedicar o mes de novembro a traballar ao redor dos ditos, recitados, cancións, xogos... que escoitabamos aos nosos avós cando eramos pequenos.
Onte xa comezamos a lembrar algúns dos nosos favoritos: “Este olliño pimpilín”, “Rabo de boi”, “Palma repalma”, “Al pasar la barca”… Pero este curso ímonos centrar especialmente nos xogos de botar sortes ou pandas: eses recitados que serven para designar quen panda ou quen libra no xogo que se vai desenvolver a continuación. 
Na escola estamos memorizando os das imaxes, pero queremos lembrar e recuperar todos os que coñezan as nosas familias. Por isto, hoxe puxemos en marcha un caderno viaxeiro que visitará os fogares de todos os cativos, para que cada un engada algún deses xogos para rifar nos que é tan rica a lingua galega. Despois en clase intentaremos aprendelas e continuar coa tradición oral dos nosos avós.


sábado, 26 de octubre de 2013

DRAGÓN, ¿ESTÁS AÍ…?

O vindeiro mércores día 30 celebraremos a festa do Samaín que este ano terá como tema central os dragóns. Temos previstos realizar diversos xogos que empezamos a practicar esta semana. Un dos nosos favoritos é “Dragón, ¿estás aí?", a nosa propia versión da canción “Jugando al escondite” de Rosa León, na que cada curso substituímos ao lobo por un personaxe relacionado co medo, este ano tócalle aos ¡¡DRAGOOOOONS!!... 



Por se vos animades a xogar en familia, aquí vos deixamos o vídeo coa canción…

martes, 15 de octubre de 2013

OS XOGOS DE RODA PASAN AOS MARTES

Nos dous últimos anos, dedicabamos a última hora dos venres aos xogos populares. Este curso, entre as clases de música e o obradoiro de cociña,  ese día da semana xa temos actividades dabondo. A partir de agora será ao final da mañá dos martes cando lembremos todos eses xogos nos que é tan rica a nosa tradición oral. Hoxe, ademais de “A la rueda, rueda…”, intentamos ensinar aos máis pequenos as normas de “Guante, guante”; se na casa tamén queredes practicar, neste enlace, tedes unha versión parecida á que nós cantamos.