Mostrando entradas con la etiqueta Bichiños da nosa ría. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bichiños da nosa ría. Mostrar todas las entradas

jueves, 13 de junio de 2019

RECECUARIO


Estes días andamos a reler todas as receitas que trouxeron os meniños da casa polo Nadal. Con elas e as cunchiñas e peixes do noso recuncho de tesouros do mar, andamos a construír un rececuario. Para elaboralo, estamos a transformar unha caixiña de cartón nunha maqueta. Nela imos introducir os peixes e mariscos que viñan nas receitas de cada meniño. Enriba deles poñeremos códigos QR que remitirán a enlaces do noso blog onde colgaremos as receitas aportadas polas familias. Se no seu momento non o fixerades, aínda estades a tempo de participar.

martes, 9 de abril de 2019

NUTRIAS MARINAS

A noticia publicada  en xaneiro no periódico Faro Vigo sobre as “nutrias marinas”, serviunos de detonante para buscar información e coñecer algunhas das características deste simpático mamífero.
Vimos varios vídeos, entre eles, no que podedes ver como nacen facendo clic aquí.

domingo, 24 de marzo de 2019

ORELLAS DE MAR

Dende que Marcos nos trouxera unha cunchiña moi fermosa e con buraquiños para o noso recuncho de tesouros do mar, todos queríamos saber que era. Despois de investigar descubrimos que se trataba dunha orella de mar.

Tamén vimos que este molusco non é apreciado no noso país, pero noutros lugares é considerado unha exquisitez e un dos mariscos máis caros do mundo.

viernes, 4 de noviembre de 2016

MINIPIZZAS MARIÑEIRAS


Graciñas ao programa “O sabor da aventura está no mar” e os seus protagonistas “Os Arroaces”, na aula estamos descubrindo as múltiples avantaxes do consumo de produtos do mar. Pouco a pouco van chegando á escola as fotografías coas que os meniños demostran que comen peixe na casa e coas que imos facer unha exposición e varias actividades. Ao noso obradoiro de cociña tamén chegaron estes nutritivos alimentos para elaborar minipizzas mariñeiras.

miércoles, 19 de octubre de 2016

O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR

Para facilitar o coñecemento e consumo dos produtos do mar, o curso pasado desenvolvemos no noso centro o programa: “O sabor da aventura está no mar”. Nesta campaña están incluídas a realización de excusións para que os alumnos poidan coñecer o traballo dos profesionais do mar a través dos diferentes recursos patrimoniais existentes nas localidades litorais, no noso caso: O Grove, onde fomos o luns. 
Comezamos a nosa saída percorrendo Porto de Meloxo, vimos os barcos bateeiros e o labor que realizan, as nasas, as redes e ata un polbo vivo que acababa de ser capturado. Despois fomos ao Centro de  Interpretación da Pesca e da Salga, un curioso e bonito museo que sen lugar a dúbidas recomendamos visitar detidamente en familia. Cunha mañá tan intensa entrounos a fame pero xa os nosos amigos “Os Arroaces” tiñan preparada unha rica merendola mariñeira. Coas forzas recuperadas puxemos rumbo ao Acuario de O Grove  e rematamos a xornada observando e coñecendo curiosidades de peixes, moluscos, crustáceos …  

martes, 10 de mayo de 2016

O RESCATE DOS GOLFIÑOS


Aínda que nas últimas semanas non publicamos ningunha entrada relacionada coas nosas actividades co xornal, foron moitas as novas ao redor das que traballamos na aula. O 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes, os accidentes provocados polo xabaril nas nosas estradas, a viaxe dun can nun coche tras ser atropelado, a nosa festa dos maios … pero a que máis nos gustou foi a do rescate de dous golfiños na illa de A Toxa

jueves, 28 de abril de 2016

O DÍA DO LIBRO EN INGLÉS E "CON PILAS NOS BOCATAS"…


O venres continuamos coas nosas actividades para conmemorar o día do libro cunha xornada repleta de propostas. Para quentar motores comezamos a mañá realizando marcapaxinas conmemorativos con ilustracións alusivas á “Lenda de San Xurxo”.

