miércoles, 20 de diciembre de 2017

PREPARADADOS PARA O FESTIVAL DE NADAL

Hoxe xa deixamos todo listo para a nosa actuación de mañá. Para os que están maliños e non poden asistir, a continuación lles deixamos a panxoliña para que fagan a súa propia versión en familia.

REMATAMOS O TRIMESTRE

Como todos os anos, a nosa escola participou no concurso de postais de Nadal que convoca o Concello de Ribadumia.  Primeiro  buscamos inspiración vendo postais, libros, imaxes e contos que fan alusión ao Nadal. Despois coa axuda da mestra Ana cada meniño realizou a súa obra. Aínda que non gañamos, quedaron tan riquiñas que as empregamos como portadas dos traballiños que hoxe os meniños levaron para casa. Lembrade á volta das vacacións de traer as carpetas para gardar os traballos do seguinte trimestre.

martes, 19 de diciembre de 2017

OS PAXARIÑOS DE ROI

Na aula de natureza, coa mestra Ana, os meniños están facendo un precioso traballo ao redor das mascotas. A través del, ademais de aprender a respectar e coidar os animas, estamos descubrindo o agarimo que estes seres espertan en nós. Hoxe Roi tróuxonos os seus canarios e puidemos ver como comían e cantaban. Graciñas a Roi e a súa familia por facilitarnos esta bonita experiencia. 

CARTAS PARA O APALPADOR

O vindeiro xoves celebraremos o noso tradicional festival de Nadal no Auditorio de Ribadumia. No transcurso da mañá realizaremos diversas actividades e recibiremos a visita do Apalpador. Xa temos listas as cartas coas peticións dos nenos para entregarllas ese día, seguro que fará todo o que poida para traer un agasallo que guste a todos.

jueves, 14 de diciembre de 2017

RECOLLIDA DE XOGUETES

A fundación amigos de Galicia está a realizar unha campaña de recollida de xoguetes e a nosa escola é un dos seus puntos de recollida. Se estades interesados en doar, podedes deixar o agasallo na caixa que hoxe decoramos en clase e que estará na porta de entrada ata o luns.

miércoles, 13 de diciembre de 2017

O COELLIÑO DE LUCÍA


Hoxe tivemos unha visita moi especial. Lucía tróuxonos un dos seus coelliños e puidemos observalo durante toda mañá. Ao principio tiña mediño e deixámolo na súa gaiola tranquiliño sen molestalo. Despois, con cuidadiño para que non nos rabuñara, puidemos acaricialo e ver o suaviño que ten o pelo. Graciñas a Lucía e a súa familia por compartir connosco esta experiencia.

martes, 12 de diciembre de 2017

CONSUMO RESPONSABLE

Como son os xoguetes seguros, que distintivos deben que ter, como fabricar un, que alimentos debemos tomar en maior proporción, como facer unha marabillosa festa de aniversario sen mercar nada … todo isto e moito máis, aprendemos a semana pasada no obradoiro da Escola Galega de Consumo que se desenvolveu na nosa escola.

lunes, 11 de diciembre de 2017

O NADAL NA BIBLIOTECA


Nas últimas semanas, entre todos os nenos do colexio, estivemos decorando a árbore que preside o recuncho da selección de contos de Nadal. Cada meniño fixo unha bola co seu nome e agora que xa estamos todos, mirade que riquiño nos quedou.

miércoles, 6 de diciembre de 2017

DÍA DO VOLUNTARIADO

Onte, para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado e dentro do programa Voluntariado miúdo: móvete!, o noso centro participou no encontro de alumnado da Rede de Centros Escolares Solidarios. Na Cidade da Cultura de Santiago asistimos á presentación da guía Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias e recibimos os carnés de honra como voluntarios. Diferentes medios de comunicación fixéronse eco da actividade, nos seguintes enlaces tedes accesos á información e ás fotos: El Correo GallegoOs Bolechas en Facebook Televisión de Galicia.

lunes, 27 de noviembre de 2017

¡FLOTA!


