Mostrando entradas con la etiqueta Picasso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Picasso. Mostrar todas las entradas

viernes, 19 de abril de 2013

DALÍ NO XORNAL

E non soamente Dalí, senón tamén Picasso. Ámbolos dous saíron nun dos periódicos que vimos a semana pasada. O primeiro pola exposición que haberá en Madrid e ao redor da cal seguiremos traballando, e o segundo por cumprirse o 40 aniversario da súa morte. Ademais, nun dos libros que temos na biblioteca, descubrimos que cando Dalí viaxou a París foi visitar a Picasso a quen admiraba.

lunes, 8 de abril de 2013

LEMBRANDO A PICASSO

Hoxe cúmprese o 40 aniversario da morte de Pablo Picasso, o pintor ao redor do que estivemos traballando o curso pasado. Parécenos unha boa ocasión para publicar a guía de lectura que realizamos no seu momento e lembrar os fondos que temos na biblioteca escolar a disposición de todos.

martes, 5 de junio de 2012

UN COLLAGE MOI ESPECIAL

Tendo as obras de Picasso como modelo e seguindo a idea que nos deu o papá de Martiño cando veu a falarnos do seu traballo, estamos creando un “collage” moi especial. Taboíñas, restos de  madeira, rotuladores, ceras, cola… Esta semana queremos rematalo, non sabemos se non quedará tan bonito como os que realizaba Picaso. O que si temos claro é que gozamos experimentando con estes materiais.

domingo, 6 de mayo de 2012

¡FELICIDADES MAMÁS!

E para celebralo xa temos lista a exposición “Mamás traballadoras de Leiro” que comezaramos co gallo do Día da Muller Traballadora baseándonos nas maternidades de Picasso. Cando empezamos co tema, moitos dos cativos non sabían como se chamaban a súa nai. Eles tíñano claro: “mamá chamase ¡mamá!”. Agora, ademais de ter unhas fotos preciosas que os nenos no paran de mirar, todos sabemos os seus nomes, e non soamente o da nosa, tamén as dos nosos compañeiros. Para coñecer mellor a eses marabillosos seres que nos coidan día a día, estamos a desenvolver un pequeno proxecto ao redor delas. Esta semana iniciamos o tema descubrindo cal era a súa cor favorita: verde, amarelo, violeta, marrón … pero a gran triunfadora foi a azul … Fixemos un listado, consultámolo para copiar as dos nosos amigos, axudámoslles a escribilo aos que se lle resistía algunha letra, comparamos, matizamos a tonalidade: “A verde non, a verde claro é a que ela prefire”. Esta fin de semana toca a gastronomía. ¿que lle gustará comer a nosa nai?...

miércoles, 2 de mayo de 2012

NUNCA MÁIS

O pasado xoves 26 de abril conmemorouse o 75 aniversario do bombardeo de Guernica. “Centenares de persoas morreron ou resultaron feridas …”. “O 1 de maio Picasso descubre no xornal o horror” … con estas palabras sinxelas conta o libro “Y Picasso pinta Guernica” a historia da traxedia e como Picasso crea o seu cadro máis famoso nun berro de paz. Na escola tamén quixemos lembrar este día tan sinalado, reflexionando sobre a crueldade da guerra e lembrando o poema de Ignacio Sanz “El Guernica”. Pero sobre todo cunha idea na cabeza: ¡Nunca máis!

miércoles, 25 de abril de 2012

CONTINUAMOS COÑECENDO A PICASSO

A semana pasada retomamos o noso proxecto “Coñecer a Pablo Picasso”. Situamos no mapa as cidades nas que viviu: Málaga, A Coruña, Barcelona, Madrid e París. Nesta última, transcorre a historia de “Picasso y Minou” libro no que, coa axuda de Minou, o gatiño protagonista, descubrimos a tristura que envolve os cadros da época azul de Picasso, provocada pola morte do seu amigo Carlos Casagemas. Este é un dos moitos volumes que temos na biblioteca da escola que falan deste pintor. O luns, cando estivemos nela, aprendemos onde estaban situados e como temos que facer para localizalos. Todos os exemplares que tratan de pintores están no andel que ten o número 75 e a etiqueta de cor rosa.

martes, 20 de marzo de 2012

O COLLAGE

Hoxe descubrimos o nome doutro xornal francés nun “collage” de Picasso. Nesta ocasión tratábase de “Le Figaro”, a verdade é que foi moi doado de identificar no medio dos demais periódicos. Despois de ver tantas obras, chegou o momento de realizar os nosos propios collages.
Primeiro eliximos o nome do xornal que queríamos empregar na nosa creación e despois puxémonos a traballar con total liberdade.
Ás veces resulta complicado recortar un diario, as follas son demasiado grandes e finas, pero cada un fixo uso da técnica como considerou oportuno. Estas foron algunhas das nosas producións, nos próximos días seguiremos afondando no tema.

