Pouco
a pouco, os pequenos van descubrindo que as letras nos rodean e que están en
todas partes. Pero sobre todo, onde máis lles gustan velas é nos nomes dos seus
amigos. A través deles imos ir coñecendo como se chaman, cales son as súas
semellanzas e diferenzas, o xeito de realizar os trazos … Mentres, cos maiores,
tamén empregamos os nomes propios para que se familiaricen coa minúscula ligada
e collan soltura na realización das grafías. Fai unha semana empregámolos para contar
letras e descubrimos que o nome máis longo é o de … a ver quen se lembra e é o primeiro
en mandarnos un comentario coa resposta correcta.
martes, 30 de septiembre de 2014
lunes, 29 de septiembre de 2014
CABALOS SALVAXES
A semana pasada a prensa
volveu a estar presente na nosa aula graciñas à mamá de Carlos que nos trouxo o
Diario de Arousa, a
mestra Ana que contribuíu co Diario de Pontevedra e
a mamá de María que non se esqueceu de nós e enviounos varios exemplares de La Voz de Galicia e o Faro de Vigo. Na escola
gústanos saber o que acontece ao noso arredor e, se continuamos conseguindo
prensa actualizada, os mércores e os xoves ímolos dedicar a traballar ao redor
dela.
Nos xornais que ollamos en
clase, a noticia que más chamou a nosa atención foi a dos cabalos salvaxes que estiveron facendo estragos en Castroagudín.
Vímola en varios periódicos e incluso na
prensa dixital. Esta semana remataremos de traballar ao redor dela e saberemos
que fixeron cos cabalos capturados.
viernes, 26 de septiembre de 2014
IOGUR CON NOCES
Con
esta sinxeliña receita inauguramos hoxe o noso obradoiro anual de cociña. Os pequenos,
a pesar de ser o primeiro día que manipulaban alimentos, portáronse coma auténticos
chicos maiores.
jueves, 25 de septiembre de 2014
“BICOS DE TRES”
Fai
tempo que co contiño “Unha manchea de bicos” aprenderamos que os bicos poden ter sabor, e encántanos
dalos de caramelos, amorodos, nata e ata de chocolate con churros. Tamén coñecemos
os "bicos de vento", “Bicos de música” e incluso "a cor dos bicos". Pero o que non sabíamos era que existiran os bicos de tres. Onte
ensinounos a dalos Rita e agora … ¡como nos gustan!
miércoles, 24 de septiembre de 2014
CARTA DE FÉLIX DENDE A SELVA AMAZÓNICA
Xa
sabemos onde está a nosa lebre viaxeira: ¡en “A Selva Amazónica”!. O luns
recibimos a primeira carta de Félix deste curso e nela fálanos de animais
sorprendentes: preguiceiros,
golfiños rosados,
tucanos, anacondas …
Levamos varios días traballando ao redor da
súa misiva e pronto comezaremos a montar un recuncho con toda a información que
atopemos sobre este impresionante lugar. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas,
postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes,
receitas… relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo
traer para velo na aula e aprender
xuntos. Graciñas.
martes, 23 de septiembre de 2014
XOGUETES CON LADRAS
Como xa vos comentaramos, aos nenos encántalles xogar coas landras que caen do
carballo no noso patio de recreo. Fan comidiñas con elas, compáranas polo
tamaño e a cor, témolles pitados ollos e boca e convertelas en improvisados
monecos … Pero onte Lucía deixounos abraiados con pastor e as ovellas que
realizou coa axuda da súa mamá e que compartiu connosco. Probade na casa a
facer estes xoguetiños cos cativos e veredes como se divirten.
lunes, 22 de septiembre de 2014
COMEZAMOS…
Rematado
o período de adaptación dos novos alumnos, esta semana empezamos xa cos
obradoiros e o traballo coas mestras especialistas.
Hoxe tivemos clase de
inglés e informática, pasamos parte da xornada escolar na biblioteca, comezou a
funcionar a aula de natureza e, por suposto, inauguramos o empréstito de libros
e mochilas viaxeiras que tanto nos gustan. Todos os contiños marcharon para
casa ben protexidos nas bolsas de biblioteca, pero tedes que axudarnos a
conservalas coidándoas moito e cosendo as que se estraguen para que nos duren todo
o curso.
viernes, 19 de septiembre de 2014
RECREOS CHUVIOSOS
Aínda
non chegou o outono pero non para de chover. Levamos varios días sen poder saír
ao patio do recreo e xa está inundado con tanta auga. Pero non por iso deixamos
de xogar libremente despois da merendar. Hoxe probamos a facer carreiras cos
cabalos de goma espuma, casiñas cos túneles, equilibrios cos zancos,
lanzamentos coas pelotas de tea… aínda que preferimos xogar ao aire libre,
dentro da escola tamén o pasamos ben enredando cos amigos.
jueves, 18 de septiembre de 2014
O NOSO AMIGO FÉLIX
Félix
é a lebre de peluche de Sofía. Viaxa por diferentes lugares do mundo e manda
cartas a súa querida amiga para contarlle como son. Esta semana estivemos vendo
os seus contos
e lembrando as súas últimas andainas.
