domingo, 30 de noviembre de 2014

ZUME SELVÁTICO

Na entrada anterior vimos como preparar unha festa coa selva coma tema central, nesta propoñémosvos a receita para invitar aos vosos amigos. Ademais… ¡Como nos gusta facer  zume de laranxa!… iso de espremer coma chicos maiores ten o seu encanto. Se a isto lle engadimos a fortaleza que nos vai proporcionar as vitaminas do resto dos ingredientes e o toque selvático do seu nome, temos o conxunto perfecto para gozar da merenda.

viernes, 28 de noviembre de 2014

FESTA SELVÁTICA


Máscaras con forma de monos e rás para as invitacións, grilandas con anacondas para decorar, flores de froitas e piscinas de néctar con xelatina e doces para a merenda  … isto e todo o necesario para organizar unha festa selvática atopámolo no libro ¡fiesta! que temos na nosa biblioteca escolar. Del sacamos a idea para a receita do noso obradoiro de cociña de hoxe, pero iso volo contaremos noutra entrada. Como podedes observar nas fotos, as serpes son moi doadas de facer, así que se vos animades, esta fin de semana podedes realizar unha celebración con esta temática. E para os que están enfermiños incluímos unha imaxe co proceso por se queren facela na casiña.

jueves, 27 de noviembre de 2014

BICOS…


Moitos bicos, de eses que axudan a curar, para todos ós nosos amiguiños de clase que andan enfermiños e botamos tanto de menos. Esta mañá soamente eramos oito en clase, a varicela e os virus propios da estación están facendo estragos entre os meniños e algún que outro papá. Esperamos e desexamos que se recuperen pronto para volver a brincar xuntos na escola.

miércoles, 26 de noviembre de 2014

UNHA PARTIDA DE OCA EN FAMILIA


Esta é a proposta para hoxe. Agora que andamos a aprender a xogar á oca, aos cativos tamén lles fai ilusión facelo na casa. A semana pasada xa comezamos a realizar as fichas cos nomes dos membros de cada familia. Como teñen que ser pequeniñas para que collan no taboleiro e os más novos da clase aínda non teñen moita maña niso de escribir, fixémolos no ordenador. Os maiores axudaron aos pequenos e esta mañá, despois de imprimilas e plastificalas, puideron levalas para casa. Xa nos contaredes que tal saen esas partidas. Se vos animades podedes mandarnos fotos e publicarémolas nesta entrada.

martes, 25 de noviembre de 2014

O APALPADOR


Aínda falta un mes para o Nadal pero xa temos que empezar cos preparativos para a festa que celebraremos o día 19 de decembro. Se a complicada axenda do Apalpador llo permite, ese día virá a recoller as cartas coas peticións para as nosas aulas. Onte, na visita semanal que facemos á biblioteca escolar, estivemos vendo os contos que temos del e lembrando a historia deste persoeiro que vive nas montañas do Courel e baixa cada Nadal con agasallos de madeira para todos os cativos. Os que desexen coñecer a súa historia ou vela de novo, poden facer clic aquí, primeiro tedes o conto e despois varias actividades LIM.
Onte tamén estivemos traballando ao redor da canción que vos deixamos a continuación, escoitádea, a ver se vos gusta.

lunes, 24 de noviembre de 2014

ANACONDA

Despois do impresionados que quedamos tras ver o documental do nacemento das anacondas o pasado luns, non podíamos deixar pasar a oportunidade de levar ao noso obradoiro de cociña tan temido e admirado réptil. O venres puxemos mans a obra e convertemos unha inofensiva mandarina nunha cría de anaconda rodeada de temibles pirañas. O resultado non foi moi lucido pero o pasamos en grande decidindo quen comía a quen.

domingo, 23 de noviembre de 2014

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL


O Concello de Ribadumia convocou a XII  edición do Concurso Escolar de Postais de Nadal, destinada ao alumnado dos centros de infantil, primaria e secundaria da localidade. Na nosa escola, como todos os anos, decidimos participar e aproveitar todo o traballo que as precede para aprender algunhas cousiñas. 
O primeiro, a historia do nacemento do meniño Xesús e todos os acontecementos que o rodearon, incluído o papel que desempeñaron Os Reis Magos que tanto nos gustan. Buscamos e comezamos a montar o Belén que temos na aula e co que nos encanta xogar. Estivemos lendo os contos que temos na biblioteca baseados no tema e collemos tamén libros que nos ensinan como debuxar as imaxes que adoitan ilustrar as postais.
Para participar, no reverso temos que incluír os datos persoais, entre eles o número de teléfono que é no que imos centrar os nosos esforzos e ao redor do cal faremos máis actividades a vindeira semana.  Aínda temos traballo para varios días, tal vez non gañemos, pero seguro que aprenderemos moitas cousiñas.

viernes, 21 de noviembre de 2014

O VENRES AO SOL…

Que ben o pasamos hoxe xogando no patio de recreo. Despois de toda a semana sen poder subir ao tobogán polas pozas creadas pola choiva, está mañá gozamos do lindo con este agasallo de bo tempo que nos fixo o outono. Enredabamos tan felices todos xuntos, que a mestra non puido resistir a tentación de quitarnos estas fotos.

miércoles, 19 de noviembre de 2014

OS MÉRCORES TEMOS PROBLEMAS...


Mencía ten dous coches, Lucía regálalle tres máis. ¿Cantos coches ten agora Lucía?... Pola súa parte Pablo prefire coller catro e Gabriel darlle cinco… ¿Como representamos isto con números?... Como xa vos comentaramos a semana pasada, os mércores imos mergullarnos no mundo dos problemas para intentar comprender a súa simbolización. Paseniño procuraremos descubrir que significa o signo “+”, “-“ e “=” e cando podemos empregalo.

Os pequenos pola súa banda andan a voltas coa cantinela, aprender a contar non é doado e necesitamos ter estabilidade no reconto para facelo. Na casa podedes axudarlles a memorizar os números na orde correcta animándolles a contar, calquera cousa sirve: os pasos da escaleira mentres subimos ou baixamos, as pinturas que ten, os caramelos que lle regalaron...; primeiro con nós; despois un número eles e outro nós, a modo de xogo para ver que chega máis lonxe na serie numérica.

martes, 18 de noviembre de 2014

NA HORA DE LER… ¡TAMÉN MATEMÁTICAS!


A nosa bolsiña de lectura veu hoxe cargada de novidades. Traía tantos libros que case non podíamos con ela. Todos tiñan un tema común: as matemáticas. Aínda que nos poida parecer estraño, as matemáticas tamén serven para ler e na nosa biblioteca atopamos moitos contos que xiran ao seu redor. Cando íamos sacando e comentando os libros para ver por cal empezabamos, cada cativo expoñía as súas preferencias, pero coma sempre foi o encargado do día quen escolleu, nas vindeiras xornadas todos terán a oportunidade de elixir. Esta actividade está enmarcada dentro da iniciativa de “Biblioteca escolar …matemático!” que vos comentamos nunha entrada anterior e ao redor cal seguiremos traballando con máis propostas que xa estamos argallando.

lunes, 17 de noviembre de 2014

EN LOS DOMINIOS DE LA ANACONDA

Este é o título do DVD que estivemos vendo esta mañá na biblioteca escolar. Nel puidemos observar como cazan e nacen as anacondas, pero tamén como teñen inimigos que non dubidan en devoralas nada máis nacer.
Paralelamente aproveitamos para traballar a educación documental e comprobar que na biblioteca non soamente hai libros e contos, senón que tamén podemos encontrar información noutros formatos.  Fomos á zona documental e buscamos onde está colocado este DVD. Descubrimos outro de golfiños que tal vez nos poida resultar interesante.

viernes, 14 de noviembre de 2014

¡FELICIDADES LUCÍA!

A pesar da choiva, o vento, os lóstregos e a forte treboada que tivemos á hora da entrada, hoxe celebramos o primeiro aniversario deste curso. Unha mágoa que algúns nenos enfermiños de varicela non puideran acompañarnos, dende esta páxina lle mandamos un bico moi especial deses que axudan a curar e esperamos velos pronto de volta na escola.
  

jueves, 13 de noviembre de 2014

EN NOVEMBRO… A TRADICIÓN ORAL

Todos eses contos, cantos, lendas, xogos, ditos, regueifas, romances, refráns… que se transmiten de pais a fillos de xeito oral, forman parte da chamada Tradición Oral. Segundo o calendario das letras e da lectura, conmemórase na primeira semana de novembro, pero na nosa escola preferimos prolongala máis tempo. Cada ano gústanos centrámonos nun tema en concreto, o curso pasado foron os “xogos para botar sortes”. Mestres que rematamos de perfilar o deste, hoxe comezamos a quentar motores lembrando algún deses enredos nos que é tan rica a nosa tradición oral e cos que tanto nos gusta brincar ao aire libre. Aproveitando a tregua que nos deu a choiva á mañá, xogamos a “Pase Misi” e “As abelliñas de San Miguel”, mirade que ben o pasamos.


miércoles, 12 de noviembre de 2014

BIBLIOTECA ESCOLAR… MATEMÁTICO!!!


