Mostrando entradas con la etiqueta Xardín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xardín. Mostrar todas las entradas

domingo, 26 de septiembre de 2021

O CASTIÑEIRO DA ESCOLA


Unha escola rural coma a nosa ofrece a posibilidade de gozar constantemente da natureza e os seus recursos. Coa chegada do outono, o castiñeiro do xardín desprende os seus froitos que cada día recollemos con coidadiño. O venres fixemos o reparto da colleita. Previamente realizamos cucuruchos de papel reciclando folios vellos que cada neno decorou e personificou co seu nome. E por último chegou o momento de contar e gardas as castañas. Xa nos contaredes se estaban ricas.

miércoles, 28 de abril de 2021

ÁRBORES FROITEIRAS

 

Cada día que camiñamos aproveitamos a andaina para descubrir ou gozar das sorpresas que a natureza nos ofrece. Esta semana dedicámola a observar os cambios que a primavera realizou nas árbores froiteiras da horta da escola. Paseniño imos lembrando os nomes que aprendemos coa mestra Ana na aula de natureza e vendo como se van formando os froitos a partir das flores.

viernes, 16 de abril de 2021

TESOUROS NAS ANDAINAS

 

Coa chegada do bo tempo recuperamos as nosas andainas diarias na contorna da escola. Ademais de adestrarnos, por se a final de curso podemos facer un anaquiño do Camiño de Santiago coma outros anos, cada día atopamos pequenos tesouros.

Onte descubrimos unha chea das herbas que a mestra chama “coxeguiñas”. Estivemos apañando nelas para facer un ramo de flores secas que hoxe adornamos reciclando recortes de plástico. Coa axuda da mestra Ana investigamos e soubemos que se trata da briza, unha herba que ten ademais outros nomes tan fermosos coma “tremedeira”.


lunes, 12 de abril de 2021

OVOS DE PASCUA

Noa enviounos unhas bonitas fotos contándonos como xogara a atopar ovos de Pascua. Pareceunos unha excelente idea e decidimos imitala. Confeccionamos e decoramos ovos de papel. Despois, aproveitando o bo tempo da semana pasada, coa axuda da mestra Miriam e Ana xogamos a agochalos polo xardín. O máis divertido foi tentar atopar os que escondían os compañeiros. 


sábado, 10 de abril de 2021

PAMPULLOS

Esta semana a primavera tróuxonos un bonito agasallo. Á volta das vacacións de Pascua, atopamos o xardín do parque da escola cuberto de pampullos. Non puidemos resistirnos á tentación de apañalos e elaborar pulseiras de flores.




jueves, 26 de noviembre de 2020

BUSCANDO EIRUGAS

Agora que sabemos o moito que comen as eirugas e os estragos que ocasionan nos vexetais que colonizan, axudamos á mestra Ana a localizalas antes de plantalas no xardín da escola.

lunes, 23 de septiembre de 2019

TESOUROS DE OUTONO


Coa chegada do outono son moitos os froitos que a natureza nos ofrece. Figos, abelás, landras, castañas … cada día, nas nosas andainas descubrimos pequenos tesouros que levamos ao aula e aproveitamos para diversas actividades. Esta é unha das moitas avantaxes dunha escola rural coma a nosa. A semana pasada empregamos landras para contar e abelás para xogar a “Rabo de boi”. Hoxe tocoulle quenda as castañas e foron moitas as que apañamos. Nos vindeiros días repartirémolas e os meniños poderán degustalas na casa ou gardalas para o Magosto.

domingo, 14 de octubre de 2018

O CASTIÑEIRO DA ESCOLA


Unha das grandes avantaxes dunha escola rural como a nosa é a posibilidade de estar en contacto diario coa natureza e descubrir os tesouros que nos ofrece. A principios de curso foi a abeleira a que nos regalou os seus froitos. Estes días, na nosa andaina diaria, é o castiñeiro o que nos ofrece a súa colleita. Cada mañá, con moito coidadiño para non picarnos cos ourizos, apañamos as castañas que atopamos, ao chegar a clase contámolas e xuntámolas nunha caixiña para, cando teñamos dabondo para todos, repartilas.

martes, 2 de octubre de 2018

AS ABELÁS DA HORTA ESCOLAR


A principios de curso, cando estivemos vendo as arbores froiteiras da nosa horta escolar, apañamos unha chea de abelás. Esta semana chegou o momento de inaugurar o noso obradoiro de cociña elaborando unha rica receita que teñen estes froitos secos como elemento principal. Hoxe, despois de degustalas, escribimos unha nota para casa cos ingredientes que temos que traer, pero ademais aprendemos un divertido xogo con elas que vos contaremos outro día.

martes, 20 de febrero de 2018

CALDO DE GLORIA

Para conmemorar o nacemento da escritora Rosalía de Castro, cada 24 de febreiro celebrase o día de Rosalía. Dende o noso centro tamén unímonos a esta conmemoración co obxectivo de dar a coñecer a vida e obra desta poeta galega. No transcurso desta semana serán diversas as actividades que realizaremos e que paseniño iremos contando.
 Pero hoxe queremos implicar ás familias cunha nutritiva proposta: “Caldo de Gloria” Tratase de que, baseándonos no poema de Rosalía “Miña casiña, meu lar”, esta fin de semana fagades na casa e comades cos meniños un caldiño e enviedes as fotos a escoladeleiro@gmail.com.  Posteriormente publicarémolas no noso blog e faremos unha exposición con todas elas. Podedes seguir as instrucións que dá Rosalía no seu poema ou facer o voso propio caldo galego. Simplemente queremos unir alimentación saudable e poesía. Será unha forma divertida de animar aos pequeños a comer os repolos que cultivan na horta escolar coa mestra Ana e ler o poema que están traballando en informática con Olalla.

