Mostrando entradas con la etiqueta Salón do Libro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Salón do Libro. Mostrar todas las entradas

domingo, 8 de abril de 2018

COMEZA O SALÓN DO LIBRO

O venres tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a inauguración da edición XIX do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que durará ata o 29 de abril.  Baixo o tema “Mulleres de conto” desenvolveranse multitude de actividades interesantes adaptadas ás idades dos nosos alumnos. Podedes consultar o programa neste enlace.

lunes, 29 de mayo de 2017

NA HORA DE LER…O MUNDO QUE QUEREMOS

Como todos sabedes, este ano as actividades do Salón do Libro de Pontevedra xiraron ao redor de “O mundo que queremos”. Dende a biblioteca escolar, para conmemorar o Día do Libro, editouse unha guía de lectura baixo este lema e hoxe levamola para casa. Na clase aproveitamos esta selección para reflexionar á hora de ler sobre os temas neles tratados. Esperamos que no fogar gocedes tanto coma nós coa súa lectura.

lunes, 13 de marzo de 2017

XVIII SALÓN DO LIBRO

Esta fin de semana inaugurouse o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra  baixo o lema “O mundo que queremos”.  O noso centro participa cunha pequena maqueta da nosa escola onde aparecen todos os alumnos. A través dunha sinxela mostra fotográfica recollida nun libriño que fai as veces de tellado, recollemos esas actividades coas que dende o colexio contribuímos a  construír ese mundo que queremos. Pódese visitar ata o 2 de abril e consultar o programa de actividades neste enlace.

jueves, 7 de abril de 2016

¡IMOS DE EXCURSIÓN!


Despois de tanto falar do Salón do Libro de Pontevedra, non podíamos deixar pasar a oportunidade de visitalo. Ao chegar, tras unha gran aperta da súa mascota ORBIL, xa estabamos preparados para a sesión de contacontos.. Logo unha monitora falounos das aventuras de Estravaganza e, seguindo as pistas do mapa, visitamos os diferentes lugares del Salón. Merendamos para repoñer forzas e puxemos rumbo ao Museo para rematar a xornada mergullarnos no mundo da arte.

sábado, 2 de abril de 2016

COMENZOU O SALÓN DO LIBRO

Onte foi a inauguración oficial do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no que participa o noso centro co traballiño “¡Canta bichería na nosa ría!”. Ata o día 23 podedes velo no Pazo da Cultura de Pontevedra e asistir as actividades que ao redor do evento se realizan. Como xa vos comentamos nunha entra anterior,  a nosa aula contribuíu coa proposta “Cociñando bichería”. Aínda que á hora de levar á practica as receitas atopadas nos libros de cociña da nosa biblioteca, fixemos a nosa propia versión. A ver que vos parece como nos quedou a nécora que elaboramos antes das vacacións.

jueves, 10 de marzo de 2016

SALÓN DO LIBRO 2016

Baixo o lema ¡Canta bichería!, do 1 ao 23 de abril se celebrará en Pontevedra o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Todo tipo de animais terán cabida nesta edición pero no noso centro os protagonistas serán os bichiños da nosa ría: moluscos, peixes, crustáceos, cefalópodos, aves … Cada clase vai realizar un traballiño ao redor deles que plasmará nun par de folliñas que irán a formar parte dun libriño co que participaremos neste evento.
Na nosa aula decidimos contribuír facendo unha das actividades que máis nos gusta: cociñar. Pero primeiro tíñamos que buscar receitas que se adaptaran aos nosos intereses.
 O mellor sitio para facelo é a biblioteca escolar. Fomos á zona documental e descubrimos que os libros que tratan de alimentos teñen a pegatina azul e o número 64. Despois de moito consultar, xa temos feita a selección de libros pero iso volo contaremos noutra entrada.

lunes, 23 de febrero de 2015

COMEZA O XVI SALÓN DO LIBRO

Baixo o título “Da ciencia á ficción”, do 27 de febreiro ao 28 de marzo, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Os libros son os protagonistas nesta cita anual pero tamén as exposicións, os obradoiros, os contacontos, as actuacións musicais e teatrais, os encontros con autores e homenaxes … Un mes cheo de eventos, moitos deles gratuítos e adaptados ás idades dos nosos alumnos. Se queredes consultar o programa de actividades podedes facer clic aquí e para descargalo neste enlace.

lunes, 16 de junio de 2014

CALENDARIO ESCOLAR SABOROSO 2014/15

Despois de case dous trimestres traballando ao redor del, a semana pasada por fin rematamos o noso calendario dedicado á gastronomía. Con cada mes recomendamos un libro de cociña para nenos e unha receita na que os cativos poderán facer de cociñeiros para a familia.

lunes, 31 de marzo de 2014

O REI LEÓN

Xa sabedes que comer lobos nos encanta, pero hoxe descubrimos que os leóns saben de medo. Degustamos ata as melenas e comprobamos que a leituga está boísima. Pablo decidiu que lle gustaría cociñar o conto “O Rei León” e preparou unha receita tan rica que non deixamos nin migalla. Graciñas a Pablo e a súa familia por compartir con nós tan rica merendola.
  

viernes, 28 de marzo de 2014

CARAPUCHIÑA VERMELLA

¡Como nos gusta comernos ao lobo!... aínda que as paredes da casiña da avoa estaban para chuparse os dedos. Carapuchiña Vermella ía tan bonitiña que daba pena pero… non puidemos resistirnos á tentación e merendámola enteiriña. As árbores do bosque pouco a pouco fomos saboreándoas e, ao final estabamos tan cheos, que non fomos capaces acabarnos o rico camiño… Un millón de bicos para Mencía e a súa familia por prepararnos un conto tan saboroso. Graciñas. 

