martes, 29 de noviembre de 2016

NÓS COMEMOS PEIXE, ¿E TI?

Como todos demostraron a través das fotos que enviaron á escola e que podedes ver na seguinte presentación, os meniños da escola de Leiro comen peixe na casa. ¿E vós, sabedes xa o importante que é incorporar o peixe a vosa alimentación?...Podedes seguir enviando fotografías que en canto poidamos as engadiremos.

lunes, 28 de noviembre de 2016

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O pasado venres rematou o prazo de presentación dos traballos para o XIV concurso de postais de Nadal que convoca O Concello de Ribadumia. Como todos os anos a nosa escola participou na categoría de infantil para optar ao agasallo que entregarán o día 5 ao remate da Cabalgata de Reis. Primeiro  buscamos inspiración vendo postais, libros, imaxes e contos que fan alusión ao Nadal. Despois coa axuda da mestra Ana cada meniño realizou a súa obra. Mirade na seguinte presentación que bonitas quedaron.

Como os debuxos deben levar no reverso os datos persoais, aproveitamos para traballar o nome, a idade e o numero de telefono. A ver se hai sorte e gañamos.

viernes, 25 de noviembre de 2016

PAPÁ NOEL

O Nadal xa chegou ao noso obradoiro de cociña. Hoxe elaboramos un nutritivo e divertido Papá Noel de froitas. Para a semana continuaremos coa mesma temática, xa vos contaremos.

jueves, 24 de noviembre de 2016

TOCA, TOCA ...

Suave, áspero, brando, duro, quente, frío, rugoso, liso … podemos saber moitas cousas dun obxecto sen necesidade de velo, simplemente baseándonos no noso sentido do tacto. A mestra María preparou unha caixiña moi especial para experimentar apoiándonos unicamente no que percibimos coas nosas mans. O luns na biblioteca  intentamos adiviñar que había dentro dela. Unha pedra, unha perruca, un estropallo … Aínda que ao principio os máis pequenos tiñan medo de introducir a man, pronto colléronlle gusto ao tema. 

martes, 22 de noviembre de 2016

NA HORA DE LER… ¡CONTOS DE NADAL!

O mes de novembro avanza e chega o momento de comezar cos preparativos do Nadal. Para quentar motores nada mellor que a nosa bolsiña de ler cargada de contos que teñen estas festas como protagonista. 

domingo, 20 de noviembre de 2016

PARA SABORES… ¡A FROITA!

Como xa vos comentaramos, esta semana dedicámola ao sentido do gusto.  E como para variedade de sabores naturais nada mellor que a froita, o xoves fixemos a nosa particular merendola no que  este alimento foi o protagonista. Entre todos reunimos mazás, peras, laranxas, mandarinas, kiwis, arándonos, framboesas, freixoas, plátanos, uvas, caquis, pomelo, limóns, limas e fresas. Estivemos  observándoas, cheirándoas, vendo como se chamaban, fixemos un listado no encerado, escribimos etiquetas con cada nome e realizamos unha pequena exposición. Á hora da merenda chegou o momento de degustalas. Probámolas todas. As favoritas as framboesas e os kiwis, as que menos éxito tiveron as freixoas e os caquis.

martes, 15 de noviembre de 2016

ALETAS DE TIBURÓN


Dende principio de curso foron varias as noticias dos xornais que chamaron a nosa atención. Pero sen lugar a dúbidas a que máis interese espertou entre os meniños foi a que tiña como protagonista ós tiburóns. Esta nova ademais de interesarnos polo problema do consumo indiscriminado das aletas de quenlla, serviunos de detonante para ir á biblioteca a buscar información sobre estes impresionantes animais e observar detidamente os que Pablo trouxo para compartir connosco.

lunes, 14 de noviembre de 2016

CON MOITO GUSTO

Na nosa escola continuamos mergullándonos no mundo dos sentidos. Esta semana vai estar dedicada ao gusto. Doce, amargo, salgado e ácido, estes son os sabores que percibimos a través da lingua e que hoxe estivemos identificando a través de diversos alimentos.

viernes, 11 de noviembre de 2016

CARREIRAS DE VASOIRAS



Sen lugar a dubidas as malvadas máis coñecidas dos contos son as bruxas. Nós aproveitamos as súas vasoiras para a nosa sesión semanal de enredos e xogos. 

jueves, 10 de noviembre de 2016

GÚSTAME CANDO MIÑA CASA CHEIRA A…

Xa sabemos que hai olores para todos os gustos. Agora trátase de escoller  ese aroma que preferimos atopar cando chegamos a casa. Para a mestra Ana é o aroma que desprende o pan acabado de facer. Para Ángeles o do sol cando entra polas fiestras abertas. O mestre Alejandro opta pola menta e Marina polo limón. Hoxe os meniños levaron unha folla para cubrir e ilustrar con cadansúa elección, seguro que nos divertimos e enriquecemos expoñendo os traballos e vendo os dos compañeiros.

miércoles, 9 de noviembre de 2016

COLGANTES AROMÁTICOS


Coa mestra Ana na aula de natureza os meniños estiveron descubrindo o cheiro dalgunhas das plantas do xardín da escola. Coas sementes de eucalipto continuamos traballando o sentido do olfacto e creamos colgantes aromáticos para todos. 

martes, 8 de noviembre de 2016

PARA GUSTOS... OLORES

Onte cheiramos e identificamos varios alimentos: pementa, cebola, laranxa, limón, vinagre e chourizo. Hoxe os clasificamos baseándonos en se nos gustaba ou non o aroma que desprendían. Descubrimos que cada persoa ten o seu propio criterio e non sempre valoramos igual.

lunes, 7 de noviembre de 2016

A CIENCIA COS CINCO SENTIDOS

Co obxectivo de contribuír á divulgación científica en galego, en toda a comunidade autónoma novembro é considerado o mes das ciencias nas bibliotecas. Este curso a nosa escola únese a esta iniciativa traballando e experimentando a través dos cinco sentidos. Cada semana estará dedicada a un deles e realizaremos diversos experimentos e actividades. Hoxe a inauguramos mergullándonos no sentido do olfacto a través dos cheiros de diversos alimentos. Foi divertido intentar adiviñar baseándonos soamente no seu olor. Descubrimos que o mal cheiro é o aviso da natureza para no comer algo que podería facernos dano e comprobamos que os olores afectan ao sentido do gusto.

viernes, 4 de noviembre de 2016

MINIPIZZAS MARIÑEIRAS


Graciñas ao programa “O sabor da aventura está no mar” e os seus protagonistas “Os Arroaces”, na aula estamos descubrindo as múltiples avantaxes do consumo de produtos do mar. Pouco a pouco van chegando á escola as fotografías coas que os meniños demostran que comen peixe na casa e coas que imos facer unha exposición e varias actividades. Ao noso obradoiro de cociña tamén chegaron estes nutritivos alimentos para elaborar minipizzas mariñeiras.

jueves, 3 de noviembre de 2016

XOGANDO CON CAROZOS

Esta semana os carozos que sobraron do Magosto do venres foron os protagonistas dos enredos de onte. Comezamos construíndo a torre do conto de Rampunzel e rematamos xogando a encestar para recollelos.