Mostrando entradas con la etiqueta Australia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Australia. Mostrar todas las entradas

miércoles, 4 de diciembre de 2019

INCENDIOS EN AUSTRALIA


A semana pasada, mentres comentábamos as novas dos xornais que tíñamos na escola, Lía falounos dunha noticia que vira na televisión sobre unha cidade chea de fume. Ese foi o detonante para buscar en internet os incendios de Australia. Deste xeito descubrimos como os periódicos tamén teñen unha edición dixital e quedamos abraiados co emotivo rescate dun Koala entre as lapas. Despois buscamos información na biblioteca sobre estes animaliños, vimos vídeos e cheiramos as follas de eucalipto que adoitan comer.

jueves, 16 de abril de 2015

NA HORA DE LER… CONTOS DE CANGUROS


Chegou o momento de despedirnos do noso recuncho de Australia para deixar sitio ao novo proxecto que imos empezar: Alemaña. Pero non podíamos despedirnos do país dos canguros sen facerlle unha pequena homenaxe a este singular animal. Por iso hoxe a nosa bolsiña de lectura veu cargada de libros que teñen a este marsupial como protagonista. Cada día o encargado irá elixindo cal lemos. Foi José quen estreou a sesión escollendo “Kangu va de excursión”.

martes, 7 de abril de 2015

UÓMBAT

Antes de dar as vacacións de Semana Santa pechamos o noso obradoiro de cociña elaborando un uómbat, ese marsupial australiano que polo seu aspecto nos lembra a un osiño de peluche pero non esquezamos que é un animal salvaxe. 

lunes, 30 de marzo de 2015

A ARTE ABORIXE


As obras representativas da pintura dos primeiros poboadores de Australia constrúen as súas formas mediante puntos. Cando buscamos nos libros da biblioteca información sobre Australia, vimos que os búmerang empréganse tamén como soporte para esta arte. Un bo exemplo disto é o que Rita compartiu connosco e que observamos con atención.
Neste enlace vimos como un aborixe emprega esta técnica e decidimos adaptala as nosas posibilidades. Utilizando bastonciños dos oídos como pinceis creamos os nosos propios búmerang decorativos.

jueves, 26 de marzo de 2015

DOMINÓ DE MARSUPIAIS


As dúas últimas sesións dedicadas ao noso traballo semanal ao redor do dominó, empregámolas para a confección dun dedicado aos marsupiais. Con el pretendemos, ademais de xogar, memorizar os nomes daqueles animais menos coñecidos como o  uómbato demo de Tasmania ou o numbat. Incluímos tamén o equidna, aínda que realmente é un monotrema que nace de ovos, pero dende que vimos como os coida na súa barriguiña lles temos un especial agarimo.

miércoles, 25 de marzo de 2015

AS MOEDAS DE CARLA

No noso recuncho de Australia temos un bonito estoxo australiano con moedas deste país que nos trouxo Carla. 

Onte dedicamos parte da mañá a observalas detidamente e descubrimos que nelas aparecen representados varios animais típicos de Australia: o canguro, o emú, o equidna e o ornitorrinco.

Pero a de dez centavos sorprendeunos cun do que nunca escoitaramos falar: o ave lira. Trátase dun paxariño capaz de imitar calquera son, pero o máis sorprendente é a danza que realiza o macho para impresionar á femia durante o cortexo. A continuación vos deixamos o vídeo que vimos en clase por se queredes volver a ollalo na casa.

martes, 24 de marzo de 2015

NUMBAT E UÓMBAT


O vindeiro venres, no noso obradoiro de cociña, imos intentar elaborar un marsupial australiano que hoxe espertou a tenrura entre os cativos. Trátase do uómbat ou wombat. Xa os observamos en varias ilustracións nos libros da biblioteca, pero esta mañá, nun par de vídeos, puidémolos ver en movemento.
 Nun deles, e que vos deixamos a continuación, coñecemos a historia de Belle, unha pequena cría que foi rescatada da bolsa da súa mamá cando morreu atropelada por un coche. Foi levada ao Santuario Healesville onde vive na actualidade.



