Mostrando entradas con la etiqueta Kenia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Kenia. Mostrar todas las entradas

domingo, 21 de abril de 2013

PSICOMOTRICIDADE EN NOVA YORK

Despegamos rumbo a Nova York e pouco a pouco imos collendo a velocidade suficiente para cruzar o Atlántico. Ao chegar o primeiro que vemos e a Estatua da Liberdade, pero para xogar hai que ter claro que a man dereita é a que ten que estar arriba co facho e a esquerda pegada ao corpo coa táboa. Os que teñen ladrillos amarelos son os taxis e o resto os coches. Para cruzar a Ponte de Brooklyn hai que ir a modo se non queremos caer ao río Hudson… Xogamos, interiorizamos o noso esquema corporal, afianzamos a nosa lateralidade á vez que enriquecemos o noso vocabulario e familiarizámonos con algúns dos lugares emblemáticos desta cidade…
E para os que boten de menos Kenia, aquí lles deixamos un LIM co que lembrar algunhas das cousiñas que vimos o trimestre pasado.

jueves, 11 de abril de 2013

ULTIMOS DÍAS EN KENIA

Despois de todo un trimestre en Kenia, chegou o momento da despedida. Hoxe comezaron a marchar para casa os materiais aportados polos cativos e, entre mañá e a vindeira semana, remataremos cos que quedan. Nesta ocasión optamos por dicirlle adeus a este país africano cantando e bailando a canción que aprendemos co mestre Felipe:  “Jambo Bwana”, que ven a dicir algo así como: ¡benvidos a Kenia!.

miércoles, 6 de marzo de 2013

PSICOMOTRICIDADE EN KENIA

Altos coma xirafas, gateando veloces coma guepardos, a catro patas coma cebras, reptando coma crocodilos… É divertido explorar as posibilidades do noso propio corpo mentres imitamos aos animais que coñecemos de Kenia.

jueves, 28 de febrero de 2013

SALTOS MASAIS

Son os que nos gusta dar para sacar as areas dos zapatos cando volvemos do patio de recreo. Vímolos nun vídeo e, aínda que nunca conseguimos dar os grandes saltos verticais dos Masais, converteuse nunha divertida rutina para evitar que entre terra na escola. Hoxe descubrimos que a bandeira de Kenia ten no seu centro un escudo Masai con dúas lanzas cruzadas. Se na casa tamén queredes coñecer algunhas cousiñas deste pobo de Kenia, aquí vos deixamos este LIM do CEIP Frian-Teis
 

martes, 26 de febrero de 2013

¿GUEPARDO OU LEOPARDO?

Nas últimas semanas estivemos rematando  o pequeno proxecto que desenvolveramos para confeccionar o noso disfrace de guepardo. Ao principio confundiámolo con frecuencia co leopardo, pero as liñas escuras que marcan o rostro do guepardo dende o lacrimal do ollo ata a boca, unido a esta bonita lenda, axudounos a distinguilos definitivamente: “Contan que un cazador levouse as crías dunha femia de guepardo mentres esta cazaba. Cando a nai regresou e non atopou os seus cachorros, chorou desconsolada. Os sabios da tribo, ao decatarse do que ocorrera, buscaron ao cazador e botárono do poboado. Os pequenos guepardos regresaron coa súa nai, pero a pegada da tristeza vivida ese día quedou para sempre reflectida no seu rostro.”
 
 

viernes, 8 de febrero de 2013

ENTROIDO 2013

¡Que frío facía cando chegamos á escola!, pero todos xuntos, entre xogos e cancións, logo entramos en calor. Despois había que maquillarse, poñer os traxes, amañar os rabos, colocar as orellas… Con paciencia, os guepardos foron quedando listos para unirse ao resto do safari. Ás 11 da mañá o sol quentaba e invitaba a iniciar o pasacalles pola aldea. Leóns, cebras, Masais e guepardos, seguidos de fotógrafos, percorreron os arredores da escola. Á volta, unha merendola impresionante: orellas, filloas, rosquillas, boliñas de coco, rosas, biscoitos, tortas… Toda unha variedade de doces elaborados polas familias que fixeron as delicias de pequenos e maiores. Coa barriguiña chea,  xogamos co paracaídas e rematamos a xornada con baile no local social e a danza de Olélé que tanto nos gusta. Unha vez máis graciñas a todas as familias pola súa axuda e colaboración.
 
