Mostrando entradas con la etiqueta Superticións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Superticións. Mostrar todas las entradas

miércoles, 28 de marzo de 2012

O SALÓN DO LIBRO VAI CHEGANDO AO SEU FIN

Para os que aínda non puideran ir visitalo, este sábado día 31 de marzo, clausúrase o XII+I Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Neste trimestre, parte do noso traballo xirou ao redor do tema ao que está dedicado: as supersticións. Unha das cousas que vimos foi o poder que a tradición asocia á ferradura como obxecto portador de boa sorte e, colocada na porta, como impedimento á entrada das bruxas e do mal. Neste tempo observarámola en libros e debuxos.      Hoxe Martiño tróuxonos unha e por fin puidemos tocala e entender un pouquiño mellor como son e para que serven realmente.

jueves, 22 de marzo de 2012

NIN UN BIQUIÑO Á FORZA

Estes días viñeron cargados de conmemoracións importantes: o día da muller traballadora, a semana da prensa, o día da poesía, a chegada da primavera... e con cada unha delas comezamos con novas actividades e propostas. Pero non por iso esquecemos o traballo que andabamos a desenvolver ao redor das supersticións de fin de ano. Un dos pequenos rituais relacionado con esa noite é o feito de bicar a un ser querido. Hoxe estivemos decidindo a quen queríamos bicar nese momento tan especial. Cada un elixiu a quen lle pareceu máis oportuno: Ángela a Enma, a irmanciña que acaba de nacer; Anxo ao seu papi; Andrea a súa mami; María a Paula, a súa irmá da Estrada; Paula á súa amiga María; Jose Antonio ao seu primo Manuel… como sempre fixemos un listado e, cada neno, escribiu a elección dos seus amigos, os de tres anos a dous ou tres e os máis maiores a máis. Pero o que si deixamos claro e que ninguén pode dar nin un biquiño á forza, como vimos no conto da imaxe escrito para a prevención da violencia de xénero.

martes, 13 de marzo de 2012

LEVAR ALGO VERMELLO

Tradicionalmente a cor vermella asociase á prosperidade, por este motivo,
 outra das supersticións relacionada con fin de ano é levar esa noite unha prenda desta cor. En clase decidimos elixir que vestimenta encarnada usaríamos cada un, coma sempre, cunha única condición, non podíamos repetir. Realizamos un listados de todos os nomes e atribuímoslle a cada quen a peza escollida. Posteriormente cada un escribiría a elección dos seus amigos, os de 3 anos elixirían a dous, os de 4 a máis... E a vós, ¿que complemento vermello vos gustaría levar: sombreiro, colar, camiseta, chaqueta, cinto…? aínda tedes moita variedade entre a que escoller.

lunes, 12 de marzo de 2012

VISITAMOS O SALÓN DO LIBRO E O ESTADIO DE PASARON

Hoxe, cando chegamos á escola, xa estaban a esperar os autobuses. Puxemos os chalecos reflectores para non perdernos, metemos as bolsiñas de plástico coa merenda nos carriños e marchamos a Pontevedra. No Pazo da cultura, Orbil, a mascota do Salón do Libro, saíu a recibirnos e un monitor acompañounos ata a sala dos contacontos. A través dun xogo de cartas fomos elixido caixas cargadas de historias: A bruxa Brunilda, Monstros divertidos, allos para escorrentar aos vampiros…Logo tocoulle a quenda á “ruleta das cacas”: de paxaro, porco, cabuxa, vaca… din que trae boa sorte pisala, canto máis grande mellor… fixemos xirar a ruleta e, de costas, intentamos que parara no animal que a fai maior… Tamén buscamos trevos de tres e catro follas, lobos que querían enganar ás ovellas, vimos o noso traballo, estrelas fugaces, un carro de curandeiro, animais de pedra, pasamos por debaixo dun gran gato negro… Con tantas emocións a fame espertou e chegou o momento da merenda. Tras repoñer forzas, aínda nos quedaba coñecer o Estadio de Pasaron: as gradas, os trofeos, as camisetas, os vestiarios… e o mellor de todo, o campo coas porterías e balóns para xogar, aínda que sempre hai quen prefire observar dende o banquillo. Con tanto brincar as chaquetas e xerseis sobraban e o cansanzo ía apoderándose de nós. Era o momento de regresar e compartir as emocións do día coa familia.

domingo, 11 de marzo de 2012

MAÑÁ ¡IMOS DE EXCURSIÓN!

