Mostrando entradas con la etiqueta Voluntariado miúdo: Móvete!. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Voluntariado miúdo: Móvete!. Mostrar todas las entradas

lunes, 25 de mayo de 2020

OS ARRASTRES DE MARTA

Coa nova proposta do mestre de educación física mirade no vídeo de Marta que ben o podedes pasar practicando. Un divertido xeito de darlle unha nova vida as caixas de cartón e aos tubo de papel de cociña. Se probades a decoralos como se fosen auténticos coches de carreiras seguro que vos quedan moi chuliños e vos divertides dobremente. Neste enlace e aquí tedes algunhas ideas.

lunes, 18 de mayo de 2020

O XOGO DOS BIRLOS

Seguindo as suxestións do mestre de educación física, Marta practica o xogo dos birlos á vez que lle dá outra vida aos tubos de papel hixiénico. Probade na casa e veredes o ben que o pasades. Se os decorades primeiro, quedaranvos  moi chuliños e divertirédesvos dobremente. Tedes algunhas ideas aquí
E a continuación máis propostas de educación física:

miércoles, 15 de abril de 2020

TODO VAI SAÍR BEN

Roi, xunto a súa familia, preparou esta divertida obra de monicreques. Nela cóntanos  como protexernos do virus,  pero sobre todo, lémbranos que todo vai saír ben. Grazas por compartir connosco tan creativa proposta e dende aquí vos animamos a imitala e crear outras representacións. No seguinte vídeo tedes como realizar monicreques con cantóns de leite, unha estupenda forma de desenvolver a creatividade mentres reciclamos. Esperamos as vosas creacións. 

domingo, 16 de febrero de 2020

MAKITA A EXTRATERRESTRE ECOLÓXICA


Grazas á mestra Montse e Jose, o xoves pasado despois da visita dos PANS e a hixienista Maruxa, puidemos rematar a xornada cun divertido contacontos. Viñeron cargados de música pero sobre todo de mensaxes sobre a importancia de coidar o noso planeta. Reciclar, reutilizar e reducir, son as palabras claves que nos transmitiron co “Capitán Verdemán superhéroe del reciclaxe” e a súa canción “O meu planeta”.

jueves, 13 de febrero de 2020

O DISFRACE DE LÍA

A conta atrás para a nosa festa de Entroido xa comezou e as familias colaboran cunha creatividade impresionante. Mirade a foto que nos mandou Lía do disfrace que está a facer aproveitando recortes de feltro que lle sobraron doutras manualidades, Grazas por compartir connosco o voso inxenio.

miércoles, 12 de febrero de 2020

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE TAPÓNS

Como xa sabedes a Fundación Amigos de Galicia está a desenvolver campañas de recollida de tapóns para financiar terapias que necesitan nenos con distintas problemáticas. O noso centro colabora con eles e actualmente é un dos seus puntos de recollida. Se de novo tedes tapóns na casa, podédelos traer á sede do CRA en Leiro mañá xoves 13 que pasarán a recollelos.

domingo, 9 de febrero de 2020

PREPARADOS… LISTOS… XA!

A festa do Entroido vaise achegando e nas casa comezan a bulir as ideas para crear os disfraces do sistema solar con moita imaxinación. Mirade Marcos, na foto que nos mandou, como traballa na confección do seu e o chuliño que lle está a quedar. Grazas por compartir connosco a vosa creatividade.

miércoles, 29 de enero de 2020

ENTROIDO 2020

Como xa sabedes, o vindeiro venres día 21 de febreiro celebraremos a festa de Entroido. Cada aula irá disfrazada dun personaxe relacionado co universo. As nenas e nenos de Leiro imos ir disfrazados do SISTEMA SOLAR no sentido máis amplo da palabra: planetas, sol, lúa, estrelas... Seguindo un ano máis na liña de empregar menos plásticos e a regra dos 3R (Reciclar, Reutilizar e Reducir), cada familia encargarase do disfrace do seu fillo ou filla. Para que vos sexa máis doado, nesta nota atoparedes suxestións: empregando roupa que xa temos na casa, reutilizando algún disfrace doutros anos (perrucas, diademas, capas, medias …), reciclando materiais (teas, lazos, cartóns, xornais, caixas de ovos, envases de iogur…) levando algo que nos poidan prestar … Trátase de mercar o mínimo posible e poñer a imaxinación a funcionar ao máximo. Calquera cousa pode servir, o importante é pasar un rato agradable creando cos meniños. Canta máis variedade haxa máis vistoso quedará o desfile! Nos seguintes enlaces podedes atopar ideas con fotos e vídeos que vos poden axudar
E por suposto estades convidados a participar en familia: pais, nais, avós, avoas … Animádevos a vir tamén disfrazados de algo relacionado co Universo o día da festa de Entroido. Se necesitades axuda ou calquera aclaración, non dubidedes en preguntar. Moitas grazas pola vosa colaboración.