 

jueves, 7 de febrero de 2013

¡IMOS DE SAFARI!

Se queredes ver guepardos, leóns, cebras… e incluso auténticos Masais procedentes de Kenia, mañá ás 10:45 sairemos da nosa escola para iniciar o noso peculiar safari. O percorrido será similar ao do curso pasado e, como o noso amigo Félix, podedes vir equipados de cámaras de fotos, vídeos ou prismáticos para non perder detalle.
 
E para os que desexen facer unha pequena viaxe a Kenia dende o ordenador, aquí lle deixamos o vídeo que vimos está mañá na biblioteca.

martes, 5 de febrero de 2013

OLÉLÉ

Aínda que, como vedes na foto, cústanos seguir todos o mesmo ritmo, coa axuda do mestre Felipe estamos aprendendo unha danza para acompañar esta preciosa canción africana. Ven incluída no libro Canciones y nanas infantiles del Baobab da editorial Kókinos. A canción conta como os pescadores teñen que remar duro e pedir axuda ao seu Deus para non volver coas mans baleiras. Para que na casa tamén podades aprendela e bailala cos vosos fillos, aquí vos deixamos o vídeo coa música e a letra.
 
Neste enlace, limos que unha ONG francesa elixiu o nome de Moliba Makasi porque esa canción significa que, aínda que os tempos sexan difíciles, remando xuntos superaremos as dificultades, ¡a ver se o conseguimos!.
Mañá o Meco manda engadirlle a algo na cabeza e a unha flor na roupa, as uñas pintadas… ¿qué cor elixides?...

lunes, 4 de febrero de 2013

UNHA FLOR NA ROUPA…

Non vos esquezades, mañá o Meco manda engadir a algo na cabeza, unha flor na roupa. Pode ser natural, de papel, de tea… non importa o tamaño nin a forma nin a cor, a finalidade é pasalo ben. Mentres, no aula, seguimos co noso traballo ao redor do guepardo para confeccionar o noso disfrace. Hoxe comezamos a facer as orellas. Lembrade que necesitamos unha diadema para realizalas, sérvenos calquera que teñades na casa con tal de que sexa ríxida, pero tedes que traela antes do xoves para que nos dea tempo de rematalas antes da festa.

jueves, 31 de enero de 2013

CHEGA O ENTROIDO…

O venres da vindeira semana celebraremos a nosa festa de carnaval. Co motivo da viaxe de Félix a Kenia, este ano o tema central dos disfraces será “o safari”. Nas dúas últimas semanas estivemos coñecendo algúns dos animais cos que a nosa mascota se atopa e decidimos ir disfrazados de guepardos, o animal terrestre máis rápido do mundo. Pouco a pouco estamos vendo libros, películas e imaxes que nos axuden a coñecer mellor este felino para confeccionar o noso disfrace. Se na casa tedes contos, enciclopedias, fotos, catálogos, xoguetes ou calquera outro material relacionado con este felino, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

jueves, 17 de enero de 2013

FÉLIX ESTÁ EN KENIA

O luns limos a nova carta que Félix envioulle a súa amiga Sofía. Nela cóntalle que a súa viaxe polo río Nilo levouno ata Kenia. Para saber onde está situado este país africano, consultamos o mapa grade que temos en clase.
Seguimos o curso do río ata o lago Victoria e, alí, pegadiño, atopámolo.
Cando chegou, Félix, para coñecer aos animais deste país africano, foi de safari, pero un pequeno incidente cun rinoceronte levouno a vivir unha emocionante aventura.