Non vos esquezades, mañá hai que madrugar e chegar cediño á escola. Os autobuses teñen que marchar ás 9:00 se queremos que nos dea tempo de realizar todo o que temos programado para a xornada: ver o noso traballo exposto no Salón do Libro e os dos outros colexios, asistir á actuación do grupo Pavís Pavós, coñecer o Estadio de Pasaron onde xoga o equipo de fútbol Pontevedra FC…
Lembrades que non tedes que traer mochila, ocupan moito espazo e son máis complicadas para transportar dun sitio a outro. Simplemente metede un bocadillo e unha botella pequena de auga co nome posto nunha bolsiña de plástico.
Deste xeito poderemos levar todas nun carriño da compra e non teremos que cargar con peso. E sobre todo, deitarvos cediño para estar ben descansados e gozar  de todas as actividades.

sábado, 10 de marzo de 2012

BATIDO MÁXICO DE AMORODOS

Para non esquecer o que queríamos que nos proporciona-ra esta máxica receita, fixemos un listado. A Andrea daríalle saúde para curar da varicela, a María enerxía para librarse dos catarros, a Pablo valor para que nos defenda a todos se ven o Zampón, a Laura rapidez para que remate pronto as fichas, á mestra memoria para que non esqueza onde deixa as cousas, a Ángela paciencia para rematar ben os traballos, a Anxo calma para non precipitarse nas súas reaccións, a Antía felicidade para gozar de cada momento…
Custounos un pouquiño comprender que non se podían pedir cousas materiais pero pouco a pouco foron saíndo aspectos sen axuda… Paula quería sorpresas, Martiño músculos, Rubén forza…
Para todos fomos atopando atributos e sen repetir ningún. O “po máxico” foino a buscar a mestra ao Salón do Libro, o resto dos ingredientes trouxérono os cativos. Agora xa somos uns cociñeiros autónomos. Sabemos cortar os amorodos con coidadiño, abrir o iogur, botalo na fonte, engadirlle o azucre… se non fora porque necesitamos a batedora facíamos a receita sen axuda.
Pero, sen lugar a dubidas, o que máis nos gustou foi botar “os pos máxicos” en cada vaso, non sabemos se farán efecto ou non, pero nós, supersticións a parte, conseguimos enriquecer o noso vocabulario.

miércoles, 7 de marzo de 2012

RECEITAS MÁXICAS

Como Félix anda por París, queríamos seguir aprendendo a cociñar comidas que gustan aos franceses, pero é tempo de amorodos e non podemos deixar pasar a oportunidade de saborealos. Así que, como tamén andamos a  voltas coas supersticións, decidimos elaborar “batido máxico de amorodos”. Na imaxe tedes os ingredientes que temos que traer, a mestra vaise encargar dos “pos máxicos” que, ao mesturalos coas fresas e o iogur, darán a Laura rapidez, a María enerxía, a Rubén forza, a Ángela paciencia… Xa vos contaremos que virtude vaille pedir cada un a esta receita máxica.

martes, 6 de marzo de 2012

COMER 12 UVAS…

Aínda que poida parecer o contrario, non nos confundimos de data no calendario, simplemente comezamos a ver polo miúdo as supersticións relacionadas con fin de ano que redactaramos para o Salón do Libro. Sen lugar a dúbidas, a máis coñecida é a que aparece na imaxe. Ás 12 en punto da noite,  cómese unha uva coincidindo con cada badalada. Con cada uva que consegues tragar pídese un desexo.  Se se cumpren ou non, non o sabemos, pero o que si descubrimos hoxe foi a colocación dos números no reloxo e que non é doado contar 12 uvas. Primeiro temos que saber a cantinela ata o 12, e non todos a saben. Despois temos que contar todas as uvas unha vez e soamente unha vez, non vale contar unha dúas veces, nin podemos deixar ningunha atrás. E ao final, o máis complicado, descubrir que o último elemento do reconto é o que representa a todo o conxunto… ¡uf!

sábado, 3 de marzo de 2012

O SALÓN DO LIBRO ABRE AS SÚAS PORTAS


A partir de mañá e ata o 31 de marzo, todos os que o desexen poderán achegarse ata o Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra. A inauguración será as 11.00 no Auditorio do Pazo co espectáculo Meigas Fora da Aula Folque Infantil de Pontevedra, onde os rapaces tratan de xeito cómico o tema da mala sorte, o azar, as supersticións e os meigallos. Clicando na imaxe superior podedes acceder a toda a programación. A zona de exposicións permanecerá aberta de  luns a venres de 16.30 a 21 h; sábados de 11 a 14 h e de 16.30 a 21 h; domingos e festivos de 11 a 14 h. Nela, poderedes ver a escaleira que sirve de estrutura aos diferentes libriños realizados no noso centro, o da nosa aula, aínda que o traballaremos máis a fondo nas vindeiras semanas, podelo ollar tamén no seguinte enlace



Para os que non teñan moi claro como chegar, esperamos que esta imaxe lle sirva de axuda.

domingo, 26 de febrero de 2012

AS SUPERTICIÓNS CHEGAN Á ESCOLA

Ferraduras, trevos de catro follas, patas de coello, figa… son moitos os obxectos e accións que a tradición asocia á boa ou mala sorte… A modiño, iremos descubrindo que non teñen dita influencia nos acontecementos, pero nos axudaran a coñecer as crenzas populares e a enriquecer o noso vocabulario. O traballo da nosa aula para o XIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xira ao redor das “Supersticións de fin de ano”: comer 12 uvas, brindar, levar algo vermello… Xa está rematado o que imos presentar pero aínda nos queda moito por investigar.