martes, 31 de enero de 2012

LISTAS PARA COMER…

Os brócolis que plantamos no primeiro trimestre non medraron como esperabamos polo que non poderemos apañalos. Pero as leitugas folla de carballo do noso invernadoiro están espléndidas e listas para a colleita. Non hai para todos polo que tivemos que sortealas. Desta volta tocoulle a María, cando a produción aumente serán outros cativos os que rotativamente vaian levando os produtos da nosa horta para casa. Xa nos contaredes que tal saben…

lunes, 30 de enero de 2012

MELLOR XOGAR QUE PELEXAR

Este ano, para festexar o día da Non Violencia, propuxemos crear o noso propio xogo da paz a partir do tradicional Puño puñete”, no que os xogadores van poñendo as mans unhas sobre outras de xeito alternativo formando unha columna. Cada un de nós, eliximos a cor que queremos dar ás nosas mans: vermello, azul, granate, verde, laranxa, lila, dourado, rosa... todas serven e todos xogan, cunha única condición: non se poden repetir cor, canta máis variedade mellor, as diferenzas enriquecen. Facemos o listado das pinturas escollidas e dos participantes. Escribimos o recitado para non esquecernos e poderllo ensinar á familia. Cada un elabora a súa man co seu nome e a súa cor. Cun fio imos engadindo as mans dos nosos amigos co seu nome e cor correspondente, cantos máis mellor, máis divertido. ¿Xogades?... ¿Cal é a vosa cor?...

domingo, 29 de enero de 2012

UN ANAQUIÑO DE PARÍS PARA VÓS…

Esta semana continuamos navegando polo río Sena e descubrimos que nunha das illas atopase a Catedral de Notre Dame. Polo de  agora limitámonos a intentar memorizar o seu nome e debuxala, aínda que non é doado. Nos vindeiros días seguiremos coñecendo acontecementos que tiveron lugar en tan destacada construción. Mentres, queremos compartir con todos este precioso vídeo, titulado algo así como “Un anaquiño de París para vós”. Clicade na imaxe e accederedes á páxina onde está colgado. Espero que vos guste.

viernes, 27 de enero de 2012

ANIVERSARIO DE ÁNGELA E ANTÍA

Galletas, leite, chocolate e xa temos outra rica torta de chocolate                                               lista para a ocasión. 

Cantamos, apagamos as velas, primeiro catro para Antía e logo unha máis para Ángela. Preparamos os pratos, as culleres e... ¡A merendar!.

jueves, 26 de enero de 2012

O GUERNICA E O ROBOT

Hoxe continuamos  traballando a noticia que onte limos en “La Voz de Galicia”. Vimos un pequeno vídeo na edición dixital e o comentario xeral dos cativos foi: “Ese robot non ten ollos”… porque o que viron non coincidía coa imaxe mental que eles tiñan de robot. Esperaban algo parecido a un boneco mecánico e atoparonse unha especie de cámara fotográfica con ordenador... Podedes ver o video no seguinte enlace
http://www.elcolombiano.com/video.asp?video=Arte_Guernica
E para aqueles que desexen mergullarse no cadro...

miércoles, 25 de enero de 2012

O GUERNICA

Dende que descubrimos a sección de cultura no xornal, ollámola con frecuencia para intentar  comprender o seu significado. Hoxe limos nela unha noticia relacionada con outro cadro de Picasso, o Guernica. Como non o coñecíamos, a profe ensinounos unha lámina del. Pareceunos que todos estaban enfadados. Para intentar entendelo, vimos os dous libros que aparecen nas imaxes.  A mestra contounos o que pasou nunha terrible guerra cando a súa mamá era pequena e como Picasso expresa no seu cadro todo este horror. O luns conmemórase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia e seguro que estes libros axudarannos a reflexionar sobre o tema.

martes, 24 de enero de 2012

COÑECENDO PARÍS

Pouco a pouco empezamos a familiarizarnos con París. Xa sabemos que o río que a cruza chámase Sena e que ten illas. Ao principio moitos non tiñamos claro que significaba iso de “illa”.