Este é o lema elixido este ano por bibliotecas escolares galegas para espertar o interese polas matemáticas e salientar o papel das bibliotecas como apoio ao seu aprendizaxe. Na nosa aula tamén imos sumarnos a esta iniciativa con diversas propostas que paseniño iremos debullando ao longo do curso. Hoxe comezamos a desenvolver dúas delas. Unha, denominada “Os mércores imos ter problemas”, vai ser unha adaptación da experiencia realizada polo IES Alexandre Bóveda (Vigo) e exposta nas V Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia que se celebraron a pasada fin de semana en Santiago de Compostela, contarémola dentro duns días. 
A outra, chamada “Sete contos e unha oca”, vainos dar moito xogo. Trátase dunha versión do tradicional xogo da oca que aproveita a potencialidade dos contos tradicionais. Recuperamos o taboleiro e o material dunha antiga campaña de lectura e, coa axuda do mestre Jose, comezamos por intentar aprender a xogar. O primeiro, e para non confundirnos, personificamos as fichas substituíndoas por tarxetas plastificadas cos nosos nomes.  Pero … ¡que complicado é xogar á oca cando temos menos de cinco anos!... Lanzar o dado sen que saia disparado fóra da mesa, contar os puntiños, recoñecer que o ultimo número do reconto é o que representa a cantidade, memorízalo, localizar as “casillas”… Aínda temos que practicar moito pero seguro que acabaremos conseguíndoo. 
Se vos animades podedes xogar na casa cos máis pequenos, ademais de pasar un agradable rato en familia, axudaredes aos cativos a contar, memorizar a cantinela, interiorizar o principio un a un, recoñecer os números, respectar quendas, aceptar as normas, saber perder e gañar … xa nos contaredes que tal vos vai.

martes, 11 de noviembre de 2014

BOLBORETA CAIMÁN

A semana pasada estivemos vendo que en “A Selva Amazónica” habitan moitas especies de bolboretas e decidimos levalas ao noso obradoiro de cociña. Buscamos nos libros para elixir unha e, nun exemplar titulado “Bichos”, atopamos unha que rapidamente nos fascinou: a bolboreta caimán. Caracterizase pola súa cabeza con aspecto de cacahuete que vista lateralmente lembra a un caimán. Ao despregar as súas ás inferiores poden verse dous falsos ollos que serven como prevención dos depredadores.

lunes, 10 de noviembre de 2014

GUÍA DE USUSARIOS DA BIBLIOTECA

O mes de novembro ven cargado de datas salientables para o libro e a lectura, pero antes de comezar con elas, non podíamos despedir outubro, mes das bibliotecas escolares, sen facer chegar ás familias a guía de usuarios da nosa biblioteca escolar.


Hoxe aproveitamos a nosa visita semanal para traballar ao redor da clasificación decimal universal (CDU). Esta mañá lembramos os códigos de cores e números que se empregan para clasificar os libros segundo a materia da que tratan, buscámolos nos andeis e realizamos unha ficha resumo.

domingo, 9 de noviembre de 2014

O NOSO SAMAÍN NO XORNAL


Graciñas á colaboración e axuda desinteresada das familias, cada vez son máis variados os periódicos que entran na aula e maior o número de actividades que podemos facer ao seu redor. Estes días El País, El Correo Gallego, El Mundo … viñeron a enriquecer a nosa particular hemeroteca. Ademais de ollalos e ler as noticias que polos máis diversos motivos chaman a nosa atención, facemos xogos de memoria intentando adiviñar que xornal falta, de atención buscando o repetido, de expresión de preferencias dicindo cal nos gusta máis…


Son moitas as novas que vimos esta semana na prensa e que espertaron o noso interese. A tormenta dos 3.359 raios, o anuncio da  Festa da Castaña do Caurel, a condecoración ao policía de Pontevedra por rescatar a unha persoa do río Lérez…
Pero para nós a máis importante foi ver a Anxo Moure cos nosos compañeiros e as súas mamás no Diario de Arousa. Aínda que sempre hai quen se incomoda por non saír na foto, tamén nos sirve para aprender a aceptar as cousas como veñen e separar o importante do secundario.

jueves, 6 de noviembre de 2014

FAMILIAS LECTORAS NA AULA


¡Como nos gusta ver as fotos nas que estamos lendo en familia!. A pesar de que a exposición ía ser soamente para o día da festa, non nos resistimos a volver a montala na aula e continuar traballando ao redor dela. Agora que temos as fotos de todos, gústanos miralas, dicir quen nos acompaña e onde estamos.

A idea é facer un libriño con todas as fotos e que entre a formar parte da biblioteca de aula. Pero primeiro imos enriquécelo con pequenos pés de fotos que estamos elaborando. Nesta liña decidimos aprender a escribir os nomes de quen aparecen na imaxe e do lugar onde nos atopamos. 
Na cama, na cociña, no salón, na habitación ¡que difícil é escribir habitación con esa “H” que non soa!, no sofá, na biblioteca e ata… ¡na praia! ¡Como nos gusta iso de ler na area!... E a vós… ¿onde vos gusta ler?... animádevos a mandar comentarios coas vosas preferencias ou se o preferides fotos a escoladeleiro@gmail.com e publicarémolas no blog.