Mostrando entradas con la etiqueta concurso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta concurso. Mostrar todas las entradas

jueves, 11 de noviembre de 2021

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Un ano máis o Concello de Ribadumia convoca o seu tradicional concurso de postais. Coa axuda da mestra Ana cada meniño está realizando a súa para participar. Paseniño van quedando preciosas. Grazas profe Ana!



viernes, 16 de octubre de 2020

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL 2020

O concello de Ribadumia vén de convocar o seu tradicional concurso de postais de Nadal no que participamos todos os anos. Coa axuda da mestra Ana, cada meniño comezou a realizar a súa proposta que están a quedar tan riquiñas como a da imaxe.

Lembrade que soamente se pode presentar un único traballo, se ides participar dende a casa, debedes comunicarllo á titora para non presentar postal dende a escola.

jueves, 14 de mayo de 2020

A FIESTRA DE RICARDO CARVALHO

Ricardo Carvalho naceu en Ferrol e conta que dende a súa xanela podía ver o mar e os mariñeiros. E vós que vedes dende a vosa ventá?. Debúxao e participa no concurso https://feiraco.es/gl/nenos/i-certame-infantil-de-artes-plasticas-feiraco-2020/, tamén podes enviarnos as túas creacións e publicarémolas.

miércoles, 29 de mayo de 2019

CONCURSO OS ELECTRECOS

Co obxectivo de sensibilizar aos máis pequenos sobre a necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos, a nosa escola participou na campaña “Os Electrecos” dos Bolechas. A principios de febreiro viñeron a visitarnos e agora convocaron un concurso de debuxo no que sortearán grandes premios. Os traballos dos meniños xa están listos e pronto pasarán pola escola a recollelos. A ver se hai sorte e gañamos algún. Lembrade que dende a casa tamén podedes participar, aínda que nun primeiro momento o código de acceso deu fallo, dixéronnos que xa está arranxado. O sorteo será o 6 de xuño e a organización poñerase en contacto cos afortunados.

martes, 20 de noviembre de 2018

XVI CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Ao chegar estas datas, o Concello de Ribadumia convoca o seu tradicional Concurso de Postais de Nadal. Coma todos os anos, coa axuda da mestra Ana, os meniños crean as súas pequenas obras de arte para participar. A cada un dos finalistas de cada unha das categorías premiaráselles cun agasallo que entregarase o día 5 de xaneiro de 2019 ao remate da Cabalgata de Reis. Pero lembrade que soamente pódese presentar unha postal, se ides participar dende casa avisade para non entregar a da escola.

sábado, 5 de mayo de 2018

E CHEGOU O GRAN DÍA: I CONGRESO ALIMÉNTATE BEN

Despois de varias semanas organizando o material, facendo carteis e preparando obradoiros, o xoves chegou o gran día e marchamos cheos de ilusión ao Pazo de Congresos de Santiago a amosar o noso traballo. Ao chegar déronnos as acreditacións, montamos o noso stand e comezaron as actividades.
Os meniños, degustaron produtos lácteos, equipados de cestas realizaron unha compra saudable atendendo á composición do alimentos, probaron brochetas de froitas, xogaron cos persoeiros do Sabor da Aventura está no Mar, visitaron os stands dos outros colexios e rotativamente foron convidando a todos a coñecer o noso. Participaron en diferentes actividades lúdicas, educativas e deportivas e repuxemos forzas cun nutritivo menú.
 Despois do chantar viñeron os xogos e, a última hora a entrega de premios. O xurado concedeunos un accésit, un premio de innovación educativa que non supón contía económica, pero si o recoñecemento como boa práctica educativa digna de mención. Parabéns a todos o que fixeron posible este recoñecemento e a organización do evento polo ben que estivo todo estruturado e coordinado.
A continuación un pequeno resumo de todo o acontecido en fotos

jueves, 3 de mayo de 2018

O NOSO ESTAND DO CONGRESO NA TVG

Aínda que xa vos contaremos noutra entrada todo o acontecido hoxe no Congreso, adiantámosvos a reportaxe que saíu na Televisión de Galicia. Facede clic na imaxe e accederedes ao vídeo.