lunes, 20 de enero de 2020

REUTILIZAR, RECICLAR E REDUCIR


Un ano máis o noso centro participa no programa Voluntariado miúdo:Móvete! que pon en marcha a Consellería de Educación co obxectivo de fortalecer a educación en valores. Este curso, cos nosos cativos imos centrar os esforzos en coidar o noso planeta a través das 3Rs da ecoloxía: reduce, reutiliza e recicla, como nos ensinou a fada das 3Rs na festa do SamaínCando reutilizamos, ademais de darlle unha nova vida as cousas e coidar a natureza, podemos pasar un rato moi agradable cos nosos fillos e conseguir que xoguen dun xeito diferente. Mirade nas fotos que xoguetes máis chuliños crearon os meniños na casa con tubos de papel.

viernes, 1 de noviembre de 2019

SAMAÍN E MAGOSTO 2019

Bruxas, vampiros, zombis, esqueletos, demos … o mércores a nosa escola quedou invadida polos máis terroríficos e divertidos seres. A pesar da choiva e o mal tempo, os meniños pasárono de medo cantando coa banda de musica, aprendendo a importancia de reciclar, reutilizar e reducir coa bruxa Hermelinda e a fada 3Rs, lendo contos de medo e gozando dunha arrepiante e deliciosa merendola. 
Moitas grazas a todas as familias que colaboraron traendo riquísimos e elaborados doces típicos destas datas e aportando cabazos decorados para a exposición. E noso especial agradecemento as que pasaron toda a mañá asando castañas a pesar da choiva e o fume.


jueves, 30 de mayo de 2019

¡¡GRAZAS AVÓ!!


A semana pasada o avó de Marcos veu cargado cunha bolsiña chea de cestiños que confeccionara con moito agarimo para cada un dos meniños da nosa aula. Todos eran preciosos e vimos que podían ter moitas utilidades: para coller amorodos, para xogar, para gardar os nosos tesouros … 
Como ía ser imposible poñernos de acordo para repartilos, decidimos numeralos e efectuar un sorteo como o que realiza a mestra Ana cos produtos da horta. E así, un a un, foron sacando papeliños e comprobando cal era o que lle correspondía. Gustáronlle tanto a todos, que seguro lle dan utilidades moi diferentes e especiais. Se queredes podedes mandar fotos con eses usos ao correo da nosa escola. Queremos agradecer ao avó Santiago o traballo que levou realizándoos.

martes, 21 de mayo de 2019

O AVÓ SANTI


A semana pasada tivemos unha visita moi especial. O avó de Marcos veu a ensinarnos como facer cestos. Quedamos abraiados mirando como paseniño, a partir duns pauciños especiais chamados medulas, ía tecéndoos entre si ata formar unhas cestiñas preciosas. Explicounos que para traballar con eles sen que rompan hai que mollalos primeiro. Deixounos tocar o material e ata deunos un anaquiño a cada un.
Tróuxonos unha chea de cestas de diversos tamaños, formas e cores. Contounos como trenza a medula para facer debuxos diferentes. Tamén falounos doutros materiais que se empregan e como mesturalos para obter distintos resultados. Con infinita paciencia deixou aos meniños que probaran a facelo, axudándoos e animándoos.
Gustáronnos tanto os cestiños que confeccionou para nós, que decidimos empregalos para gardar os nosos tesouros do mar, esas cunchiñas que temos na aula que tanto nos gustan. Moitas grazas avó por ensinarnos tantas cousas e sobre todo polo teu agarimo e paciencia.