Mentres, no Local Social uns mestres moi especiais chamados PANS andaban a argallar un obradoiro de cociña do máis nutritivo. Cando todo estivo listo pasamos e explicáronnos que PANS é a abreviatura de Profesores da Alimentación e da Nutrición Saudable. 
A través de diferentes xogos foron ensinándonos as avantaxes de comer peixes e outras especies mariñas.
E como na escola non temos onde gardar estes produtos sen que se estraguen, mostráronnos como preparar un espectacular bocadillo con conservas: Atún, mexillóns, sardiñas, chocos … enriquecidas con leituga, tomate, cenoria … Cada cativo puido elixir os seus ingredientes favoritos ata poñerlle as pilas o seu bocata.
Despois de repoñer forzas con esta saudable merenda, continuamos co noso programa mergullándonos na lingua inglesa coa actuación KID´S & US. Con elas celebramos o aniversario da raíña de Inglaterra e practicamos diverso  vocabulario na lingua da súa maxestade.

Non podíamos rematar un día tan sinalado sen facer mención a “Don Quijote de la Mancha” no 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes. Da man de “Las Tres Mellizas viaxamos no tempo e visitando este enlace vimos a aventura dos muíños

martes, 12 de abril de 2016

¡CANTOS PEIXES HAI NA NOSA RÍA!


Castañeta, peixe cinta, manta, peixe rei, faneca, raia… graciñas á colección peixes de Galicia que temos na aula, estamos coñecendo e aprendendo algúns nomes dos numerosos animais que habitan nas augas da nosa ría. Cada cativo escolleu o seu favorito, limos como se chamaban e fixemos tarxetas. Agora xogamos a lelas e asocialas cos peixes que representan.
E como xa sabedes que nos encanta iso de elaborar no obradoiro de cociña todo o que traballamos na aula, a continuación vos deixamos a nosa particular receita de ¡peixes da ría!.

jueves, 7 de abril de 2016

¡IMOS DE EXCURSIÓN!


Despois de tanto falar do Salón do Libro de Pontevedra, non podíamos deixar pasar a oportunidade de visitalo. Ao chegar, tras unha gran aperta da súa mascota ORBIL, xa estabamos preparados para a sesión de contacontos.. Logo unha monitora falounos das aventuras de Estravaganza e, seguindo as pistas do mapa, visitamos os diferentes lugares del Salón. Merendamos para repoñer forzas e puxemos rumbo ao Museo para rematar a xornada mergullarnos no mundo da arte.

miércoles, 6 de abril de 2016

NA HORA DE LER…TAMÉN BICHIÑOS DA RÍA

Contos, exemplares de consulta, poesías, libriños con solapas e pestaniñas, tridimensionais … dende a semana pasada a nosa bolsiña da hora de ler está cargada de lecturas que teñen os bichiños da ría como protagonistas. Cada día o encargado elixe un e paseniño iremos léndoos todo. Seguro que aprendemos moito do mundo mariño á vez que nos divertimos. 

martes, 5 de abril de 2016

UN GOLFIÑO EN MADRID


A noticia da aparición dun esqueleto de golfiño en Madrid, serviunos a semana pasada de detonante para coñecer a anatomía destes animais. Consultando diferentes libros da biblioteca, ademais de ver o seu interior, observamos como nacen, aliméntanse e axúdanse.
Pero sen lugar a dubidas o que máis gustou aos meniños foi o ver o seu esqueleto e órganos internos en tres dimensións no exemplar “O golfiño”.

