sábado, 31 de marzo de 2012

“MOUSSE” DE AMORODOS ACCIDENTADO

Antes de marchar de vacacións queríamos probar no noso obradoiro de cociña outro dos preparados culinarios de orixe francés: “o mousse”. O máis coñecido é o de chocolate pero nós optamos polo de amorodos por ser máis doado de elaborar. Ao principio todo estaba a saír de marabillas. Primeiro traballaramos a receita e os seus ingredientes. Despois puxémonos a cociñar. Abrimos un dos sobres de azucre e botámosllo á nata líquida. Mentres que a mestra Ángeles montábaa coa batidora,  con Janet fomos cortando os amorodos, botándoos na fonte, engadíndolle o outro sobre de azucre… O desastre sobreveu ao mesturar os amorodos coa nata montada… o banco onde estaba apoiada a mestra abaneouse, a fonte moveuse e o seu contido… ¡ao chan!… Tras o desconcerto inicial e as risas posteriores, un anaquiño de patio mentres a mestra limpaba o desaguisado, volver a montar a nata que quedou no cartón, mesturala co resto de amorodos que salvouse do desastre, volta para a aula e a merendar mousse de amorodos accidentado pero rico,rico, rico.

viernes, 30 de marzo de 2012

XA NACERON AS NOSAS EIUGAS DE SEDA

Fai un par de semanas que os ovos das eirugas de seda que tiñamos gardados eclosionaron. Esta primavera, como está sendo moi calorosa, a moreira do patio de recreo xa está cuberta de follas e ás eirugas non lle falta comida. Aínda son moi pequerrechiñas e as nosas mans non teñen destreza dabondo para conseguir collelas sen esmagalas. Por agora é a mestra a que se encarga de cambiarlle as follas secas pero despois de vacacións, cando medren o suficiente, poderemos ser nós os encargados de facelo e iniciaremos un pequeno proxecto para aprender cousiñas sobre elas. Naceron moitas e son incontables os ovos que están a punto de eclosionar, todos aqueles que queiran levar algunhas para casa e ser responsable do seu coidado, soamente teñen que llo pedir á mestra.

miércoles, 28 de marzo de 2012

O SALÓN DO LIBRO VAI CHEGANDO AO SEU FIN

Para os que aínda non puideran ir visitalo, este sábado día 31 de marzo, clausúrase o XII+I Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Neste trimestre, parte do noso traballo xirou ao redor do tema ao que está dedicado: as supersticións. Unha das cousas que vimos foi o poder que a tradición asocia á ferradura como obxecto portador de boa sorte e, colocada na porta, como impedimento á entrada das bruxas e do mal. Neste tempo observarámola en libros e debuxos.      Hoxe Martiño tróuxonos unha e por fin puidemos tocala e entender un pouquiño mellor como son e para que serven realmente.

martes, 27 de marzo de 2012

O XARDÍN DA POESÍA

Poemas de Rosalía de Castro, Gustavo Adolfo Béquer, Gloria Fuertes… elixidos polas familias dos nosos alumnos comezan a chegar nos pétalos que levamos para casa. Estes, pouco a pouco, dan forma as flores que á súa vez enchen de vida “O xardín da poesía” da nosa biblioteca.

lunes, 26 de marzo de 2012

FIGUERIÑA QUE PRANTEI…

Ao igual que Rosalía de Castro no seu poema  Adiós ríos, adiós fontes”, nós tamén quixemos plantar na nosa horta unha figueiriña. Fixémolo está mañá coa mestra Ana e a axuda do mestre Rafa porque a nosa hortiña, aínda que tamén a queremos moito, ten a terra tan dura que non hai quen a fure. Logo, na biblioteca, traballamos o poema e a portada do libriño que o contén. Como na zona de literatura infantil os exemplares están ordenados por editoriais, vimos como era o anagrama deste libro, para aprender onde va colocado e poder levalo prestado para casa se nos apetece.

domingo, 25 de marzo de 2012

REMATAMOS A SEMANA DA PRENSA

O venres puxemos punto final á Semana da Prensa, pero non ao noso traballo ao redor do xornal, que  continuará estando presente cada mañá a primeira hora cando ollemos o periódico. A despedida fixémola unha vez máis xogando. A semana pasada vimos como podíamos converter o  diario en volantes, cadeiras, sombreiros… nesta ocasión simplemente tivemos que engurrar forte follas do xornal e o potencial multiplicouse ao quedar convertido en pelotas.
Lanzar ao aire e collelas antes de que caeran ao chan; golpealas coa cabeza, as mans, os xeonllos… xogar ao fútbol… e cando rompen  ¡a encestar na papeleira!.

viernes, 23 de marzo de 2012

A COMIDA FRANCESA

Despois de case todo un trimestre coñecendo cousiñas de Francia non podíamos retrasar máis o continuar probando comidas dos nosos veciños galos. No libro “París grandes secretos para pequeños viajeros", do que xa vos falaramos con anterioridade, limos que ademais dos creps, aos franceses gústanlle os caracois, as baguettes, os cruasáns, o mousse de chocolate, o roscón de reis…Os creps xa os fixemos, os caracois os cativos non queren nin probalos, o roscón é demasiado complicado… así que para este venres optamos polas baguettes e os cruasáns. Co pan fixemos torradas que aderezamos con aceite de oliva para potenciar a dieta mediterránea e, sen lugar a dubidas, foron as que máis éxito tiveron. Para os cruasáns cada un dixo que embutido trouxera e, os que non se lembraban, foron a mirar na mochila: chourizo, xamón sérrano, peituga… algunha que outra decepción de quen esperaba xamón e atopou chourizo, pero como case sempre compartimos, non hai problema.  Nun listado fomos anotando os nosos nomes e o friame que trouxeramos para ter claro como se escribían e poder consultalo en caso de necesidade. Mentres se torraban as baguettes, abrimos os paquetiños dos cruasáns, a mestra cortounos a metade e cada un incorporoulle o seu embutido.  Neste punto o pan estaba listo e mentres o comíamos, os croasáns pasaron ao grill. ¡Que rica está a comida “ao estilo francés”!