jueves, 9 de mayo de 2019

ESPONXAS NATURAIS

Hoxe a mestra Ana invitounos a compartir cos nenos de Ribadumia a visita da avoa de Iago que veu á aula de natureza a ensinarlles unha planta especial coa que se fan esponxas naturais: a luffa. Mirade no enlace do blog de natureza como se planta e se fan as esponxas a partir do froito. Tamén deixounos unha macetiña que coidaremos con moito agarimo a ver se conseguimos que medre. ¡Moitas grazas avoiña!

sábado, 4 de mayo de 2019

VISITA AO “COLE” DOS AVÓS

Dentro do programa Voluntariado miúdo: Móvete no que participa a nosa escola, onte fixemos unha xornada de convivencia interxeracional cos avós da Residencia de Maiores de Ribadumia. 
Primeiro realizamos unha visita guiada polas súas instalacións para coñecer un chisquiño como son as súas actividades. Rematamos o percorrido no xardín, onde comezaron os xogos co paracaídas e as pelotas. Cando os avoíños xa estaban preparados, elaboramos con eles os decorados da obra de teatro baseada no precioso conto “Avós”. Merendamos para recuperar forzas e, acto seguido, as mestras Montse e Olalla de música deleitáronnos cunha emotiva representación de dito conto. Rematamos a xornada cunha plantación de árbores na horta da residencia.

martes, 19 de marzo de 2019

UNHA MAÑÁ DIFERENTE

Onte tivemos unha xornada especial chea de actividades. Con motivo da Semana da Prensa, comezamos coñecendo como se fai, redacta e ilustra unha noticia da man dunha periodista e unha fotógrafa de “La Voz de Galicia”. Se picades na imaxe inferior podedes acceder á noticia na prensa dixital.

Despois, a través do Plan Proxecta Voluntariado miúdo: Móvete no que participa o noso centro, Anxo Moure veu cargado de contos solidarios e fíxonos escachar coa risa na Biblioteca Municipal. Recuperamos fozas cos bocatas e xogamos no parque da Casa da Cultura. E para rematar cantamos e bailamos con Pakolas.

sábado, 16 de marzo de 2019

OS AVÓS E A FORMACIÓN DE USUARIOS

Alá polo mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, convocou o concurso “Xogando coa CDU” coa finalidade de potenciar a formación de usuarios da biblioteca escolar. A nosa escola quixo participar no certame e deseñou unha batería de actividades para traballar a educación documental cos máis pequenos. Non figuramos entre os gañadores, pero os materiais elaborados estannos a servir para que os meniños aprendan a localizar os exemplares nos andeis á vez que gozan coa lectura dos libros. Esta semana, aproveitando a temática do caderno viaxeiro dos superavós, limos e traballamos ao redor do conto “A avoa de Rosa”.

domingo, 10 de marzo de 2019

ENTROIDO 2018

Este curso o Entroido veu cargado de actividades que compartimos coas familias e os avós da Residencia de Maiores de Ribadumia. Clicade na imaxe e veredes o bonito vídeo que fixeron dende a ANPA da escola.

miércoles, 7 de noviembre de 2018

XOGANDO CON CAROZOS

Hoxe, cos carozos que sobraron do Magosto que celebramos a semana pasada, estivemos aprendendo un dos xogos cos que enredaban os nosos avós cando eran pequenos. Tratase de facer unha torre o máis alta posible sen que caía ao chan poñendo cada neno un carozo por quendas.
 Tamén comprobamos que podemos facer nomes con eles e nos vindeiros días seguiremos experimentando e creando. Probade a xogar tamén vós na casa cos meniños, seguro que atopades un montón de usos creativos. Animádevos a mandarnos fotos e publicarémolas no blog para compartir ideas.

sábado, 27 de octubre de 2018

¡GRAZAS A TODOS POR PARTICIPAR!

Despois dun par de semanas de preparativos, por fin deu chegado o día. Acompañados dos nosos amigos e familiares dimos a volta ao cole para apoiar a loita contra a leucemia infantil. Os donativos recadados pola comunidade educativa serán remitidos á Fundación “Unoentrecienmil”. Eses cartos serán destinados a unha Beca para a investigación da enfermidade. Graciñas a todos polo voso esforzo e participación.