Mostrando entradas con la etiqueta A Selva Amazónica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A Selva Amazónica. Mostrar todas las entradas

miércoles, 14 de enero de 2015

GUÍA DE LECTURAS DA SELVA


Como xa sabedes pola carta que nos enviou, a nosa mascota viaxeira chegou a Australia. Na escola pronto comezaremos a investigar sobre este país e, para facer sitio a este novo proxecto, onte estivemos desmontando o noso recuncho de “A Selva Amazónica” e levando para casa os materiais que compartimos cos nosos compañeiros. Pero non podíamos dar por rematado o noso traballo ao redor desta rexión de América do Sur, sen facer unha pequena recompilación dos materias nos que nos baseamos. 


Nesta guía de lectura tedes unha mostra da bibliografía que podedes atopar na biblioteca escolar, os nenos xa estiveron decidindo cal queren levar prestado para casa o luns na nosa visita semanal.

domingo, 7 de diciembre de 2014

TRUFAS BRASILEIRAS


Con esta adaptación dos brigadeiros, receita típica do Brasil que vimos no libro “El correo flotante de Félix”, o venres dimos por rematado o noso obradoiro de cociña dedicado a “A Selva Amazónica”, esteticamente non nos saíron moi ben pero estaban para chupase os dedos. 

jueves, 4 de diciembre de 2014

XOGO DA OCA AMAZÓNICO


Este foi o xogo da oca que construíu Rita coa axuda da súa familia e que trouxo á escola para compartir con nós. Nas casillas aparecen imaxes que teñen A Selva Amazónica coma tema central. Fíxonos moita ilusión ver representados aspectos que traballamos ao longo deste trimestre: a bolboreta caimán, a piraña, o golfiño rosado, os froitos do amazonas, o xaguar… Ademais de pasalo en grande botando a nosa partida dos mércores, engadímoslle a emoción  dos perigos da selva. Unha vez máis graciñas a todas as familias por colaborar coa escola dende ámbitos tan diversos.

lunes, 1 de diciembre de 2014

YANOMAMI


Hoxe, a nosa visita á biblioteca escolar foi dedicada a coñecer o pobo Yanomami. Habitan na selva amazónica, na fronteira  entre Brasil e Venezuela. Recollen froitos das árbores, pescan e cazan aves e animais. Viven en aldeas de forma ovalada chamadas shabono e todos dormen en hamacas. Vímolo nos primeiros minutos dun curioso reportaxe de “Callejeros” que tamén podedes mirar na casa pinchando aquí.

Pero o que máis nos gustou foi comezar a vestir e decorar o home e a muller Yanomami fotocopiable que nos enviou por correo electrónico a mamá de Rita. Unha divertida manualidade que aínda non rematamos pero que sen dúbida nos vai  axudar a aprender o nome desta curiosa tribo.

domingo, 30 de noviembre de 2014

ZUME SELVÁTICO

Na entrada anterior vimos como preparar unha festa coa selva coma tema central, nesta propoñémosvos a receita para invitar aos vosos amigos. Ademais… ¡Como nos gusta facer  zume de laranxa!… iso de espremer coma chicos maiores ten o seu encanto. Se a isto lle engadimos a fortaleza que nos vai proporcionar as vitaminas do resto dos ingredientes e o toque selvático do seu nome, temos o conxunto perfecto para gozar da merenda.

viernes, 28 de noviembre de 2014

FESTA SELVÁTICA


Máscaras con forma de monos e rás para as invitacións, grilandas con anacondas para decorar, flores de froitas e piscinas de néctar con xelatina e doces para a merenda  … isto e todo o necesario para organizar unha festa selvática atopámolo no libro ¡fiesta! que temos na nosa biblioteca escolar. Del sacamos a idea para a receita do noso obradoiro de cociña de hoxe, pero iso volo contaremos noutra entrada. Como podedes observar nas fotos, as serpes son moi doadas de facer, así que se vos animades, esta fin de semana podedes realizar unha celebración con esta temática. E para os que están enfermiños incluímos unha imaxe co proceso por se queren facela na casiña.

lunes, 24 de noviembre de 2014

ANACONDA

Despois do impresionados que quedamos tras ver o documental do nacemento das anacondas o pasado luns, non podíamos deixar pasar a oportunidade de levar ao noso obradoiro de cociña tan temido e admirado réptil. O venres puxemos mans a obra e convertemos unha inofensiva mandarina nunha cría de anaconda rodeada de temibles pirañas. O resultado non foi moi lucido pero o pasamos en grande decidindo quen comía a quen.

lunes, 17 de noviembre de 2014

EN LOS DOMINIOS DE LA ANACONDA

Este é o título do DVD que estivemos vendo esta mañá na biblioteca escolar. Nel puidemos observar como cazan e nacen as anacondas, pero tamén como teñen inimigos que non dubidan en devoralas nada máis nacer.
Paralelamente aproveitamos para traballar a educación documental e comprobar que na biblioteca non soamente hai libros e contos, senón que tamén podemos encontrar información noutros formatos.  Fomos á zona documental e buscamos onde está colocado este DVD. Descubrimos outro de golfiños que tal vez nos poida resultar interesante.

martes, 11 de noviembre de 2014

BOLBORETA CAIMÁN

A semana pasada estivemos vendo que en “A Selva Amazónica” habitan moitas especies de bolboretas e decidimos levalas ao noso obradoiro de cociña. Buscamos nos libros para elixir unha e, nun exemplar titulado “Bichos”, atopamos unha que rapidamente nos fascinou: a bolboreta caimán. Caracterizase pola súa cabeza con aspecto de cacahuete que vista lateralmente lembra a un caimán. Ao despregar as súas ás inferiores poden verse dous falsos ollos que serven como prevención dos depredadores.

