Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Mostrar todas las entradas

jueves, 14 de marzo de 2013

¡CANTAS AVELAÍÑAS!

Ás veces vense voar pola aula, ou pousadas nalgún sitio, pero sobre todo están na bolsa onde gardamos as espigas do millo que trouxemos no outono. A nós gústannos porque nos lembran o poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez, non pican, nin nos fan mal. Pero agora descubrimos que, xunto co gurgullo, son grandes inimigas do gran. Furaron case todos os que tiñamos, estragando algunhas espigas por completo. No seguinte trimestre investigaremos sobre estas pragas e as súas consecuencias. Hoxe servíronnos de escusa para contar e sumar. Algúns xa estaban familiarizados con esta operación matemática pero para outros foi unha divertida novidade.

domingo, 27 de enero de 2013

O AÑO PITAÑO

Este foi o poema que traballamos esta semana para seguir coñecendo a obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez. Gústanos e fainos rir cando o escoitamos recitado por nenos pequenos na seguinte presentación http://www.youtube.com/watch?v=QxXcd_qscJw. Pero o que realmente preferimos é ir a informática e facer os xogos LIM da escola de Barciela do CRA de Vilaboa. Se na casa tamén queredes probar, picade na seguinte imaxe.

domingo, 20 de enero de 2013

MACEDONIA

Despois de andar toda a semana a voltas co laranxal de Xosé Mª Álvarez Blázquez, non podíamos deixar pasar a oportunidade de facer zume de laranxa e preparar unha rica macedonia. Somos moitos en clase e soamente temos un espremedor. Pero mentres que mondabamos o plátano e cortabamos a froita en anacos,  por pequenos grupos íamos espremendo as laranxas. Hai que calcar con forza para que o utensilio funcione, pero se empregamos as dúas mans é doado. Unha vez feito o zume e partida a froita, soamente quedaba mesturar todo e… ¡a merendar!.
 

viernes, 18 de enero de 2013

POLO LARANXAL…

Así comeza o poema de Xosé María Álvarez Blázquez que estivemos traballando esta semana. ¡Canto traballiño lle deu aos maiores conseguir facer o “H” en ligada!... Comprender que os números 1, 2 e 3 pódense escribir empregando letras, tampouco foi doado. Pero pasárono en grande dramatizando os versos.Todos querían ser avelaíñas e xogar a agocharse detrás das laranxeiras. Contar as avelaíñas era máis fácil. Sobre todo se o facemos cun xogo no ordenador. Para todos aqueles que tamén queiran aprender o poema mentres xogan, no seguinte enlace http://seminariogalan.org/inicio/ver/59 teñen varias actividades que realizou o Seminario Galán co gallo de ser Xosé Mª Álvarez Blázquez o autor homenaxeado o día das letras galegas do ano 2008.



miércoles, 9 de enero de 2013

EN XANEIRO, XOSÉ Mª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Co novo ano cambiamos de mes e de poeta. Cando fixemos o noso calendario escolar da poesía, traballamos o seu poema “o arco da vella” que tanto nos gusta recitar os días de choiva para intentar “facer fuxir” ao mal tempo. Esta semana comezamos coas cantigas de berce que escribiu para a súa filla pequena María Luísa, á que familiarmente se refería como "Colorín" por ser "coloradota como unha mazá". En clase, aínda que xa somos maiores, gústanos moito que nos canten nanas e aprendelas para arrolar as nosas bonecas. Probade a facelo na casa cos meniños no colo, veredes o ben que o pasades. Se vos apetece, aproveitar unha desas ocasións para quitar unha foto para lembrar eses momentos inesquecibles… cando medren vos encantará telas, e se queredes compartila con nós xa sabedes escoladeleiro@gmail.com.