jueves, 22 de marzo de 2012

NIN UN BIQUIÑO Á FORZA

Estes días viñeron cargados de conmemoracións importantes: o día da muller traballadora, a semana da prensa, o día da poesía, a chegada da primavera... e con cada unha delas comezamos con novas actividades e propostas. Pero non por iso esquecemos o traballo que andabamos a desenvolver ao redor das supersticións de fin de ano. Un dos pequenos rituais relacionado con esa noite é o feito de bicar a un ser querido. Hoxe estivemos decidindo a quen queríamos bicar nese momento tan especial. Cada un elixiu a quen lle pareceu máis oportuno: Ángela a Enma, a irmanciña que acaba de nacer; Anxo ao seu papi; Andrea a súa mami; María a Paula, a súa irmá da Estrada; Paula á súa amiga María; Jose Antonio ao seu primo Manuel… como sempre fixemos un listado e, cada neno, escribiu a elección dos seus amigos, os de tres anos a dous ou tres e os máis maiores a máis. Pero o que si deixamos claro e que ninguén pode dar nin un biquiño á forza, como vimos no conto da imaxe escrito para a prevención da violencia de xénero.

miércoles, 21 de marzo de 2012

¡FELIZ DÍA DA POESÍA!

Aínda que segundo o calendario das letras, hoxe conmemórase oficialmente o día da poesía, na nosa aula este xénero literario entrou o pasado 24 de febreiro, cando celebramos o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, e vai quedarse entre nós ata fin de curso. Nas vindeiras semanas elaboraremos o que denominamos “Calendario escolar da poesía 2012- 2013” e traballaremos 12 poetas cos seus correspondentes libros e poemas. Emilio Pita, Gloria Sánchez,  Ana Mª Fernández, Xosé María Álvarez Blázquez… iran chegando con cada mes do almanaque para espertar en nós o gusto pola poesía.

martes, 20 de marzo de 2012

O COLLAGE

Hoxe descubrimos o nome doutro xornal francés nun “collage” de Picasso. Nesta ocasión tratábase de “Le Figaro”, a verdade é que foi moi doado de identificar no medio dos demais periódicos. Despois de ver tantas obras, chegou o momento de realizar os nosos propios collages.
Primeiro eliximos o nome do xornal que queríamos empregar na nosa creación e despois puxémonos a traballar con total liberdade.
Ás veces resulta complicado recortar un diario, as follas son demasiado grandes e finas, pero cada un fixo uso da técnica como considerou oportuno. Estas foron algunhas das nosas producións, nos próximos días seguiremos afondando no tema.

lunes, 19 de marzo de 2012

PICASSO E O XORNAL

Estes días que andamos a voltas coa prensa descubrimos que Picasso tamén empregaba o periódico nas súas obras. Desenvolveu unha nova técnica: o “collage”. Pegaba nos cadros todo tipo de materiais: anacos de xornais, etiquetas de botellas, teas… Vimos varias das súas creacións nas que estaba o nome dun xornal francés que coñecemos “Le Journal”, aínda que non aparecían todas as letras e custounos seleccionar en cada cadro cales eran. Agora queremos realizar nós tamén collages empregando a prensa atrasada que temos na aula… xa vos contaremos.

domingo, 18 de marzo de 2012

O BLOGUE DE NATUREZA DA NOSA ESCOLA

Para todos aqueles que queiran estar ao día de todo o que acontece na aula de natureza da biblioteca, na nosa horta escolar e no noso xardín dos sentidos, naceu o blogue de natureza. Apenas leva quince días funcionando pero xa podedes ver nel o libriño “Árbores máxicas” que preparou a mestra Ana cos cativos para o Salón do Libro, o traballo que están a realizar sobre as árbores autóctonas, como vai a colleita deste ano ou as novas do xardín. O seu enderezo é http://blogdenatureza.blogspot.com.es/ ou se o preferides tedes un acceso directo no lateral dereito do blogue do centro onde indica a frecha vermella da imaxe. A partir de agora se queredes saber todo o que os nenos fan coa mestra Ana, non deixedes de visitalo.

sábado, 17 de marzo de 2012

ANIVERSARIO DE MARTIÑO

Marzo avanza e chega o momento de celebrar o aniversario do mes. Mollar as galletas no leite, facer capas, estender o chocolate...
Xa somos uns espertos en isto de preparar tortas de chocolate e, aínda que sempre hai galletas que rompen antes de tempo, dedos que se meten na boca case sen darnos conta, leite que se cisca e chocolate que mancha… as tortas de chocolate sempre teñen éxito.
 Nesta ocasión Martiño quixo personalizar a súa creación e decorouna con amorodos. Engadimos cinco candeas, acendémolas e.. ¡a soprar!... ¡Felicidades Martiño!