sábado, 2 de abril de 2016

COMENZOU O SALÓN DO LIBRO

Onte foi a inauguración oficial do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no que participa o noso centro co traballiño “¡Canta bichería na nosa ría!”. Ata o día 23 podedes velo no Pazo da Cultura de Pontevedra e asistir as actividades que ao redor do evento se realizan. Como xa vos comentamos nunha entra anterior,  a nosa aula contribuíu coa proposta “Cociñando bichería”. Aínda que á hora de levar á practica as receitas atopadas nos libros de cociña da nosa biblioteca, fixemos a nosa propia versión. A ver que vos parece como nos quedou a nécora que elaboramos antes das vacacións.

miércoles, 16 de marzo de 2016

BICHIÑOS DA RÍA TAMÉN NO CHOCOLATE


Estrelas de mar e ourizos, son dous dos ingredientes do chocolate que crearon científicos rusos. Lémolo no xornal a semana pasada e quedamos abraiados. Aproveitamos a nova para ver nos libros da biblioteca como eran estes animais.
Cando fomos visitar a conserveira estaban a envasar a súa carne e pedímoslle se nos deixaban algunhas cunchas. Trouxémolas para a escola e puidemos observalas máis detidamente na aula. Vimos que había de dúas cores e que pódense coller se o facemos con moito coidadiño.

lunes, 14 de marzo de 2016

COCIÑANDO BICHERÍA

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, co gallo do Salón do Libro de Pontevedra, na escola imos traballar ao redor dos bichiños da nosa ría. Comezamos cociñando a nosa propia versión dun que ten oito brazos, dous ollos, muda a cor, alimentase de peixiños, cangrexos … seguro que xa sabedes de que bichiño andamos a falar. Para os que non o teñan claro mirade nas fotos e veredes que fácil, o único complicado é cortas as rebandas de xamón.

jueves, 10 de marzo de 2016

SALÓN DO LIBRO 2016

Baixo o lema ¡Canta bichería!, do 1 ao 23 de abril se celebrará en Pontevedra o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Todo tipo de animais terán cabida nesta edición pero no noso centro os protagonistas serán os bichiños da nosa ría: moluscos, peixes, crustáceos, cefalópodos, aves … Cada clase vai realizar un traballiño ao redor deles que plasmará nun par de folliñas que irán a formar parte dun libriño co que participaremos neste evento.
Na nosa aula decidimos contribuír facendo unha das actividades que máis nos gusta: cociñar. Pero primeiro tíñamos que buscar receitas que se adaptaran aos nosos intereses.
 O mellor sitio para facelo é a biblioteca escolar. Fomos á zona documental e descubrimos que os libros que tratan de alimentos teñen a pegatina azul e o número 64. Despois de moito consultar, xa temos feita a selección de libros pero iso volo contaremos noutra entrada.

miércoles, 9 de marzo de 2016

¡IMOS DE EXCURSIÓN!

A mañá empezou con moita choiva pero pasámolo xenial. Comezamos poñendo os chalecos reflectores para non perdernos e abrigámonos ben coas capuchas para non mollarnos. Despois tocou a emoción de montarnos no autobús cos compañeiros das escolas e, case sen darnos conta, chegamos ao noso primeiro destino: Conservas Cambados.
¡Cantas cousas aprendemos coas responsables da fabrica! Ao chegar explicáronnos como eran as latas, os alimentos que envasaban, o proceso que seguían, como trataban os produtos … Acto seguido déronnos uns traxes especiais e uns gorros para protexer  a manufactura e pasamos a ver as instalacións. ¡Quedamos abraiados! … ¡cantas máquinas con diferentes funcións!... O mellor: envasar gominolas nunha lata personificada co noso nome.
Tras unha pausa para repor forzas cos bocadillos que trouxemos da casa, continuamos coa segunda parte da nosa excursión: O Parque Comarcal de Bombeiros do Salnés. Ensináronnos os seus vehículos; as ferramentas; onde durmían, comían, daban clase e facían deporte; fixeron soar as sereas; deixáronnos probar os seus cascos e ata ¡montamos no camión de bombeiros!...