Algún dicía que era onde se gardaban os tesouros, pero agora xa temos claro que é unha zona de terra rodeada de auga. Pronto vos contaremos que hai nunha desas illas…

sábado, 21 de enero de 2012

PALMEIRA DE FROITAS

Cunha mandarina, un plátano e un kiwi, mirade que palmeira de froitas deseñamos o venres no obradoiro de cociña. A idea atopámola no seguinte enlace ttps://picasaweb.google.com/jesinoa/TALLERDECOCINA, aínda que as explicacións están en francés, as imaxes son o suficientemente claras para entender o proceso. Un xeito divertido de presentar froitas e verduras para animar aos máis pequenos a comelas.
Despois, na hora de ler, vimos nas ilustracións de “Un cabaliño de mar soíño”, mondas de plátano convertidas en polbos e golfiños…e intentamos imitalas coas nosas sobras. Así que xa sabedes, se queredes seguir xogando e creando coas froitas, recomendámosvos estes sorprendentes libros.

viernes, 20 de enero de 2012

CHOCOLATE, MOLINILLO

¡Chocolate!, ¡molinillo!
¡corre, corre!,
¡que te pillo!
¡A estirar, a estirar!
que la coja va a pasar…


Hoxe, por fin nin choveu nin fixo frío, e puidemos retomar os nosos xogos de roda dos venres ao pé do carballo.
Aos pequenos, aínda nos costa moito saltar a “pata coxa”, non temos claro se a perna que levantamos do chan ten que ir para diante ou para atrás, dobrada ou estirada… e se por riba hai que saltar á vez, todo se complica…perdemos o equilibrio e caemos, ou non avanzamos… pero non nos importa, rimos, cantamos…e o que máis nos interesa: pasámolo ben cos amigos á vez que imos aprendendo a controlar o noso propio corpo.

jueves, 19 de enero de 2012

PICASSO E A SÚA FAMILIA

Hoxe coñecemos á familia de Picasso: a súa nai, o seu pai e a súa irmá. Os seus nomes foron moi doados de memorizar porque na nosa aula temos un neno que chámase, Jose, como o papá, e unha nena, María, como a mamá.  O máis complicado foi cando empezamos a querer escribir os das nosas nais para comparalos, para moitos, a súa nai chámase “mamá” e punto. Para  axudarlle a comprender que cada mamá ten un nome, mañá temos que traer escrito nun folio o seu nome e apelidos… ¡non vos esquezades!...

miércoles, 18 de enero de 2012

DESCUBRINDO A PICASSO

Dende que limos a noticia do roubo do cadro no xornal, sentimos curiosidade e comezamos a buscar de información sobre este artista. Xa descubrimos algunhas cousiñas.  Para empezar, Picasso non é o seu nome, senón o seu segundo apelido. El chamábase PABLO RUIZ PICASSO. Lémolo no libro “Descubiendo el mundo mágico de Picasso” que tedes na imaxe.  Tamén vimos a súa data de nacemento e comparámola coas nosas. Naceu en Málaga, o día 25, igual que Laura, e no mes de outubro, coma Jose Antonio, Andrea e Pablo…¡Cantas coincidencias!. Para non esquecer o que vaiamos aprendendo, decidimos facer un libriño e comezamos a numerar as páxinas. Xa vos contaremos cando saibamos máis cousiñas.

martes, 17 de enero de 2012

HORA DE LER

Á volta do recreo toca á “hora de ler”. Para este momento temos unha bolsiña especial, con libros que cambiamos semanalmente na biblioteca. Cada día, o encargado de clase elixe cal prefire para ese tempo dedicado á lectura. É un momento case máxico, por moi alterados que entremos do patio, sempre acabamos caladiños e atentos, ninguén quere perderse o desenlace do conto. Na imaxe de fai unhas semanas, a profe Ana estanos a contar un que a ela encántalle e a nós tamén dende que nolo leu: “Chibos chibóns”. Se queredes coñecer a versión en castelán, aquí tedes o seguinte video

domingo, 15 de enero de 2012

LOCALIZAMOS PARÍS NO MAPA

Xa sabemos que Félix está en París. Esta semana situamos esta cidade no mapa. Tamén descubrimos que está en Francia e que alí non falan galego, nin castelán, nin inglés, falan francés. Agora queremos aprender algunhas palabras nesta lingua, cada neno vai elixir unha e, a partir de mañá, e coa axuda das familias, imos empezar a confeccionar o “Dicionario galego-francés dos nenos de Leiro".

viernes, 13 de enero de 2012

ZUME DE LARANXA

É tempo de laranxas e, agora que xa sabemos empregar o espremedor, facemos zume nun momentiño. A mestra soamente ten que cortarnos as laranxas e, mentres uns prepararamos os vasos, o resto xa ten lista a primeira rolda deste doce líquido. Pero antes, temos que escribir a receita para evitar esquecer o que necesitamos. Esta fin de semana probade a engadir ao almorzo un zume realizado polos cativos, veredes que ben o pasades á vez que introducides unha alimentación saudable.

jueves, 12 de enero de 2012

ROBARON TRES CADROS

Lémolo o martes, en “La Voz de Galicia”, na páxina 38, nunha sección do xornal chamada cultura. Por agora coñecíamos a de “el tiempo”, a de “deportes” incluso a de “esquelas”, pero ningún escoitaramos nunca esa. Aínda non entendemos ben o que significa pero agora cada día imos vela para, pouco a pouco, ir asimilando o seu significado.
Un dos cadros roubados é “Cabeza de muller”, aínda que Anxo di que parece “cabeza rota”, foi realizado por un pintor chamado Picasso. Como tampouco sabemos quen é este pintor, vamos a investigar na biblioteca a ver que atopamos.

miércoles, 11 de enero de 2012

CARTA DE FÉLIX DENDE PARÍS

Sofía, a protagonista do conto “Cartas de Félix” que estamos lendo na aula, recibiu outra misiva do seu peluche. Como podedes ver na imaxe, marchou para París. Antes das vacacións estivemos traballando sobre esta carta e incluso intentamos aprender a xogar á petanca. Agora imos a investigar e coñecer cousiñas desta cidade e do país onde está situada, xa vos contaremos.

martes, 10 de enero de 2012

¿POR QUE ESTRAGAN A NOSA ESCOLA?

Á volta das vacacións, ademais dos agasallos do Apalpador, atopamos outras sorpresas, pero neste caso desafortunadas. O recinto escolar estaba cheo de papeis, lixo e outros obxectos que nunca se deberían deixar ciscados polo chan, e menos aínda, ao alcance dos pequenos pola fonte de infección que supoñen. O noso invernadoiro, que tanto esforzo supuxo, estaba resgado de punta a punta. O noso patio, que fai pouquiño nivelaron, sacáronlle a area, ciscárona fóra e deixaron os bordes de cemento á vista. É unha mágoa que non entendamos que a escola é de todos e para todos, se non a coidamos, os grandes prexudicados son os nenos. Eles, con seus caldeiriños e pás, encargáronse de tapar os buratos e, os mestres, arranxamos como puidemos o resto. Pero todos nos preguntamos ¿por que fan isto á nosa escola?...

lunes, 9 de enero de 2012

ACABÁRONSE AS VACACIÓNS…

Antes de marchar deixamos escritas as cartas ao Apalpador coas nosas peticións para a aula: un balancín, coches, unha casiña de bonecas, un baúl… Xa sabíamos que non nos podía traer moitas cousas, pero cada un pediu o que máis lle gustaba para compartir cos demais. Para evitar perdidas, o día da festa de Nadal,  entregámoslle as nosas misivas en propia man. Despois de tantos días de vacacións, hoxe por fin descubrimos o que nos deixou: un balancín.
Pero o que máis nos gustou foi xogar cos globos que o acompañaban... ¡É tan divertido intentar darlle antes de que caian o chan!... aínda que sempre hai quen se enfurruña cando non o consigue...