martes, 4 de noviembre de 2014

O NOSO RECUNCHO DA SELVA AMAZÓNICA


Libros, atlas, enciclopedias, revistas, peluches, bonecos, contos, animais…  o noso recuncho da Selva Amazónica medra constantemente grazas ás achegas dos cativos.
Todas as semanas atopan algunha cousiña que o enriquece: un conto, un xoguetiño, unha imaxe, un CD, unha publicación… ás veces os obxectos e documentos quedan definitivamente pero outras son visitas temporais, veñen pola mañá e á hora da saída non podemos separarnos deles e volven para casa. O importante é que todos aprendemos de todos e compartimos.
Hoxe, baseándonos nas lindas lianas e follas que a mestra Ana preparou para a biblioteca escolar, estivemos decorándoo. Pintar cos dedos sempre nos gusta e ao recanto deulle un toque selvático. Unha vez máis graciñas a todas as familias pola súa implicación e colaboración.

lunes, 3 de noviembre de 2014

ANIMALES DE LA SELVA


Este é o título do último libro que entrou a formar parte da nosa biblioteca de aula e ao redor del cal estivemos traballando nas últimas semanas. Ademais de información en formato de guía de campo e bonitas ilustracións, trae pezas para montar oito animais da Selva Amazónica cos que nos encanta xogar á vez que nos imos familiarizando cos seus nomes. O tapir, o guacamayo escarlata, o coatí e o morcego vampiro son algúns dos vertebrados que coñecemos graciñas a este volume. Nos vindeiros días continuaremos traballando para aprender máis cousiñas sobre eles.

lunes, 27 de octubre de 2014

TARÁNTULA

¡Que medo nos dan as arañas!... O venres, antes de cociñar, estivemos vendo libros que falan delas e limos que a maioría son inofensivas e moi necesarias para controlar ós insectos. Incluso hai un baile chamado tarantela que se danzaba coa finalidade de curar os efectos producidos pola mordedura da tarántula. A ver se aprendemos a realizalo.


domingo, 26 de octubre de 2014

¡QUE RICO O ANACARDO!


¡Quero máis, quero máis¡… esta era a frase que todos repetían tras degustar este froito seco que nos trouxo o xoves Rita. Buscamos o seu nome na revista onde aparecen os froitos do Amazonas e alí estaba. Gustounos tanto que o venres Mencía trouxo máis para todos. Graciñas ás familias por compartir con nós tan delicioso alimento.

sábado, 25 de octubre de 2014

¡QUE LINDA ANACONDA!


Xa viramos moitas e variadas imaxes delas nos libros da escola, pero o que nunca podíamos imaxinar era a fotografía que atopamos no número 1408 da revista XL SEMANAL. Quedamos abraiados. Segundo o xornalista, o réptil xa comera e estaba tranquilamente dixerindo un can.
A anaconda do suplemento dominical, mide cinco metros pero no libro que nos trouxo Laura das serpes vimos que poden chegar a ter unha lonxitude de seis. Co metro que nos deixou Carlos, marcamos no chan canto é esa distancia para visualizala … ¡Chegaba a máis da metade do local social onde facemos psicomotricidade!. Tamén limos no pé de foto que ese neno vive nun dos países que atravesa a Selva Amazónica … ¿Cal era?... ¿Quen nos envía un comentario coa resposta?...
Gústanos moito descubrir cousas novas das anacondas pero sen lugar a dúbidas preferimos a que José comparte con nós, é de peluche, suaviña e nunca nos atacará.

miércoles, 22 de octubre de 2014

ANIMAIS QUE DAN MEDO


O noso caderno viaxeiro de “Animais que dan medo” xa leva visitado varios fogares e, a través dos nosos temores, imos aprendendo cousiñas novas. Aaron tenlle medo ás avespas, graciñas a iso estivemos investigando e comprobamos que non son o mesmo que as abellas. Estas últimas fabrican mel e se nos pican morren, ao contrario cas avésporas. Se non as molestamos non fan nada, pero nunca debemos andar nos avespeiros. 
Mencía optou pola rá punta de frecha velenosa, tróuxonos moita información ao respecto e un documental que nos deixou a todos abraiados, vai adxunto ao caderno viaxeiro para quen o desexe ver na casa. Gabriel elixiu o tigre, vimos que é parecido ao xaguar pero con raias e non vive na Selva Amazónica; na enciclopedia da biblioteca de aula descubrimos que hainos brancos. Carlos tenlle medo ás arañas, a verdade é que a case todos nos asustan, así que decidimos… ¡comelas!... Xa vos contaremos o venres se nos saen ricas e seguiremos falando deses animais que nos dan medo.

martes, 21 de octubre de 2014

A VOLTAS COS MAPAS…


Xa sabemos que para localizar onde está A Selva Amazónica temos que buscar nos atlas e gústanos moito andar con eles, pero intentamos seguir avanzando. Nas últimas semanas vimos que para ver o lugar onde está Félix, hai que mirar no mapa de América do Sur e seguir o curso do río Amazonas.

Aínda que ás veces cando buscamos no mapamundi, confundimos América do Sur con África e o río Amazonas co Nilo, pero son cousas que pasan cando temos menos de seis anos. Agora andamos a ler e escribir os nomes dos países que atravesa a Selva amazónica, son moitos, pero paseniño iremos familiarizándonos con eles.