Xa sabemos que hai obxectos que flotan e outros que se afunden, pero a semana pasada descubrimos coa plastilina que algúns materiais que se afunden tamén poden flotar se lle damos a forma adecuada. A auga empuxa as cousas para arriba e se o peso dos obxectos é menor que o empuxe flotan.

miércoles, 22 de noviembre de 2017

PASE MISÍ PASE MISÁ

Hoxe na sesión semanal de xogos, tocoulle quenda á nosa versión de “Pase misí, pase misá”. Neste enlace tedes a canción por se non vos lembrades dela. Mirade nas fotos que ben o pasamos.

martes, 21 de noviembre de 2017

NA HORA DE LER… O MAR

O mar e os seus produtos tamén chegaron á hora de ler. Nos vindeiros días a través de poemas e contiños iremos coñecendo a riqueza do mundo mariño. 

lunes, 20 de noviembre de 2017

viernes, 17 de noviembre de 2017

¿FLOTA OU AFUNDE?

Co gallo do mes da ciencia na biblioteca, o luns dedicamos a nosa sesión semanal a experimentar coa auga. Comprobamos que algunhas cousas flotan e outras afunden. Con cada obxecto intentamos predicir o resultado para despois comprobalo.

Os maiores ademais rexistraron o acontecido. Aproveitade a fin de semana para converter a hora do baño nun laboratorio familiar. Xogade na bañeira e propoñede aos meniños que descubran que obxectos flotan. O luns reflexionaremos sobre o acontecido e buscaremos unha explicación.

jueves, 16 de noviembre de 2017

CONCURSO MASCOTA

O concello de Ribadumia convocou un concurso para deseñar a mascota da biblioteca municipal. Onte rematou o prazo e na escola xa entregamos as nosas propostas, a ver quen resulta gañador. 

martes, 14 de noviembre de 2017

MINIPIZZAS DE ATÚN

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, a través dos programas “O sabor da aventura está no mar” e “Ponlle as pilas o teu bocata” imos fomentar o consumo de peixe e produtos do mar. Comezamos a semana pasada cociñando minipizzas de atún.

lunes, 13 de noviembre de 2017

ZAPATILLA POR DETRÁS

Baseándonos na música dos CantaJuegos e cambiando a zapatilla por unha castaña, fai un par de semanas dedicamos a nosa sesión semanal de xogos á “Zapatilla por detrás”.

viernes, 10 de noviembre de 2017

IMAGINE

Con motivo do lanzamento do libro Imagine, a editorial Flamboyant convocou un concurso de debuxo no que participa a nosa escola. Baixo o lema “Os paxaros do mundo” preténdese promover os valores da paz e a tolerancia. A ver se hai sorte e gañamos.

jueves, 9 de noviembre de 2017

VOLUNTARIADO MIÚDO: MÓVETE!

Hoxe, a nosa sesión semanal dedicada á prensa xirou ao redor dunha nova aparecida no Diario de Arousa sobre gatiños e cans abandonados . A partir de ela, reflexionamos sobre as necesidades que teñen estes animais e a importancia de coidalos, protexelos e non abandonalos. Este curso serán varias as actividades que realizaremos nesta liña para favorecer a educación en valores solidarios, dentro do proxecto “Voluntariado miúdo: móvete”, programa no que participa o noso centro.

martes, 7 de noviembre de 2017

O ZAMPÓN

Con este ser fantástico que ten fama de andar polo país zampando nenos, dimos o venres pasado por rematada a temática da mitoloxía no noso obradoiro de cocina. Esta semana comezaremos un novo proxecto co obxectivo de fomentar o coñecemento e o consumo de produtos do mar entre os máis pequenos. Un programa no que participa a nosa escola dende fai un par de anos a través do Plan Proxecta Aliméntate ben.

lunes, 6 de noviembre de 2017

NOVEMBRO MES DA CIENCIA NA BIBLIOTECA

A nosa biblioteca escolar únese á proposta da Consellería de Educación de facer de novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Durante este período serán variadas as actividades que realizaremos. Comezamos hoxe facendo experimentos de enerxía cun tubo de papel de prata que nos deixou a mestra María de Ribadumia. Se tocábamos os dous extremos transmitíamos a enerxía e comezaban a brillar as pequenas lámpadas de cores. A través del comprobamos como a nosas mans son condutores eléctricos por iso nunca debemos tocar os enchufes, os cables nin nada que teña electricidade. Tamén comprobamos como o papel, o plástico ou o noso pelo non son condutores, pero si a auga e o metal. E por último rexistramos os nosos descubrimentos.

