jueves, 29 de septiembre de 2022

O NOME DE NOEL

 

Noel xa lle ten atopado o lugar ideal ao seu nome na casiña. El optou polo salón, o espazo que máis usa. Quedoulle perfecto no andel!  A ver se alguén máis se anima a enviarnos o sitio escollido.

O COCHE DE UVAS DE NOEL

 

Noel tamén realizou a nosa proposta culinaria con uvas. El prefire chamalos coches de carreiras. Mirade nas fotos que nos enviou que ben lle saíron. 

miércoles, 28 de septiembre de 2022

TESOUROS DE OUTONO

Coa chegada do outono o parque da nosa escola énchese de pequenos tesouros: castañas, ourizos, landras, follas de diferentes formas, tamaños e cores … Con eles cada día a hora do recreo convértese nun recurso cheo de posibilidades didácticas que aproveitamos de diversos xeitos.

A semana pasada a recollida e o reparto de castañas serviunos para traballar as cantidades e o reconto. Cada meniño levou cinco para casa. Se vos animades a cociñalas podedes enviarnos fotos ao correo e comentarnos se estaban ricas.

Ás veces, desprender as castañas dos ourizos sen picarse tamén é todo un esforzo de coordinación.


 As castañas gordas hainas que separar das planas que carecen de valor culinario, pero teñen un potencial impresionante para a creatividade artística. Mirade na imaxe que estegosauro máis espectacular fixeron Noa e Aarón empregando as castañas planas para as púas do lombo e as landras para as patas.

lunes, 26 de septiembre de 2022

¿SOY TUYO?

 

Hoxe na nosa visita semanal á biblioteca, Zapatocas tiñanos preparado este bonito conto. Con el comprobamos que non todos os dinosauros son iguais e decidimos comezar a investigar ao redor destes impresionantes seres. Preparados para acompañarnos?

OS COCHES DE UVAS DE ANTÍA

 

Antía tamén animouse a elaborar os coches de uvas que propuxemos a semana pasada. Mirade nas fotos que nos enviou que chuliños lle quedaron. Grazas Antía por compartir as imaxes connosco!

sábado, 24 de septiembre de 2022

O COCHE DE UVAS DE BRAIS

 

Aproveitando que é tempo de vendima e as uvas están no seu mellor momento, inauguramos as nosas propostas culinarias da fin de semana cunha divertida receita: un coche de uvas.

Brais, coa axuda da súa irmá Lía, xa se animou a elaborala. Mirade nas fotos que nos mandou que chuliño lle quedou.

Grazas familia por compartir as imaxes connosco!

O NOME PROPIO

Coma todos os anos, o nome propio é o primeiro texto ao redor do que comezamos a traballar na aula.  Para o alumnado de infantil é un texto sinxelo, curto e cheo de contido. En clase estamos vendo como se escribe o de cada neno, contando cantas letras teñen e outras actividades a través dun pequeno proxecto que desenvolveremos nas vindeiras semanas. 

Se vos apetece, na casa tamén podedes facer as mesmas propostas pero cos nomes da familia. E non esquezades colocar nun lugar visible o cartel que levaron os nenos para casa co seu nome escrito.Se vos animades podedes enviarnos unha foto do lugar escollido a escoladeleiro@gmail.com e publicaremos as imaxes. Seguro que aos cativos lles gusta velas.

jueves, 22 de septiembre de 2022

FELICIDADES MARIA!

 

Por fin chegou o día polo que María levaba semanas agardando. Hoxe cumpriu 5 anos e en canto chegou á escola quixo preparar a súa torta de aniversario. Parabéns!

martes, 20 de septiembre de 2022

A BIBLIOTECA ESCOLAR

 

Rematado o período de adaptación dos novos alumnos, esta semana comezamos co horario habitual de actividades. Onte foi o día de visita á biblioteca escolar. Alí recibiunos Zapatocas, a mascota, puidemos ver unha chea de libros e levar para casa o que máis nos gustou.




domingo, 18 de septiembre de 2022

BENVIDOS AO CURSO 2022/23

Tras o período estival chega a volta ao cole. É o momento do reencontro cos amigos do curso anterior e de coñecer aos novos compañeiros. O primeiro día arroupados polas familias pero, enseguida, coa autonomía que dá a confianza do ambiente seguro.

Nesta primeira semana os pequenos foron coñecendo espazos e actividades. Os maiores retomando a rutina escolar. Para a vindeira semana, rematado o período de adaptación, comezamos co horario de especialistas. Benvidos ao novo curso!