martes, 1 de mayo de 2018

PREPARANDO O I CONGRESO ALIMENTATE BEN


Co obxectivo de recoñecer o traballo dos centros participantes no programa Aliméntate ben, fai uns meses, a Consellería organizou unha convocatoria para seleccionar dez centros de infantil e primaria que participarían no I Congreso escolar Aliméntate ben. O noso centro presentou un proxecto e, entre todas as candidaturas, fomos un dos dez escollidos de toda Galicia. Dende a nosa escola estamos moi contentos e queremos compartir con toda a comunidade educativa esta boa nova.
Durante o último mes, as maiores da clase xuntos cos nenos doutras aulas da escola, traballaron duramente para montar un stand e obradoiros onde mostrar o mércores 3 de maio no Palacio de Congresos de Santiago, o traballo desenvolvido no noso centro ao redor dos hábitos nutritivos saudables. Ademais, durante o congreso, un xurado valorará a calidade das propostas presentadas polo alumnado e seleccionará a mellor. Mañá, co alumnado seleccionado do centro, realizaremos un ensaio xeral e o mércores con moita ilusión marcharemos a Santiago.

domingo, 18 de febrero de 2018

EXPOSICIÓN DA CAMELIA 2018

O venres, a pesar da choiva e o mal tempo, as familias trouxeron camelias das máis variadas formas e tamaños. Con moitos pétalos, con poucos, rosas, brancas, vermellas, de dúas cores, pechadas, abertas, grandes, pequenas … paseniño fomos observándoas todas e descubrindo as súas diferenzas. Logo, baseándonos nas ilustracións dos libros de Óscar Villán “O abecedario” e “Cinco”, reproducimos o seu particular estilo e realizamos as letras e números do cartel da nosa exposición. Rematamos creando os debuxos e fotos para participar no concurso organizado polo Concello. Moitas grazas ás familias que coa súa colaboración fixérona posible.

jueves, 15 de febrero de 2018

EXPOSICIÓN E CONCURSO DA CAMELIA

O Concello de Ribadumia organiza o II Concurso Artístico Infantil coa temática da camelia. Na nosa escola queremos colaborar organizando a nosa particular exposición para observar as súas cores e variedades. Se queredes participar os nenos traerán mañá á escola as variedades de camelias que logredes conseguir.

miércoles, 20 de diciembre de 2017

REMATAMOS O TRIMESTRE

Como todos os anos, a nosa escola participou no concurso de postais de Nadal que convoca o Concello de Ribadumia.  Primeiro  buscamos inspiración vendo postais, libros, imaxes e contos que fan alusión ao Nadal. Despois coa axuda da mestra Ana cada meniño realizou a súa obra. Aínda que non gañamos, quedaron tan riquiñas que as empregamos como portadas dos traballiños que hoxe os meniños levaron para casa. Lembrade á volta das vacacións de traer as carpetas para gardar os traballos do seguinte trimestre.

jueves, 16 de noviembre de 2017

CONCURSO MASCOTA

O concello de Ribadumia convocou un concurso para deseñar a mascota da biblioteca municipal. Onte rematou o prazo e na escola xa entregamos as nosas propostas, a ver quen resulta gañador. 

viernes, 10 de noviembre de 2017

IMAGINE

Con motivo do lanzamento do libro Imagine, a editorial Flamboyant convocou un concurso de debuxo no que participa a nosa escola. Baixo o lema “Os paxaros do mundo” preténdese promover os valores da paz e a tolerancia. A ver se hai sorte e gañamos.

lunes, 28 de noviembre de 2016

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O pasado venres rematou o prazo de presentación dos traballos para o XIV concurso de postais de Nadal que convoca O Concello de Ribadumia. Como todos os anos a nosa escola participou na categoría de infantil para optar ao agasallo que entregarán o día 5 ao remate da Cabalgata de Reis. Primeiro  buscamos inspiración vendo postais, libros, imaxes e contos que fan alusión ao Nadal. Despois coa axuda da mestra Ana cada meniño realizou a súa obra. Mirade na seguinte presentación que bonitas quedaron.

Como os debuxos deben levar no reverso os datos persoais, aproveitamos para traballar o nome, a idade e o numero de telefono. A ver se hai sorte e gañamos.

jueves, 3 de diciembre de 2015

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Como todos os anos por estas datas, o Concello de Ribadumia organiza un concurso de postais de Nadal.  A nosa escola participa na categoría de infantil e o gañador recibirá un agasallo o día 5 de xaneiro ao remate da Cabalgata de Reis. Nas bases do concurso ven recollido que os traballos teñen que facer alusión ao Nadal. 

