Mostrando entradas con la etiqueta Nova York. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Nova York. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de junio de 2013

VALENTINA EN NUEVA YORK

Este é o título do conto guía que comezamos a ler a semana pasada na biblioteca. Valentina, a protagonista da historia, consigue unha viaxe a Nova York para ela e o seu amigo Tomás. A señorita Jacinta será a encargada de acompañalos.
Nos vindeiros días descubriremos as súas aventuras na cidade. Por agora traballamos ao redor do título, vimos o mapa guía despregable que ven no conto e levamos para casa un recortable para montar o Empire State con King Kong incluído.

lunes, 20 de mayo de 2013

COÑECENDO NOVA YORK

Pouco a pouco imos familiarizándonos con esta cidade. Sen lugar a dubida o primeiro que chama a atención dela son os seus rañaceos, o Empire State é o máis coñecido, aínda que o que máis lle sorprendeu aos cativo foi a imaxe de King Kong que adoita acompañalo nalgunhas ilustracións. Pero en Nova York temos moito por descubrir. O primeiro, coma sempre, buscar información, e as guías de viaxe que temos na nosa biblioteca escolar son a mellor opción, pero hai que ter claro cales son as que falan de Nova York e cales son da mesma colección pero fan referencia a outras capitais.

miércoles, 8 de mayo de 2013

UNHA TAZA DE NOVA YORK

María contounos que foi un agasallo que lle trouxo unha amiga da súa mamá cando foi de viaxe a esa cidade. En clase estivemos vendo o que significaba canda unha das letras que nela aparecen, ao principio líamos “I”, corazón, “Y” e “N”. Agora xa entendemos que iso quere dicir: “¡Eu amo Nova York!”.

martes, 30 de abril de 2013

LOLA EN NUEVA YORK

Este é o título do conto que vimos onte na nosa xornada na biblioteca escolar. Ademais de lelo, aproveitamos para ver cal é a súa localización habitual para cando o queiramos levar prestado. Como sabedes, na zona de literatura infantil os libros están organizados por editoriais, así que, o primeiro era ver a cal pertencía, como se chamaba e cal é o seu anagrama para que os que aínda non saben ler poidan localizalo con facilidade.
Buscamos pola biblioteca e atopámolo rapidamente, despois no encerado vimos o que significaban o "E" e o "J" que aparecen no debuxo. Miramos os libros que temos desta editorial e comprobamos como no seu lomo todos teñen en pequerrechiño o anagrama da editorial. Á hora do emprestito queríamos levalo para casa e gozar de novo coas aventuras de Lola en Nova York, pero mentres esteamos traballando ao redor desta cidade, temos que esperar que o lean tamén os nenos das outras aulas.



viernes, 26 de abril de 2013

A ESTATUA DA LIBERDADE

Sen lugar a dubidas é o monumento máis representativo de Nova York. No recuncho que estamos montando desta cidade temos varias imaxes dela e, nos libros da biblioteca que falan de Nova York, comprobamos que aparece en todos. Agora xa son varias as cousiñas que coñecemos deste monumento. ¿Quen se anima a enviarnos  un comentario contándonos cantas puntas ten a súa coroa?...
Para os que prefiran familiarizarse coa historia da Estatua da Liberdade a través do vídeo, aquí lle deixamos un de Cantinflas

domingo, 21 de abril de 2013

PSICOMOTRICIDADE EN NOVA YORK

Despegamos rumbo a Nova York e pouco a pouco imos collendo a velocidade suficiente para cruzar o Atlántico. Ao chegar o primeiro que vemos e a Estatua da Liberdade, pero para xogar hai que ter claro que a man dereita é a que ten que estar arriba co facho e a esquerda pegada ao corpo coa táboa. Os que teñen ladrillos amarelos son os taxis e o resto os coches. Para cruzar a Ponte de Brooklyn hai que ir a modo se non queremos caer ao río Hudson… Xogamos, interiorizamos o noso esquema corporal, afianzamos a nosa lateralidade á vez que enriquecemos o noso vocabulario e familiarizámonos con algúns dos lugares emblemáticos desta cidade…
E para os que boten de menos Kenia, aquí lles deixamos un LIM co que lembrar algunhas das cousiñas que vimos o trimestre pasado.

lunes, 15 de abril de 2013

FÉLIX CHEGOU A NOVA YORK

Soubémolo  hoxe, cando limos a carta que lle enviou a súa amiga Sofía. Nela fálanos dunha estatua xigante, un parque enorme e rañaceos. Na vindeiras semanas investigaremos sobre todo isto. Para empezar, ademais de buscar varias palabras significativas na carta de Félix, estivemos vendo os libros que temos na biblioteca que falan Nova York. 
Tamén imos montar un novo recuncho en clase, polo que, se tedes contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos de axencias de viaxe ou calquera outro material relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.