Mentres os pequenos van coñecendo a
historia de Félix e Sofía, os maiores imos lembrando como se escriben os nomes
dos personaxes destes bonitos contos: o papá e a mamá de Sofía; Julio, o seu
irmán maior; Nicolás, o mediano; e Lena a irmá máis pequena. Os que desexen coñecer como comezou a súa
última aventura poden clicar aquí
para ver as primeiras páxinas do conto.
miércoles, 17 de septiembre de 2014
LÚA
¡Como
nos gusta este contiño!... Especialmente cando o lemos cantando todos xuntos. Como
é moi curtiño, hoxe decidimos comezar a reescribir a nosa propia versión para facer cada un o seu e poder levalos para casa. Os maiores en ligada, os
medianos en maiúsculas e os pequenos con letras móbiles. A ver que tal nos sae,
xa vos contaremos. Mentres,
se queredes ver as primeiras páxinas e ler cantando cos vosos fillos, clicade aquí.
martes, 16 de septiembre de 2014
OS NOSOS NOMES
Hoxe
levamos para casa o noso nome escrito nun folio plastificado para colocalo nun
lugar visible. Con el pretendemos ofrecerlle aos nenos un modelo para avanzar
na aprendizaxe da linguaxe escrita xa que é un texto sinxelo, curto e pleno de
contido para eles. Cos maiores xa pasamos á letra minúscula ligada, en xeral
aínda lles costa traballo realizar os trazos correctamente pero se senten orgullosos
dos seus avances. Dende aquí animamos ás familias a axudarlles e a valorar os
seus esforzos.
lunes, 15 de septiembre de 2014
¡CANTAS LANDRAS!
E
follas, castañas, ourizos… cada día o noso patio de recreo aparece máis cheo
destes elementos propios da vindeira estación. No calendario da escola comprobamos
que faltan poucos días para que comece o outono e, coa súa chegada, son moitos
os froitos que están listos para a colleita. Hoxe vimos como o castiñeiro da
escola empeza a deixar caer os primeiros ourizos. Con coidadiño e a axuda das
botas da mestra Rosana, conseguimos apañar algunhas castañas. Levámolas para
clase, xunto as landras coas que nos gusta tanto xogar á hora do recreo e, nos vindeiros
días, montaremos o noso recuncho de froitos do outono. Nel iremos colocando
todos os que consigamos para observalos e aprender os seus nomes e características.
viernes, 12 de septiembre de 2014
APRENDENDO A USAR O MATERIAL
Ademais
de adaptarnos á estar na aula, temos que ir aprendendo as normas de emprego dos
útiles escolares. Onte xogamos coa plastilina tendo coidadiño de que non nos caira
ao chan e facendo unha boliña ao rematar. Hoxe foi a quenda dos rotuladores. Sacaramos
o mandilón no patio porque ía calor pero volvemos a poñelo para non mancharnos
con eles. Vimos como tiñamos que colocar a tapa para non perdela e a
importancia de axustala ben ao rematar de pintar para non estragalos. Os maiores
mentres, ademais de lembrar as normas aprendidas o curso pasado, vamos
descubrindo como ler e escribir os nomes dos nosos novos amigos.
jueves, 11 de septiembre de 2014
MERENDANDO TODOS XUNTOS
Pouco a pouco os
pequenos van ampliando a súa xornada escolar ata que a igualen coa dos maiores
a vindeira semana. Hoxe xa merendamos todos xuntos e, paseniño, van familiarizándose
coas rutinas da escola sen dificultade.
miércoles, 10 de septiembre de 2014
O NOSO PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA
Estivemos cos amigos, xogamos,
cantamos, debuxamos, escribimos, merendamos, enredamos coa area nova que botaron
no patio de recreo, brincamos no parque, montamos no tobogán, limos o conto “As
sete cabuxas e o lobo” … tivemos unha mañá do máis completa. Pero sobre todo, portámonos como auténticos
chicos maiores, incluso os máis pequerrechiños que viñan á escola por primeira
vez.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)