Para realizar ben os nosos debuxos montamos un recuncho con todo o material que atopamos relacionado co tema: tarxetas, revistas, contos, libros, postais … Os cativos observaron detidamente todos os fondos que tiñan ao seu alcance e, coa axuda da mestra Ana, foron decidindo que querían representar nos seus traballos. Na seguinte presentación podedes ver o resultado.

Pero sen lugar a dúbidas, o que máis gustou aos meniños foi introducir os seus debuxos na urna que onte trouxeron do concello para depositar os traballos.

miércoles, 10 de junio de 2015

COCIÑANDO SENTIMENTOS PARA A IGUALDADE

Este é o traballiño que presentamos para a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade".  Non conseguimos gañar,  pero nós pasámolo ben igual traballando ao redor das nosas emocións.
E falando de sentimentos, hoxe por fin os nenos levaron para casa o “Sentimentómetro”  que construímos o martes para expresar os nosos estados de ánimo. Trátase da nosa propia versión da ruleta que vimos no libro ¡Sentimentos!  alá polo mes de febreiro e que tantas ganas tíñamos de facer.

viernes, 20 de marzo de 2015

OS NOSOS SENTIMENTOS MEDRAN…


Cos libriños que enchen a nosa bolsiña da hora de ler e que cada semana permutamos por outros novos conforme os lemos, imos aprendendo o nome de novas emocións.  Estes días, da man de Bamba, un medroso cachorro de león,  descubrimos a  valentía. A través da súa historia e as preciosas ilustracións que a acompañan, soubemos que ser valente non significa non ter medo, senón afrontar as dificultades sen deixarse vencer por el. Despois da súa lectura pintamos un novo bote de dourado e engadímolo ao mural de sentimentos e aos nosos recipientes de emocións. 

Cada vez temos máis, aos cativos lles encanta ler as etiquetas dos botes e contalos como se de pequenos tesouros se tratara.
Pero foi o fanático felino protagonista do conto “El tigre y la toleranciaquen nos axudou a comprender a importancia de aceptar aos demais tal e como son. Nos vindeiros días continuaremos traballando ao redor deste sentimento.  A tolerancia e o respecto son valores que pretende fomentar a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade" no que imos participar. Xa vos contaremos.


martes, 9 de diciembre de 2014

AS NOSAS POSTAIS


O venres remata o prazo do Concurso de Postais do Concello de Ribadumia, polo que as nosas teñen que quedar listas o xoves o máis tardar. Hoxe estivemos vendo unha chea delas que tiña a mestra doutros anos para coller ideas e poder engadir detalles ás nosas. Moitos nenos xa remataron as súas e ata os máis pequerrechiños están facendo cousiñas moi riquiñas coa axuda da profesora Ana, a ver se teñen sorte e gañan.

domingo, 23 de noviembre de 2014

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL


O Concello de Ribadumia convocou a XII  edición do Concurso Escolar de Postais de Nadal, destinada ao alumnado dos centros de infantil, primaria e secundaria da localidade. Na nosa escola, como todos os anos, decidimos participar e aproveitar todo o traballo que as precede para aprender algunhas cousiñas. 
O primeiro, a historia do nacemento do meniño Xesús e todos os acontecementos que o rodearon, incluído o papel que desempeñaron Os Reis Magos que tanto nos gustan. Buscamos e comezamos a montar o Belén que temos na aula e co que nos encanta xogar. Estivemos lendo os contos que temos na biblioteca baseados no tema e collemos tamén libros que nos ensinan como debuxar as imaxes que adoitan ilustrar as postais.
Para participar, no reverso temos que incluír os datos persoais, entre eles o número de teléfono que é no que imos centrar os nosos esforzos e ao redor do cal faremos máis actividades a vindeira semana.  Aínda temos traballo para varios días, tal vez non gañemos, pero seguro que aprenderemos moitas cousiñas.

lunes, 19 de mayo de 2014

GAÑADORES DO CONCURSO DO PARLAMENTO


Parabéns para os nenos de 1º de primaria do CEIP de Castrelo de Cambados,  foron os gañadores do concurso  "O Parlamento de Galicia contigo e polos teus dereitos" no que participamos en febreiro. Vímolo a semana pasada no xornal Diario de Arousa e aproveitamos a noticia para seguir traballando a numeración das páxinas e os nomes dos periódicos.