Mostrando entradas con la etiqueta Emocións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Emocións. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de enero de 2017

NA HORA DE LER… ENFADOS

Antes de Nadal, para saber recoñecer os sentimentos e expresar os nosos enfados sen facer mal, a nosa bolsa de lectura veu cargada de libros que tiñan esta emoción como protagonista. 
Agora xa limos todos e cambiámolos para mergullarnos no mundo das adiviñas. Pero antes de contarvos o que estamos facendo con elas,  queríamos compartir con todos a canción da imaxe que limos no conto “O segredo de Flora” , dende que a aprendemos axúdanos a controlarnos cando nos enfurruñamos.

miércoles, 10 de junio de 2015

COCIÑANDO SENTIMENTOS PARA A IGUALDADE

Este é o traballiño que presentamos para a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade".  Non conseguimos gañar,  pero nós pasámolo ben igual traballando ao redor das nosas emocións.
E falando de sentimentos, hoxe por fin os nenos levaron para casa o “Sentimentómetro”  que construímos o martes para expresar os nosos estados de ánimo. Trátase da nosa propia versión da ruleta que vimos no libro ¡Sentimentos!  alá polo mes de febreiro e que tantas ganas tíñamos de facer.

viernes, 20 de marzo de 2015

OS NOSOS SENTIMENTOS MEDRAN…


Cos libriños que enchen a nosa bolsiña da hora de ler e que cada semana permutamos por outros novos conforme os lemos, imos aprendendo o nome de novas emocións.  Estes días, da man de Bamba, un medroso cachorro de león,  descubrimos a  valentía. A través da súa historia e as preciosas ilustracións que a acompañan, soubemos que ser valente non significa non ter medo, senón afrontar as dificultades sen deixarse vencer por el. Despois da súa lectura pintamos un novo bote de dourado e engadímolo ao mural de sentimentos e aos nosos recipientes de emocións. 

Cada vez temos máis, aos cativos lles encanta ler as etiquetas dos botes e contalos como se de pequenos tesouros se tratara.
Pero foi o fanático felino protagonista do conto “El tigre y la toleranciaquen nos axudou a comprender a importancia de aceptar aos demais tal e como son. Nos vindeiros días continuaremos traballando ao redor deste sentimento.  A tolerancia e o respecto son valores que pretende fomentar a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade" no que imos participar. Xa vos contaremos.


martes, 10 de febrero de 2015

A VOLTAS COAS EMOCIÓNS…


Estamos descubrindo que hai varias palabras para expresar un mesmo sentimento. Así a rabia pódese chamar tamén ira e cólera. A calma, tranquilidade. A alegría, ledicia... Deste xeito o noso mural de sentimentos vaise enchendo con novos botes de emocións á vez que enriquecemos o noso vocabulario.

Pero o que temos máis ganas de facer é unha ruleta para marcar estados de ánimo coma a do libro ¡Sentimentos! que limos esta mañá. Trátase dun “sentimentómetro” no que sinalabamos se hoxe experimentabamos: valentía, medo, enfado, vergoña, tristeza, cariño, alegría ou rabia. Cando rematemos co Entroido a ver se facemos a nosa propia versión do “sentimentómetro”.
E non vos esquezades, mañá é o día do bigote: grande, pequeno, delgado, con barba, postizo, pintado, negro, marrón, de colores …

viernes, 30 de enero de 2015

FELIZ DÍA DA PAZ

O noso recuncho de sentimentos xa está repleto de pequenos recipientes das máis variadas formas e cores. Aos cativos lles encanta enredar con eles: abrilos, pechalos, cheiralos … Cada un co seu aroma particular do seu anterior uso: cacao, perfume, xabón, galletas …  Para eles son pequenos tesouros que paseniño imos enchendo de emocións. Xa estamos familiarizados coas que vimos no conto “El monstruo de colores” pero estamos descubrindo moitas máis no libro Emocionario”: ilusión, aburrimento, timidez, tenrura … 
Xa limos varios contos da nosa bolsiña de lectura pero os substituímos por outros de novidades. Onte, con “La nube gris” sentimos a preocupación coa protagonista cando non atopaba o seu can por ningures e, tras súa lectura, cada neno expresou os seus motivos para sentila. Hoxe, Día Escolar pola Paz, pensabamos dar por rematado a nosa actividade ao redor dos sentimentos pero nos está gustando tanto que imos seguir traballando ao redor deles o resto do trimestre.

jueves, 22 de enero de 2015

PREPARANDO O DÍA DA PAZ


O vindeiro día 30 de xaneiro celebrase o día escolar pola paz e a non violencia. Para conmemoralo, este ano na escola andamos a traballar ao redor das nosas emocións: tristeza, alegría, rabia, calma, medo, amor, noxo… Coa axuda dos libros da bolsiña de lectura imos descubrindo que as emocións que sentimos teñen nome e pódense compartir. Algunhas fanos sentir ben a nós e as persoas que nos rodean pero, outras, se non aprendemos a xestionalas adecuadamente, poden facernos dano.


Baseándonos no conto do vídeo anterior,“El monstruo de colores”, imos crear o noso bote de sentimentos para a paz. Pensamos enchelo das emocións positivas que axudan e facilitan a convivencia pero necesitamos que os cativos traian un bote de boca ancha para gardalas. Sírvenos calquera que non rompa se cae ao chan: o do cacao que lle botamos o leite, o das cremas, o da mascarilla do pelo …  se non teñen poden traer unha caixiña, latiña ou calquera outro recipiente que non sexa moi grande. Ao noso recuncho de sentimentos xa comezaron a chegar os primeiros: o bote dos sobres de azucre, unha caixiña dun cinto, outra das cápsulas do café … Paseniño iremos decorándoas e enchéndoas de emocións.

jueves, 15 de enero de 2015

NA HORA DE LER… ¡SENTIMENTOS!

A maioría dos cativos saben recoñecer cando están contentos, tristes ou enfurruñados, pero o abano de emocións que podemos sentir é inmenso. Poñer nomes aos nosos sentimentos e aprender a xestionalos non é tarefa doada. Co obxectivo de ir aprendendo a identificar as nosas emocións e baseándonos na guía da biblioteca escolar Emociónate no Nadal, a nosa bolsiña de libros para a hora de ler veu onte cargada de contos que poden axudarnos a conseguilo. A semana pasada rematamos de ler matemáticas e onte xa comezamos a “ler emocións”. Para os que desexen mergullase connosco no mundo dos sentimentos, a continuación deixamos un bonito vídeo sobre o libro “El monstruo de colores”.