jueves, 26 de octubre de 2017

ANDANDO E MOITO MÁIS


Agora que xa levamos máis dunha semana de andaina diaria e os pequenos saben máis ou menos camiñar en fila, comezamos a integrar a observación da contorna e os xogos nos nosos percorridos. Gardar o equilibrio para evitar caer a un imaxinario río cheo de crocodilos, enredar coa alfombra de follas que o outono deixou no xardín, descubrir as primeiras setas que empezan a saír … son algúns dos múltiples estímulos que cada mañá atopamos.

jueves, 21 de septiembre de 2017

COÑECENDO O AULA DE NATUREZA


Onte a mestra Ana veu a explicarlle aos meniños como vai ser o traballo que van realizar na aula de natureza durante o curso. Ensinounos as ferramentas e utensilios, falounos das medidas de protección, presentounos as súas mascotas e incluso mostrounos unha chea de sementes para que apreciaramos o diferente que poden chegar a ser. Para rematar contounos a bonita historia de “O carballo con botas” que ten unha semente moi especial como protagonista: a landra.

E falando de landras, mirade na foto que boneco máis xeitoso fixo con elas Laura e a súa mamá. Estes días o patio de recreo está cheo destes froitos secos e aos cativos encántalles xogar con eles. Neste enlace tedes varias ideas por se vos apetece a fin de semana axudar aos vosos fillos a levalas á práctica. 

miércoles, 28 de junio de 2017

OS FILLIÑOS DE SOFÍA

Non podiamos despedir este curso sen unha última mención ao noso paxariño e a súa niñada. A clase, por votación, decidiu chamarlle Sofía e durante un par de semanas toda a comunidade educativa colaborou para non molestala no proceso de incubación. A eclosión produciuse e as crías xa teñen case dúas semanas de vida. Antes de dar vacacións, con moito coidadiño para non asustalas, vímolas e decidimos chamalas: Paula, Rayo e Carpeta. Como Sofía e as súas crías non poden agradecer os coidados, facémolo nós no seu nome: ¡MOITAS GRAZAS!. 
¡Feliz verán!. Volvemos en setembro.

martes, 6 de junio de 2017

UN NIÑO NO BUZÓN


A semana pasada atopamos a caixa do correo chea de musgo. Ao día seguinte,  o que parecía un acumulo de herbas estaba transformado nun xeitoso niño. Onte descubrimos un paxariño aniñado no seu interior. Cando chegamos á mañá escapou asustado pero en canto entramos volveu a incubar os tres oviños que puxo.
 Gustaríanos ver todo o proceso de incubación e eclosión dos ovos e como medran os paxariños. Para molestalo o menos posible e que consiga sacar adiante a niñada, saímos e entramos ao recreo pola porta traseira do colexio. A ver se entre todos coidámolo e logramos que non abandone o niño. 
Onte aproveitamos o acontecemento para buscar na biblioteca libros de aves e investigar sobre o ciclo vital destes seres. Hoxe estivemos traballando ao redor do libro “El nido de pájaros” donde observamos o crecemento de los herrerillos, desde a posta de ovos ata o primeiro vo dunha das crías. Nel limos que cada cría necesita comer 100 eirugas e insectos ao día. Xa vos seguiremos contando cousiñas sobre estes novos membros da escola si non nos abandonan.

miércoles, 10 de mayo de 2017

AS LARANXAS DA HORTA DA ESCOLA

En xeral aos meniños gústalle moito cociñar  pero, se empregamos como ingredientes os produtos que cultivan na aula de natureza coa mestra Ana, a actividade adquire un valor engadido. Nesta ocasión as protagonistas foron as laranxas que acompañamos de amorodos para crear unha merenda exquisita e chea de vitaminas. 

miércoles, 9 de noviembre de 2016

COLGANTES AROMÁTICOS


Coa mestra Ana na aula de natureza os meniños estiveron descubrindo o cheiro dalgunhas das plantas do xardín da escola. Coas sementes de eucalipto continuamos traballando o sentido do olfacto e creamos colgantes aromáticos para todos. 

jueves, 29 de septiembre de 2016

¡FELIZ OUTONO!


A semana pasada démoslle a benvida ao outono recollendo algúns dos froitos da horta da escola: abelás, castañas e sobre todo mazás. Con estas últimas imos inaugurar  mañá o noso obradoiro de cociña semanal.

Graciñas aos coidados da mestra Ana, este ano a maceira que plantou cos meniños para celebrar o día da árbore fai anos, deu froitas de abondo para degustar.

viernes, 12 de febrero de 2016

SEMENTANDO TÁMARAS


A semana pasada coa mestra Ana na aula de natureza, os cativos prepararon un riquísimo mousse de laranxa . Para a súa elaboración, ademais dos froitos da horta da escola, precisaron de iogures naturais. Eses envases decidimos  aproveitalos para plantar as támaras que apañamos cando fomos ver a palmeira da igrexa de San Xoán de Leiro. Non sabemos se xerminarán e pero ímolo intentar.

O primeiro furar cun punzón os envases, despois botarlle terra e introducir dúas sementes. Por último levalos ao invernadoiro e regar. Xa vos contaremos que vai pasando con elas e se antes de fin de curso conseguiremos ter palmeiras para todos.