sábado, 30 de noviembre de 2019

PREPARANDO O FESTIVAL DE NADAL

O vindeiro día 20 de decembro celebraremos o noso tradicional festival de Nadal no que cada clase participa cantando unha panxoliña. Na nosa escola xa temos escollida a que dramatizaremos e andamos ensaiando. Para os que desexen practicar tamén na casa, a continuación vola deixamos.

viernes, 29 de noviembre de 2019

A AMEIXEIRA DE MARCOS

O segredo da árbore de Marcos é familiar e ten máis de cen anos, como podedes ler na imaxe do caderno viaxeiro. Gustounos tanto, que todos os meniños querían ir a súa casa a subirse a esa ameixeira que, de tan velliña, empeza a estar cansa e quere quedar deitadiña no chan.

MERCURIO

viernes, 22 de noviembre de 2019

MERCURIO DIANTE DO SOL


Esta semana, a noticia que vimos no Faro de Vigo sobre o transito de Mercurio por diante do sol, serviunos de detonante para falar sobre este pequeno planeta. Da biblioteca collemos libros de astronomía, buscamos a Mercurio e gozamos viaxando ao espazo polas súas páxinas. No xornal traballamos ao redor da nova e a páxina na que aparece publicada. E en informática vimos o vídeo coa selección das mellores imaxes difundidas pola NASA e que vos deixamos a continuación.

jueves, 21 de noviembre de 2019

A SEQUOIA DE LÍA

O segredo da árbore de Lía e ben bonito como podedes ler na imaxe do caderno viaxeiro. Contounos que a súa árbore estivo enfermiña pero que agora xa está recuperada. Para que viramos o especial que son as súas follas tróuxonos unha ramiña pequerrechiña que cheira de marabilla. No encerado dixital vimos o grandes que chegan a ser as sequoias e quedamos abraiados.

martes, 19 de noviembre de 2019

QUE VÉN O LOBO!


Co gallo da pasada festa do Samaín, e a partir da lectura do conto “O home lobo”, mergullámonos de cheo nos contos que teñen a estes seres coma protagonista e aos medos relacionados con eles e a lúa. Dende a biblioteca escolar fixemos unha recompilación con todos e elaboramos a seguinte guía de lecturas. Cando rematemos de traballar con ela en formato papel levarémola para casa.

COA LÚA NAS MANS


Mirade que foto bonita fíxonos chegar Laura da pasada lúa chea.

miércoles, 13 de noviembre de 2019

O SEGREDO DAS NOSAS ÁRBORES

Hoxe puxemos en marcha unha nova proposta que paseniño ira pasando polos fogares de todos os meniños. Trátase dun caderno viaxeiro para apoiar a candidatura da Figueira da Casa-Museo de Rosalía de Castro como árbore do ano 2020.  A Árbore Europea do Ano creouse para dar a coñecer a existencia dun valioso patrimonio natural e cultural que todos deberíamos apreciar e protexer. A diferenza doutros concursos, non é importante a beleza, o tamaño ou a idade da árbore senón a historia e a conexión coas persoas.
Todos e cada un de nós seguro que temos unha árbore singular na nosa vida. A árbore que plantou  o avó, a que serve de cabana para os nenos, a que nos acompañou sempre, a que nos dá esa magnifica sombra no verán … Para nós son importantes aínda que non sexan as máis grandes, nin as máis vellas, nin as máis bonitas.
Trátase de elixir esa árbore significativa da nosa vida e axudar aos nenos a escribir o seu nome nese caderno viaxeiro. Tamén podedes contarnos o seu segredo, o porqué esa árbore é especial para vós e pegar unha foto dela cos nenos ou se o preferides enviala ao correo escoladeleiro@gmail.com. Conforme cheguen á escola a idea é que os nenos conten aos seus compañeiros esas vivencias relacionadas coas árbores e deste xeito valorarán, apreciarán e protexerán máis o medio ambiente.

lunes, 11 de noviembre de 2019

O UNIVERSO DE ROSALÍA

En novembro celébrase o mes da ciencias en galego. Este curso quixemos unirnos a esta conmemoración tendo o universo como eixo central. Comezamos facendo un pequeno experimento coa luz para presentar aos meniños o mural do Universo de Rosalía que imos realizar na biblioteca. 