Outro marsupial australiano de nome moi parecido pero de aspecto ben diferente é o numbat. Neste enlace podedes volver a ver as imaxes e os vídeos que tanto nos impresionaron á mañá, sobre todo nos que emprega a súa longa lingua para comer termitas.  

martes, 17 de marzo de 2015

FAUNA AUSTRALIANA


Mirade que bonita  a maqueta que realizou Rita coa axuda da súa mamá. Tróuxoa hoxe á escola para compartila connosco. Ten ornitorrincos, equidnas, coalas, cacatúas, canguros… e todos feitos con tubos de papel hixiénico. Agora temos que reorganizar o noso recuncho de Australia para facer sitio a esta nova achega coa que todos queremos enredar. Unha vez máis graciñas ás familias por dedicar o seu tempo e esforzo a colaborar coas actividades da escola.

sábado, 14 de marzo de 2015

O EMÚ

Esta semana o noso obradoiro de cociña serviunos para coñecer algunhas cousiñas da ave máis grande de Australia: o emú. Nos libros da biblioteca limos que non poden voar pero as súas longas patas permítenlle correr moi rápido. A femia pon grandes ovos de cor azul verdoso escuro pero é o macho quen se encarga de coidalos. Para a nosa versión culinaria puidemos optar por dúas posibilidades, unha con crema de cacao e outra con paté. Varios cativos decidiron probar ámbalas dúas, outros por repetir unha delas e moitos mostráronse creativos e transformaron a galleta nun sol con ricos raios de cacahuete.


martes, 3 de marzo de 2015

OS COALAS NA BIBLIOTECA


Onte, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, estivemos lendo o libro “Los bosques”. Nun principio buscabamos información sobre os coalas pero descubrimos que tamén aparecían outros marsupiais ao redor dos que traballaramos con anterioridade. Na páxina 17 limos que noutras épocas foron capturados para obter as súas peles e que aínda están en perigo.


Como sempre aproveitamos para traballar a formación de usuarios da biblioteca, lembramos os códigos de números e cores que teñen os libros, fomos á zona documental e buscamos onde están situados os de animais para cando os volvamos a necesitar.

viernes, 13 de febrero de 2015

ENTROIDO 2015

A choiva e a humidade non quixeron perderse a nosa festa de Carnaval e acompañáronnos durante toda a xornada. Pero nós divertímonos igual contando contos, facendo máscaras, xogando e bailando. Australia foi o tema central do Entroido deste ano, e canguros, koalas, emús, cacatúas e aborixes desfilamos polo Local Social de Lois. Cando chegou o momento da merenda, orellas, filloas, rosquillas, biscoitos e outros doces ricos que as familias prepararan con moito agarimo, fixeron as delicias de grandes e pequenos. Unha vez máis graciñas a todas pola súa colaboración.

jueves, 5 de febrero de 2015

O CROCODILO MARIÑO


A semana pasada, nunha revista que nos trouxo Adrián, vimos un artigo sobre o réptil máis grande da terra: o crocodilo mariño. A fotografía a dobre páxina que aparece na publicación é impresionante. Limos que vive en Australia e que é moi agresivo. Incluso viñan fotos de sinais que advirten do perigo pola súa presenza e prohiben o baño.

