miércoles, 29 de septiembre de 2021

O NOME DE NOEL

 Xa temos o lugar elixido por Noel para colocar o seu nome. Xusto ao lado dos contos que ten no salón e que escolle para contar á noite. Un lugar perfecto para identificar as letras no cartel e nalgúns dos seus contiños.

Tamén nos enviou unha foto coas castañas asadas que apañamos na escola. Di que estaban que estaban moi boas. Moitas grazas Noel por compartir connosco tan bonitos momentos.

martes, 28 de septiembre de 2021

VAI DE PANTASMAS…


Co gallo da festa do Samaín que celebraremos o vindeiro 28 de outubro, Zapatocas preparounos na biblioteca escolar un recuncho especial dedicado aos pantasmas cunha chea de contos divertidos. Tamén envioulle á mestra o seguinte vídeo cunha canción que nos encantou e coa que Zapatocas xogou a converterse en pantasma. Queredes enredar na casa tamén? Soamente necesitades unha saba ou un anaco de tea e … a cantar pantasmas!

lunes, 27 de septiembre de 2021

O OURIZO DE UVAS DE NOEL

 

Noel xa cociñou a saudable receita que propoñiamos elaborar esta fin de semana. Mirade nas fotos que nos enviou que chuliño lle quedou con uvas negras o ourizo. Grazas Noel por compartir as imaxes de todo o proceso connosco.




domingo, 26 de septiembre de 2021

O CASTIÑEIRO DA ESCOLA


Unha escola rural coma a nosa ofrece a posibilidade de gozar constantemente da natureza e os seus recursos. Coa chegada do outono, o castiñeiro do xardín desprende os seus froitos que cada día recollemos con coidadiño. O venres fixemos o reparto da colleita. Previamente realizamos cucuruchos de papel reciclando folios vellos que cada neno decorou e personificou co seu nome. E por último chegou o momento de contar e gardas as castañas. Xa nos contaredes se estaban ricas.

jueves, 23 de septiembre de 2021

O NOME DE NOA

 

Noa Lede xa nos enviou a foto co lugar escollido para colocar o seu nome. Ela optou pola súa habitación, xusto enriba do seu escritorio. Un lugar perfecto para practicar se hai algunha letra que lle fai rabiar .A ver quen máis se anima a mandarnos fotos coa súa elección.

Tamén nos enviou esta foto dun divertido boneco que fixo coa súa mamá. Mirade que chuliño lle quedou reciclando un tubo de papel hixiénico e empregando elementos da natureza. Un bonito modo de darlle a benvida ao outono. Grazas Noa por compartir connosco as túas imaxes. 

OURIZO DE UVAS

Antes da pandemia, cada semana adoitabamos cociñar cos rapaces na aula para mergullalos no mundo culinario á vez que practicamos a lectoescritura. Dende o ano pasado, como medida de prevención sanitaria, realizamos o obradoiro de cociña dun xeito diferente. Cada semana traballamos cos meniños ao redor dunha receita que levan para casa. A fin de semana podedes elaborala cos cativos e enviarnos as fotos ao correo da escola.


Como estamos en época de vendima, propoñemos comezar cociñando un ourizo de uvas. No seguinte vídeo que vimos na escola, tedes o proceso a seguir. A parte de pelar e cortar a pera deberá facela un adulto, pero os pequenos poden espichar as uvas e decorar o ourizo. Seguro que lles encanta.


miércoles, 22 de septiembre de 2021

martes, 21 de septiembre de 2021

COS NOMES PARA CASA

Hoxe, como cada principio de curso, os nenos levaron para casa un pequeno cartel co seu nome para colocar nun lugar visible. Cada ano o nome ten unha complexidade engadida para avanzar no coñecemento da lingua escrita, polo que debe de substituír ao anterior. Podedes colocalo na habitación, na porta do armario, na cociña, no baúl dos xoguetes … pero sempre ao alcance dos cativos. Se vos animades podedes enviarnos unha foto do sitio escollido por eles  escoladeleiro@gmail.com e publicaremos as imaxes no noso blog, seguro que aos cativos lle gusta velas.

lunes, 20 de septiembre de 2021

CON CONTIÑOS PARA CASA

 

Hoxe comezou a funcionar a biblioteca escolar recuperando o empréstito de libros que estivo suspendido dende o inicio da pandemia. Cos carnés que realizamos o venres pasado, cada meniño escolleu un libro a súa elección. Van protexidos nunha bolsiña co nome e número de lector. Dentro levan tamén unha nota coas normas de funcionamento. Esperamos que gocedes moito compartindo estas lecturas cos vosos fillos. Se vos apetece podedes enviarnos fotos deses momentos ao correo da escola e publicarémolas neste blog.


viernes, 17 de septiembre de 2021

COÑECENDO A ZAPATOCAS

Hoxe coñecemos a Zapatocas, a mascota da biblioteca escolar. Veuse presentar e a coñecer os nomes dos novos alumnos. Tamén trouxo os carnés de empréstito para que os personificaramos. Con eles o luns poderemos levar contos para casa cando visitemos a biblioteca escolar.


miércoles, 15 de septiembre de 2021

AS CASTAÑAS DA ESCOLA

 

Aínda o verán no chegou a seu fin pero no xardín da escola xa empezan a facer a súa aparición os froitos de outono. O patio de recreo xa está cheo de landras coas que facemos carreiras de coches e inventamos numerosos xogos. Hoxe descubrimos ao pé do castiñeiro unha chea de ourizos e algunhas castañas. Entre todos, con coidadiño para non picarnos, apañamos as que atopamos. Despois repartímolas e levámolas para casa. Xa nos contaredes se estaban ricas e, se vos animades, podedes mandarnos fotos coméndoas ao correo da escola escoladeleiro@gmail.com.



martes, 14 de septiembre de 2021

A HORA DA MERENDA

 

A modiño os pequenos van aumentando o tempo de permanencia na aula. Agora xa merendamos todos xuntos e, se todo segue funcionando igual de ben, o xoves daremos por rematado o período de adaptación.


lunes, 13 de septiembre de 2021

COMEZAMOS!!!

Este curso os alumnos novos son maioría e os primeiros días necesitan explorar o espazo e familiarizarse co novo entorno escolar. Paseniño van descubrindo recantos e material diverso que no transcurso do ano académico iran aprendendo a utilizar.





Mentres, as maiores da aula, van retomando as rutinas e coñecendo aos seus novos compañeiros de xogos. 


miércoles, 1 de septiembre de 2021

BENVIDOS AO CURSO 2021/22

 

Como sucedeu o curso pasado, o inicio das clases vai vir marcado polas recomendacións sanitarias. Dende a escola xa empezamos a traballar para actualizar os protocolos que acaban de publicarse e ter todo listo dende o primeiro día. Estámonos poñendo en contacto con todas as familias por teléfono ou correo electrónico para informarlles do que está a acontecer e aclarar dúbidas. Polo pronto lamentamos comunicarlles que a reunión fixada para o vindeiro 9 de setembro non poderá realizarse. Ese día comezarán as nenas de 5º de infantil (4 anos) en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os novos alumnos de 4º infantil (3 anos) virán seguindo o calendario da imaxe inferior: