Mostrando entradas con la etiqueta Xogando coas matemáticas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xogando coas matemáticas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 27 de septiembre de 2023

PUZZLES

Para desenvolver o pensamento matemático, mellorar e centrar a atención, aumentar a capacidade de concentración, adquirir habilidades motoras, enriquecer o vocabulario espacial e, sobre todo, para que se divirtan mentres os meniños aprenden xogando, na aula utilizamos quebracabezas adaptados ás diferentes idades.



jueves, 19 de enero de 2023

XOGANDO CO DADO

 

Hoxe empregamos o dado para traballar a serie numérica, o conteo e as grafías. Tiñamos que lanzar o dado, anotar o nome do xogador e o resultado obtido.


 Despois, comparamos as cantidades acadadas por todos os xogadores e escribimos o nome de quen obtivo a puntuación máis alta. 

 Podedes probar a xogar tamén na casa.

lunes, 14 de noviembre de 2022

CONTANDO DINOSAUROS


O conto “Diez dinosaurios terribles” que limos na biblioteca escolar serviunos de detonante para traballar a numeración ata o 10 durante varias semanas. Preparados para contar?


martes, 7 de diciembre de 2021

AS PROBAS DE DANIELA PIRATA

 

Para conseguir formar parte da tripulación do barco pirata, Daniela tivo que superar sete probas. A primeira, saber pescar. Capturou luras, bacallaus, lagostinos e unha mantaraia. Nós tamén pescamos pero números! A ver quen saca o máis alto…


miércoles, 1 de diciembre de 2021

SEMENTES DE CABAZA

Xa secaron as pebidas que reservaramos cando baleiramos os calacús para a festa do Samaín. Onte cada meniño levou dez para casa. Pero antes tiveron que contalas intentando non confundirse. Tamén preparamos sobres reciclados para gardalas e etiquetalas. Cando chegue a primavera podedes sementalas.

viernes, 22 de enero de 2021

CANTOS PETOS!

A lectura do conto Os petos de Loreto, serviunos de detonante para comezar a enredar cos petos que temos nas nosas prendas de vestir. Descubrimos que hainos grandes, pequenos, con cremalleiras, con broches, con solapas, de mentira … pero sobre todo, xogamos a contalos. Buscade na roupa que levades posta a ver cantos atopades.


domingo, 20 de septiembre de 2020

A CEBRA CAMILA



Esta semana limos e comezamos a traballar ao redor do conto A cebra Camilia. Ademais de gozar coa súa lectura, as bágoas da protagonista servíronnos de detonante para traballar a serie numérica, as grafías dos números e as cantidades.

Para que na casa tamén poidades coñecer este fermoso relato, a continuación vos deixamos a versión realizada polo CEIP Coiron Dena.

jueves, 4 de junio de 2020

O TEMPO NO CONFINAMENTO


Queredes saber cantos días de sol tivemos durante a corentena? Choveu máis en maio ou en abril? Houbo máis días nubrados que solleiros? Grazas ao rexistro meteorolóxico de Lía, podemos resolver todas estas dúbidas á vez que practicamos as sumas. Animádevos a realizar vos tamén as vosas propias anotacións nos calendarios! E se queredes practicar sumas neste enlace e aquí  tedes varias opcións.

lunes, 25 de mayo de 2020

O RETO DAS PITAS


Lía, Marta, Ero e Rosana xa superaron o reto das pitas. Seguro que moitos de vós tamén. Por se alguén ten dúbidas e non contou algunha galiña que andaba algo agochada, mirade nas fotos dos vosos compañeiros a solución.


E xa que andamos a voltas coas pitas, deixamos sen contar as que aparecen nas foto que nos enviou Marcos. Coidado que hai dúas aves intrusas que non son galiñas! Esperamos os vosos correos coa resposta.

martes, 25 de octubre de 2016

XOGOS DE MESA

A través dos xogos de mesa son moitas as habilidades matemáticas que adquiren os meniños dun xeito lúdico e divertido. O mércores pasado iniciamos a nosa sesión semanal dedicada a estes enredos xogando á Oca e lembrando cos maiores “O cinquillo”. Trátase dun xogo de cartas no que os naipes repártense entre todos os xogadores, comezando polo cinco imos colocando as cartas en sentido ascendente e descendente e gaña o primeiro que se desencarte. Probade a xogar na casa, ademais de pasar un agradable rato, os pequenos acabaran dominando a serie numérica ata o 12.

martes, 11 de octubre de 2016

A VOLTAS COAS ABELÁS

Como podedes comprobar as protagonistas da semana pasada foron as abelás. Ademais de ver a árbore que a produce, cociñalas e xogar con elas, empregámolas para contar e sumar.

lunes, 4 de abril de 2016

GAÑADORES DAS PARTIDAS EN FAMILIA

A semana pasada, antes de retomar os nosos xogos de cartas dos mércores, había que ver e anotar os nomes dos gañadores das partidas de naipes en familiaNon foi tarefa doada, os cativos tiñan que localizar a ficha do amigo co que querían empezar, ler e escribir o nome do gañador e copiar e dicir o resultado acadado.
Cando a lista aumentaba e reliamos o traballo realizado aparecían novas dificultades ... ¿de quen era o papi que sacou 5 puntos?, ¿e a mami que logrou 10?... así descubriron a necesidade de matizar e incluír o nome propio de xogador. Os pequenos tamén quedaban abraiados: “¡Gemma ten dúas emes seguidas!”, ¿Como se chama este número?... Ademais de conceptos matemáticos ¡canto aprendemos cos xogos en familia!

viernes, 4 de marzo de 2016

SUMANDO COAS CARTAS


Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, estamos traballando as matemáticas empregando as cartas como recurso. Durante varias semanas, os mércores xogamos a ver quen sacaba o valor máis alto.

Agora complicamos un chisquiño o asunto e usamos o azar para sumar os números obtidos en dous naipes extraídos da baralla. Á vez que os cativos se familiarizan coa adición e os seus símbolos, practican valores tan importantes como saber gañar e perder. 

domingo, 17 de enero de 2016

OS MÉRCORES, XOGOS DE CARTAS


O poema de Federico García Lorca “Los reyes de la baraja” que aprendemos o trimestre pasado, ademais de servimos para xogar ao pilla, empregámolo como detonante para comezar a traballar as matemáticas a partir das cartas.

O primeiro, recoñecer os protagonistas do poema: os reis da baralla e os seus paus. E con este obxectivo xogamos a ver quen sacaba cada unha das figuras á vez que repasabamos a escritura dos nomes propios. Este trimestre os mércores xogaremos ás cartas, xa vos contaremos.

viernes, 8 de enero de 2016

COMEZAMOS O SEGUNDO TRIMESTRE


Onte, no noso primeiro día de escola despois das vacacións de Nadal, foron moitas as actividades que tíñamos pendente. O primeiro tachar no calendario todos os días que estivemos sen vir á escola e comprobar que o ano 2015 chegou ao seu fin. Despois substituílo por un almanaque do 2016 e seguir marcando ata sinalar a data actualizada. E por último, comezar a anotar os acontecementos principais do novo ano, empezando polo máis importante, os aniversarios de cada neno. Na casa tamén podedes aproveitar as avantaxes dos novos calendarios realizando as propostas desta entrada do curso pasado.  

Pero sen lugar a dúbidas a mañá veu marcada polos agasallos do Apalpador.  Este ano sorprendeunos cunha pequena cidade de madeira e unha gran casiña de bonecas con mobles para as diferentes habitacións. Dende agora temos un recuncho novo na aula: o da casiña de bonecas.

martes, 24 de noviembre de 2015

CONTANDO SEMENTES DE CALACÚ


Cando para o Samaín baleiramos a cabaza que nos trouxo a mamá de María, separamos as sementes da polpa e puxémolas a secar. A semana pasada xa estaban listas para gardar. Estivemos repartíndoas e empaquetándoas para plantalas cando chegue a primavera e intentar ter colleita dabondo. 
Primeiro fixemos sobres reciclando folios que xa non serven. Despois puxemos o noso nome e anotamos o seu contido. Por último chegou o máis difícil para os máis pequenos, contar sen confundirse e introducir no sobre o número de sementes acordado … ¿Quen se lembra cantas había que meter?... A ver quen nos envía un comentario coa resposta.

jueves, 15 de octubre de 2015

A NOSA AXENDA AVANZA


Xa chegamos á letra “E”, paseniño os maiores e os medianos van avanzando no abecedario da axenda telefónica.  Mentres, as pequenas  tamén traballan ao redor dos números de teléfonos dos seus amigos. Xa saben recoñecer os díxitos que son iguais e pintalos da mesma cor, recortalos con coidadiño e pegalos seguindo a orde establecida. ¡Como lles gusta facer cousas de “maiores”!