martes, 25 de marzo de 2014

HOXE MERENDAMOS…

Un lobo, tres porquiños, unha casiña de palla, unha de madeira, outra de ladrillos… ¡que rico estaba todo!... non deixamos nadiña. Seguro que con tantas pistas xa sabedes que conto cociñou Rita coa súa mamá. Dende aquí queremos agradecer ás familias a súa implicación, paciencia e axuda en todas estas actividades. Un bico moi forte para todas.

lunes, 24 de marzo de 2014

UN CALENDARIO PARA COCIÑAR…

Este vai ser o título do calendario escolar 2014 – 2015 que estamos preparando dende vai un par de semanas. Con cada mes traballaremos ao redor dun libro de cociña para nenos e recomendaremos unha receita. Coma outros anos, mentres o elaboramos, intentaremos aprender a escribir a serie numérica ata o 31, memorizar os nomes dos meses, diferenciar os días laborables dos festivos…  pero sobre todo gozar co mundo da gastronomía con motivo do XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

martes, 18 de marzo de 2014

HOXE PARA MERENDAR…

¡Papá Oso e o Osiño Pequeniño!... que rica sorpresa nos tiña preparada María. Ela decidiu que lle gustaría cociñar o conto de “Os tres osiños” e saíulle tan ben a súa receita que a preparou para nós.
Hoxe á hora da merenda soamente tíñamos que decidir se preferíamos comer un anaco do oso grande ou do pequeno, con ou sen nata e, para decorar, Lacasitos.

jueves, 13 de marzo de 2014

CONTOS PARA COCIÑAR…

Esta é unha das propostas que puxemos en marcha na nosa escola esta semana con motivo do XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase de elixir un conto que nos gustaría cociñar, é dicir, para a partir del crear unha receita de cociña divertida e facela cos nosos fillos. Nun caderno viaxeiro que visitará os fogares de todos os cativos, as familias deberan axudarlle a seleccionar e “cociñar un conto”, para despois ilustralo como desexen. Para que vos fagades unha idea, nas imaxes tedes as propostas das mestras para cociñar O coelliño Branco e “Non é fácil pequeno esquío pero cada un pode realizalo como máis lle guste, soamente necesitades imaxinación, agarimo e sobre todo ganas de pasar un divertido rato en familia. Para os que necesiten inspiración neste enlace tedes algunhas ideas.
As mestras Janet e Marta tamén se animáron a cociñar contos con nós e estas son as súas propostas...

domingo, 9 de marzo de 2014

COMEZA O SALÓN DO LIBRO

A inauguración terá lugar o vindeiro venres día 14 pero dende este martes xa haberá algunhas actividades en diferentes puntos da cidade de Pontevedra. O programa cos horarios e unha breve descrición de cada evento, xa está colgado na web oficial do Salón do Libro pero podedes acceder directamente á información clicando aquí.

miércoles, 12 de febrero de 2014

COCIÑANDO CONTOS

Este é o lema da XV edición do Salón do Libro Infantil  e Xuvenil de Pontevedra que comezará o 14 de marzo. Vimos a noticia no xornal La Voz de Galicia do domingo e xa estamos comezando a argallar algo para traballar ao redor del. Aínda non teñen colgado o seu programa de actividades pero imaxinamos que pronto estará listo. Temos ganas de ver a Orbil, a súa mascota, e saber que obradoiros, contacontos, espectáculos ou concertos prepararán.

jueves, 21 de marzo de 2013

FELIZ DÍA DA POESÍA

Hoxe, día mundial da poesía, quixemos conmemorala comezando un poema que terá dezanove rimas, tantas coma nenos somos en clase. Imitando a Ana Mª Fernández e os seus versos “Polas rúas”, estamos a inventar outros empregando os nomes propios dos nenos e o transporte que elixen no caderno “máquinas para viaxar” que anda a visitar os fogares dos cativos. Comezamos co tren, buscamos na biblioteca os libros que temos relacionados co tema e aproveitamos para aprender cousas relacionadas con el. A primeira protagonista é Mencía, pero nas vindeiras semanas iremos engadindo nesta mesma entrada o resto das nosas creacións, esperamos que vos guste viaxar con nós polas rúas de…
 





martes, 12 de marzo de 2013

MÁQUINAS PARA VIAXAR

Este é o tema do caderno viaxeiro que xa comezou a visitar os fogares dos cativos da nosa aula. Como sabedes este ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está dedicado ás máquinas. Na nosa escola, tamén imos traballar ao redor deste tema con diferentes propostas. “Maquinas para viaxar” é unha delas. Cada neno, coa axuda da súa familia, escollerá unha máquina na que lle gustaría viaxar, cunha única condición: non se poden repetir as que xa estean escollidas. Posteriormente en clase traballaremos ao redor do medio de transporte elixido. Se o desexan, tamén poden traer información ao respecto para contar aos compañeiros o que descubriron. Por agora sabemos que...

 

lunes, 25 de febrero de 2013

A TODA MÁQUINA…


No Pazo da Cultura de Pontevedra, unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dará comezo o vindeiro sábado día 2 e permanecerá aberto ata o 23 de marzo. A entrada é gratuíta e a maioría das actividades que se realizarán tamén. O programa xa se pode consultar clicando aquí. O horario de apertura será: De luns a venres de 17.00 a 20.30h; sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30h. Este ano o tema central serán as máquinas: …“inventos humanos que reducen o esforzo necesario para realizar un traballo.”… “A máquina como o aparato que move o mundo, como artefacto que fai realidade todo o que imaxinemos.”… Benvidos ao mundo das máquinas.