lunes, 19 de marzo de 2012

PICASSO E O XORNAL

Estes días que andamos a voltas coa prensa descubrimos que Picasso tamén empregaba o periódico nas súas obras. Desenvolveu unha nova técnica: o “collage”. Pegaba nos cadros todo tipo de materiais: anacos de xornais, etiquetas de botellas, teas… Vimos varias das súas creacións nas que estaba o nome dun xornal francés que coñecemos “Le Journal”, aínda que non aparecían todas as letras e custounos seleccionar en cada cadro cales eran. Agora queremos realizar nós tamén collages empregando a prensa atrasada que temos na aula… xa vos contaremos.

jueves, 8 de marzo de 2012

FELIZ DÍA DA MULLER TRABALLADORA


Como xa sabedes, na escola andamos aprendendo cousiñas sobre Picasso e as súas obras. Hoxe estivemos vendo os cadros que este autor ten de mamás cos seus meniños e, baseándonos nelas, decidimos facer a nosa propia versión deles empregando unha foto de cada neno coa súa nai. Para renderlle unha pequena homenaxe a todas as mamás neste día tan especial, con todas elas crearemos a exposición “Mamás traballadoras".


viernes, 3 de febrero de 2012

POEMAS PARA A PAZ

Baseándonos no libro de Ignacio Sanz “Picasso me pica” e nunha ficha preparada pola mestra Marta de Ribadumia, esta semana estivemos traballando e memorizando parte do poema que o autor dedica ao “Guernica”. Coa profesora María vimos o vídeo “Paz e bicos” que montou coas nosas fotos, se queredes, aquí tedes o enlace, seguro que vos gusta.

jueves, 26 de enero de 2012

O GUERNICA E O ROBOT

Hoxe continuamos  traballando a noticia que onte limos en “La Voz de Galicia”. Vimos un pequeno vídeo na edición dixital e o comentario xeral dos cativos foi: “Ese robot non ten ollos”… porque o que viron non coincidía coa imaxe mental que eles tiñan de robot. Esperaban algo parecido a un boneco mecánico e atoparonse unha especie de cámara fotográfica con ordenador... Podedes ver o video no seguinte enlace
http://www.elcolombiano.com/video.asp?video=Arte_Guernica
E para aqueles que desexen mergullarse no cadro...

miércoles, 25 de enero de 2012

O GUERNICA

Dende que descubrimos a sección de cultura no xornal, ollámola con frecuencia para intentar  comprender o seu significado. Hoxe limos nela unha noticia relacionada con outro cadro de Picasso, o Guernica. Como non o coñecíamos, a profe ensinounos unha lámina del. Pareceunos que todos estaban enfadados. Para intentar entendelo, vimos os dous libros que aparecen nas imaxes.  A mestra contounos o que pasou nunha terrible guerra cando a súa mamá era pequena e como Picasso expresa no seu cadro todo este horror. O luns conmemórase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia e seguro que estes libros axudarannos a reflexionar sobre o tema.

jueves, 19 de enero de 2012

PICASSO E A SÚA FAMILIA

Hoxe coñecemos á familia de Picasso: a súa nai, o seu pai e a súa irmá. Os seus nomes foron moi doados de memorizar porque na nosa aula temos un neno que chámase, Jose, como o papá, e unha nena, María, como a mamá.  O máis complicado foi cando empezamos a querer escribir os das nosas nais para comparalos, para moitos, a súa nai chámase “mamá” e punto. Para  axudarlle a comprender que cada mamá ten un nome, mañá temos que traer escrito nun folio o seu nome e apelidos… ¡non vos esquezades!...

miércoles, 18 de enero de 2012

DESCUBRINDO A PICASSO

Dende que limos a noticia do roubo do cadro no xornal, sentimos curiosidade e comezamos a buscar de información sobre este artista. Xa descubrimos algunhas cousiñas.  Para empezar, Picasso non é o seu nome, senón o seu segundo apelido. El chamábase PABLO RUIZ PICASSO. Lémolo no libro “Descubiendo el mundo mágico de Picasso” que tedes na imaxe.  Tamén vimos a súa data de nacemento e comparámola coas nosas. Naceu en Málaga, o día 25, igual que Laura, e no mes de outubro, coma Jose Antonio, Andrea e Pablo…¡Cantas coincidencias!. Para non esquecer o que vaiamos aprendendo, decidimos facer un libriño e comezamos a numerar as páxinas. Xa vos contaremos cando saibamos máis cousiñas.

jueves, 12 de enero de 2012

ROBARON TRES CADROS

Lémolo o martes, en “La Voz de Galicia”, na páxina 38, nunha sección do xornal chamada cultura. Por agora coñecíamos a de “el tiempo”, a de “deportes” incluso a de “esquelas”, pero ningún escoitaramos nunca esa. Aínda non entendemos ben o que significa pero agora cada día imos vela para, pouco a pouco, ir asimilando o seu significado.
Un dos cadros roubados é “Cabeza de muller”, aínda que Anxo di que parece “cabeza rota”, foi realizado por un pintor chamado Picasso. Como tampouco sabemos quen é este pintor, vamos a investigar na biblioteca a ver que atopamos.