Cun tubo de papel hixiénico, unhas folliñas de papel reciclado que decoramos e unha lanterna, alumeamos o cartel de Rosalía proxectando unha estrela. Probamos a aumentar ou diminuír o tamaño da estrela acercándonos ou aloxándonos da parede. E o máis divertido, o xogo a escuras para pillar a estrela que se movía polo chan … Gustoulles tanto a todos, que cada meniño está a facer a súa para xogar na casa a experimentar coa luz.
Nas vindeiras semanas queremos encher este mural con poemas de Rosalía de Castro relacionados coa lúa, o sol, as estrelas … animádevos a participar mandándonos os vosos favoritos ao noso correo electrónico escoladeleiro@gmail.com  e crearemos o Universo de Rosalía.
E lembrade que mañá que é  o último día para votar en http://nombraexoplanetas.es/ e conseguir que a nosa poeta teña a súa estrela no universo.

domingo, 10 de noviembre de 2019

A QUE SABE A LÚA?

Esta semana volveremos a ter lúa chea e nós aproveitamos a ocasión para cociñala e animar aos pequenos a probar a cenoria. Comer o nariz ou a boca da lúa feita con esta nutritiva verdura, sempre é unha motivación para degustala.


viernes, 8 de noviembre de 2019

XOGANDO CON CAROZOS


Unha vez rematada a festa do Magosto, foron moitos os carozos que sobraron e quedaron na escola. Como outros anos, decidimos reutilizalos e empregalos  para un dos seus usos tradicionais e que actualmente estase a perder: o xogo. Con eles podemos facer torres, camiños, debuxos, letras …. Desenvolver as habilidades motoras probando a encestar, lanzar, recibir, manter en equilibrio …  Traballar as matemáticas contando, xuntando, comparando, quitando … Mellorar as habilidades sociais compartindo, colaborando, respectando as normas … Potenciar a  creatividade, a imaxinación, a fantasía … Por se todo isto non fora suficiente, é un xoguete ecolóxico, biodegradable, non pesa e ao caer non fai ruído nin rompe. Así que esta semana de recreos chuviosos os meniños xogaron cos carozos e construíron, compartiron, crearon, imaxinaron pero sobre todo se divertiron.

miércoles, 6 de noviembre de 2019

UNHA ESTRELA PARA ROSALÍA

Esta semana, o Diario de Pontevedra serviunos para coñecer unha preciosa iniciativa que están a levar a cabo a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Fundación Rosalía de Castro. Queren poñerlle o nome da escritora galega á estrela HD 14913.  A Unión Astronómica Internacional,  para celebrar o seu centenario, organizou a campaña global NameExoWorld que permite a calquera país do mundo dar un nome popular a unha estrela e ao seu exoplaneta asociado. A estrela designada a cada nación é visible desde ese país, e o suficientemente brillante como para ser observada a través de pequenos telescopios. 
A nosa escola únese a tan fermosa proposta e anima a todas as familias a participar votando ata o 12 de novembro na páxina http://nombraexoplanetas.es/. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país.

martes, 5 de noviembre de 2019

PALMEIRA DE FROITAS

Despois de ver a palmeira da igrexa de leiro e comprobar que non está afectada polo picudo, non puidemos resistirnos a elaborar unha rica e nutritiva palmeira de froitas.

lunes, 4 de noviembre de 2019

O FALCÓN PERDIDO

A noticia sobre un falcón perdido publicada en La Voz de Galicia, serviunos para coñecer o traballo que realizan estas aves nos aeroportos e a súa importancia para a seguridade aérea.

A través de libros da biblioteca escolar e vídeos como o que vos deixamos a continuación, aprendemos cousiñas destes animais. E xa sabedes, se atopades un cun anel laranxa nunha pata e un dispositivo gps de cor azul na outra, chamade ao número de teléfono da ficha.

viernes, 1 de noviembre de 2019

SAMAÍN E MAGOSTO 2019

Bruxas, vampiros, zombis, esqueletos, demos … o mércores a nosa escola quedou invadida polos máis terroríficos e divertidos seres. A pesar da choiva e o mal tempo, os meniños pasárono de medo cantando coa banda de musica, aprendendo a importancia de reciclar, reutilizar e reducir coa bruxa Hermelinda e a fada 3Rs, lendo contos de medo e gozando dunha arrepiante e deliciosa merendola. 
Moitas grazas a todas as familias que colaboraron traendo riquísimos e elaborados doces típicos destas datas e aportando cabazos decorados para a exposición. E noso especial agradecemento as que pasaron toda a mañá asando castañas a pesar da choiva e o fume.