Hoxe retomamos a lectura da reportaxe e descubrimos que, a pesar de ter unha magnifica dentadura, este animal traga as súas presas sen mastigar … ¡coma as anacondas!. Despois vimos un anaquiño do documental “El rey cocodrilo” no que observamos como a mamá crocodilo pon ovos e deféndeos ata que nacen as crías. Para rematar, nun atlas do recuncho de Australia buscamos os debuxos dos crocodilos mariños ao norte da illa e intentamos adiviñar cantos dentes dicía a revista que ten o crocodilo.

martes, 3 de febrero de 2015

VIPO EN AUSTRALIA

Hoxe, como a choiva deixounos outra vez sen poder saír ao parque, aproveitamos o tempo de recreo para ver un vídeo de Vipo, un can de orellas grandes que viaxa polo mundo. Como lles gustou tanto aos cativos aquí volo deixamos por se queren velo de novo na casa.

lunes, 2 de febrero de 2015

PREPARANDO O ENTROIDO…

O día 13 celebraremos a nosa tradicional festa de Carnaval. Este ano terá como tema central Australia. Na nosa aula imos ir disfrazados de Koalas e nas vindeiras semana iremos investigando e aprendendo cousiñas deste simpático marsupial. Estamos confeccionando entre todos o noso disfrace pero necesitamos que cada neno traia unha diadema para facer as orellas. Sérvenos calquera que teñades na casa con tal de que sexa ríxida, se é de cor escura mellor. Graciñas.

domingo, 1 de febrero de 2015

O EQUIDNA AUSTRALIANO


Esta semana aproveitamos o noso obradoiro de cociña para coñecer un mamífero australiano moi peculiar: o equidna. A femia pon un ovo e colócao nunha fenda especial do seu ventre onde queda cuberto dunha sustancia pegañenta.  Tras a eclosión, a cría permanecerá no marsupio lambendo o leite que mana dos poros da pel da bolsa. Tras observar tan curioso animal en varios libros e ver este vídeo, fixemos a nosa versión culinaria con pauciños e pebidas de chocolate, cacahuetes e unha madalena.

martes, 27 de enero de 2015

AUTRALIA NA MOCHILA...

Hoxe Carla compartiu connosco un agasallo moi especial que lle trouxo a súa madriña. Trátase dunha mochila na que podíamos ler o nome de Australia e, o que máis nos gustou, un adorable e suave Koala incorporado que todos queríamos acariciar.
Estamos montando un novo recuncho en clase con Australia como tema central. Andamos a investigar e coñecer cousas do país onde anda Félix, o noso peluche viaxeiro. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, xoguetes, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… que queirades compartir,  podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

lunes, 26 de enero de 2015

FELIZ DÍA DE AUSTRALIA


Cada 26 de xaneiro os australianos celebran o seu día nacional. Na nosa escola tamén quixemos unirnos á festa ondeando a súa bandeira. Pero primeiro tivemos que construíla. Deunos moito traballiño coloreala sen facer borrachos nas estrelas pero, cun pouquiño de paciencia, todos levamos a nosa bandeira australiana para casa.

viernes, 23 de enero de 2015

PLÁTANOS EN PIXAMA


A receita do noso obradoiro de cociña de hoxe tróuxonola Félix de Australia. Vímola no seu libroEl correo flotante de Félix. Como podedes ver na ilustración, na receita orixinal, o pixama do plátano faise con follado e hai que metelo ao forno. Coma na escola non o temos, optamos por adaptala e substituír ese ingrediente por pan de molde. Cando xa o tiñamos feito pensamos que quedaría moito máis bonito se lle poñiamos ollos, boca, pelo… Quedamos en probar na casa esta fin de semana a ver que tal nos sae.

martes, 20 de enero de 2015

A PEDRA DE ULURU


No medio do deserto australiano atópase a rocha máis grande do mundo. Félix falounos dela na súa carta e onte puidémola ver en varios libros da biblioteca, pero especialmente nunha fotografía preciosa do exemplar “Las maravillas del mundo explicadas a los niños.

A rocha Uluru, tamén chamada Ayers Rock, é un lugar sagrado para os aborixes. Aínda que é posible escalalo, os propietarios tradicionais non o fan e piden que, por respecto a súa cultura, outras persoas tampouco o fagan. Pero como puidemos ver no seguinte vídeo en clase, hai moitas persoas que soben a súa cima.