viernes, 31 de enero de 2014

PEQUENOS ARTÍSTAS

¿Lembrades o tren que nos trouxo o Apalpador polo Nadal?... pois Antía e Anxo, experto indiscutible en temas de dinosauros en clase, puxeron en marcha a súa imaxinación e transformaron a ponte e as vías neste impresionante esqueleto de dinosauro. Tal vez dentro duns anos convértanse en paleontólogos de recoñecido prestixio…

jueves, 30 de enero de 2014

FELIZ DÍA DA PAZ

Por fin chegou o momento de levar as grúas cos nosos desexos de paz para casa. Para non esquecer as cores que elixiron ós nosos amigos, fixemos un listado cos nomes e anaquiños do papel escollido. Cada un, cortámolo en 14 cachiños, para que todos puideramos ter todas as cores, e gardámolos nunha caixiña. Hoxe fixemos rexistros individualizados coas cores das grúas da paz elixidas polos nosos amigos e, aínda que para algunhas tonalidades era complicado, cando comprobabamos o matiz no listado resultaba doado.




miércoles, 29 de enero de 2014

OS BOLECHAS EN MONECOS

¿Lembrades o caderno de actividades co que nos agasallaron os Bolechas polos nosos debuxos?… Nel viñan modelos para facer os Bolechas en papel, e Rita, que é unha auténtica fan deles, fíxoos todos coa axuda da súa familia.  Mirade que bonitos lle quedaron, cando os trae á escola … ¡como nos gusta xogar cos seus Bolechas!.

martes, 28 de enero de 2014

PREPARANDO O DÍA DA PAZ

¡Que difícil é facer grúas de papel!... comezamos a semana elixindo a cor. Cada cativo escolleu a que máis lle gustaba, cunha única condición, non se podía repetir, canta máis variedade mellor, xa sabedes que as diferenzas enriquecen. Para decidir as quendas, empregamos os xogos de botar sortes que aprendemos o trimestre pasado e, un a un, fomos seleccionando: vermello, azul claro, azul mariño, rosa chicle… ¡como nos gusta ese nome!.
Despois, por parellas, transformamos o folio nun cadrado e, con axuda da mestra, dobramos unha chea de veces o papel ata convertelo en grúa da paz. Xa están case todas feitas pero se vos animades a realizar máis na casa, vos deixamos un vídeo co proceso, a ver se chegamos ás 1000 e conseguimos que escoiten os nosos desexos de paz.



lunes, 27 de enero de 2014

SÁNDWICHS DE GALLETA

Baseándonos nunha receita  que vimos no libro “Menús para festas”,  e empregado como ingrediente principal o rico marmelo de mazá que elaborou a mamá de Carlos, preparamos esta rica merenda. Ao principio moitos dicían que non lle gustaba pero cando a probamos… ¡que rica!. Graciñas por axudarnos a descubrir novos sabores e texturas.

viernes, 24 de enero de 2014

FÉLIX E AS GRÚAS DA PAZ

Esta semana recibimos unha nova carta da nosa lebre viaxeira. Ela serviunos de punto de partida para coñecer  a historia de Sadako Sasaki e reflexionar sobre as consecuencias da guerra. Sadako vivía en Hiroshima e tiña dous anos cando lanzaron a  bomba atómica. Nove anos despois, enfermou de leucemia como consecuencia da radiación recibida. 
Mentres estaba no hospital unha amiga contoulle a lenda das grúas de papel: aquela persoa que fora capaz de facer 1.000 conseguiría que o seu desexo se fixera realidade. Sadako comezou a crear grúas pero pensou que no sería xusto pedir a curación soamente para ela e pediu que o esforzo que ía facer servira para traer a paz. Lamentablemente morreu despois de facer 644, pero os seus amigos continuaron a súa misión e completaron as mil grúas coa esperanza de que se evitaran as guerras no futuro. No Parque da Paz de Hiroshima realizaron unha estatua dela cunha grúa na súa man. Cada ano chegan grúas de papel de todo o mundo coa esperanza de que leven os seus desexos de paz. Na nosa aula tamén queremos render unha pequena homenaxe a Sadako e comezamos a construír grúas de papel para celebrar o vindeiro xoves o día escolar da paz.