jueves, 2 de noviembre de 2017

GATIPEDRO

Continuando coa temática mitolóxica no noso obradoiro de cociña, o venres pasado  elaboramos un Gatipedro. Este ser mitolóxico galego fai mexar ós nenos na cama. Ten forma de gato branco cun corno na cabeza. Vai ás casas polas noites e para nas habitacións nas que hai nenos durmindo. Entón ponse a verter auga polo seu corno. O neno durmido, escoitando o pingar do Gatipedro soña que mexa, e de verdade mexa na cama. Segundo a tradición, para espantalo é necesario botar unhas areas de sal diante da porta do cuarto e a carón da fiestra. O Gatipedro camiña apoiándose, ademais de nas catro patas, na lingua, polo que cando sente o sabor do sal, dá a volta e deixa ós nenos da casa en paz. 
Pero se en lugar de cociñar un Gatipedro preferides cantar con el, clicade neste enlace.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

SAMAÍN 2017

Xogos, cancións, obradoiros, bailes, contos, películas, merendola, actuacións … na nosa festa do Samaín tivemos un chisquiño de todo pero, sobre todo, moita colaboración das familias. Moitas grazas a todos e en especial aos que estiveron toda a mañá asando castañas para delicia dos máis pequenos.

domingo, 29 de octubre de 2017

A XACIA DE LUCÍA

Conforme os meniños van traendo os seres mitolóxicos elixidos, en clase ímolos vendo e facendo unha pequena exposición.  Despois con todos os do colexio crearemos un libriño que poderá verse o día da festa do Samaín e pasará a formar parte da nosa biblioteca escolar. Para os que aínda desexen participar lembrade que mañá é o último día.  Xa coñecemos a moitos, pero sen lugar a dúbidas, un dos favoritos é a Xacía. Lucía tróuxonos unha moi especial que construíu coa axuda da súa mamá. Explicounos que se queredes facela na casa soamente necesitades un tubo de papel hixiénico e un pouquiño de imaxinación.

viernes, 27 de octubre de 2017

UN CALACÚ MOI ESPECIAL

A pesar dos anos transcorridos dende que María rematou a súa etapa de infantil, a súa mamá continúa compartindo xenerosamente connosco os enormes calacús da horta da avoíña. Cada ano, na véspera do Samaín, aparece na escola cargada cunha enorme cabaza que esperta o entusiasmo dos cativos. O de hoxe é tan grande que tivemos que pedir axuda a varias mestras para sacalo do coche, a ver se o luns somos capaces de baleiralo e decoralo con xeito para a nosa festa. Moitas grazas Elena pola túa xenerosidade e agarimo. Un bico moi forte para María e unha gran aperta para a avoíña.

jueves, 26 de octubre de 2017

ANDANDO E MOITO MÁIS


Agora que xa levamos máis dunha semana de andaina diaria e os pequenos saben máis ou menos camiñar en fila, comezamos a integrar a observación da contorna e os xogos nos nosos percorridos. Gardar o equilibrio para evitar caer a un imaxinario río cheo de crocodilos, enredar coa alfombra de follas que o outono deixou no xardín, descubrir as primeiras setas que empezan a saír … son algúns dos múltiples estímulos que cada mañá atopamos.

martes, 24 de octubre de 2017

¡FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!

Como xa sabedes, nas aulas andamos a traballar ao redor da mitoloxía. Para apoiar as diferentes actividades, na biblioteca escolar creamos un recuncho con todos os fondos relacionados co tema e, para conmemorar o día das bibliotecas, editamos a seguinte guía de lecturas para dalos a coñecer entre as familias.


Onte os meniños levárona para casa en formato papel pero previamente vimos os libros que contiña, falamos dos que xa leramos e miramos os novos. Cada cativo xa vai tendo os seus favoritos, cando acabemos de traballar con eles poderán levalos para casa.