miércoles, 22 de enero de 2014

XOGUETES XAPONESES

Papá Noel, o Apalpador, os Reis Magos… despois dunhas datas cargadas de agasallos, non podíamos pasar páxina sen lembrar cales son os xoguetes xaponeses máis populares entre os cativos: Hello Kitty e Doraemon. Na actualidade hai multitude de produtos, accesorios e complementos destes personaxes ficticios, pero o teléfono móbil de Doraemon que vimos no libro de Xapón que trouxo Carlos, deixounos abraiados; aínda que o peluche personificado de Pablo que serviunos de modelo para debuxar os nosos encantounos. No que respecta a Hello Kitty, Antía compartiu con nós, un conto, unha  película e ata un piano- conto.

viernes, 17 de enero de 2014

UN FOGAR PARA LUCÍA E LUCÍANA

Trátase de dúas cadeliñas que abandonaron a principios de ano nun contedor de auga. Esta semana vimos a noticia no xornal Faro de Vigo. Agora están no  Centro de Acollida e Protección de Animais Domésticos da provincia en Meis, á espera de que alguén as poida adoptar. En clase estivemos traballando ao redor do tema e sobre todo reflexionando sobre o coidado dos animais. Tamén limos un precioso conto que temos na biblioteca e que vos recomendamos “El nunca lo haría”. Esperamos que Lucía e Lucíana atopen logo unha familia que as coide.

miércoles, 15 de enero de 2014

A JAPÓN CON AKIKO

Este é o título do conto da editorial La Galera que o luns estivemos vendo na biblioteca escolar. Nel, Akiko explícanos como debemos facer para poñernos o quimono, vestido tradicional xaponés, aberto por diante e con forma de “T”. Para pechalo temos que levar a punta esquerda sobre o costado dereito e atarnos arredor da cintura un pano chamado obi. Como na escola non temos quimono nin obi, estivemos practicando coa bata sen abotoar e unha bufanda. E un pouco complicado pero coa axuda dos compañeiros conseguímolo. 
Tamén aproveitamos a portada para aprender como se chama o calzado que o acompaña. Unha especie de chancletas de madeira chamada geta que se coloca sobre os tabi, calcetíns tradicionais xaponeses coa deda polgar separada do resto das dedas.

sábado, 11 de enero de 2014

ÁRBORE DE NADAL CON KIWI

Non queríamos dar por rematado o noso traballo ao redor do Nadal sen facer algo ao respecto no noso obradoiro de cociña. Como agora os kiwis están no seu mellor momento, decidimos empregalos como base para esta receita. Se queredes ver máis opcións de árbores de Nadal comestibles facer clic aquí, nós escollemos a froita pero hainos de pizzas, galletas, queixo… Se vos animades a facelos na casa, non vos esquezades de enviarnos as fotos e publicarémolas no noso blogue.

jueves, 9 de enero de 2014

COMENZAMOS…

O inicio do segundo trimestre veu cargado de sorpresas. A primeira: o agasallo do Apalpador. Sabíamos que era algo de madeira pero non tiñamos claro de que se trataba. Antes de abrilo intentamos adiviñar o seu contido: un quebracabezas, un helicóptero, un cabalo, un dinosauro… cada un dixo o que pensaba que había no seu interior. Despois repartimos as pezas e entre todos montámolo… ¿Sabedes xa que foi o que nos deixou este ano na escola o Apalpador?
E a segunda: o caderno de actividades dos Bolechas por participar no concurso “Debuxa o teu cole”. Non chegou a tempo ao noso centro para gozar del nas vacación de Nadal, pero si para empezar na escola con ilusión. Ningún neno do noso colexio resultou gañador no sorteo dos diferentes premios, pero nós pasámolo ben igual participando e hoxe personificando o libriño cun retrato noso.