Mostrando entradas con la etiqueta Guepardo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Guepardo. Mostrar todas las entradas

martes, 26 de febrero de 2013

¿GUEPARDO OU LEOPARDO?

Nas últimas semanas estivemos rematando  o pequeno proxecto que desenvolveramos para confeccionar o noso disfrace de guepardo. Ao principio confundiámolo con frecuencia co leopardo, pero as liñas escuras que marcan o rostro do guepardo dende o lacrimal do ollo ata a boca, unido a esta bonita lenda, axudounos a distinguilos definitivamente: “Contan que un cazador levouse as crías dunha femia de guepardo mentres esta cazaba. Cando a nai regresou e non atopou os seus cachorros, chorou desconsolada. Os sabios da tribo, ao decatarse do que ocorrera, buscaron ao cazador e botárono do poboado. Os pequenos guepardos regresaron coa súa nai, pero a pegada da tristeza vivida ese día quedou para sempre reflectida no seu rostro.”
 
 

viernes, 8 de febrero de 2013

ENTROIDO 2013

¡Que frío facía cando chegamos á escola!, pero todos xuntos, entre xogos e cancións, logo entramos en calor. Despois había que maquillarse, poñer os traxes, amañar os rabos, colocar as orellas… Con paciencia, os guepardos foron quedando listos para unirse ao resto do safari. Ás 11 da mañá o sol quentaba e invitaba a iniciar o pasacalles pola aldea. Leóns, cebras, Masais e guepardos, seguidos de fotógrafos, percorreron os arredores da escola. Á volta, unha merendola impresionante: orellas, filloas, rosquillas, boliñas de coco, rosas, biscoitos, tortas… Toda unha variedade de doces elaborados polas familias que fixeron as delicias de pequenos e maiores. Coa barriguiña chea,  xogamos co paracaídas e rematamos a xornada con baile no local social e a danza de Olélé que tanto nos gusta. Unha vez máis graciñas a todas as familias pola súa axuda e colaboración.
 
 

lunes, 4 de febrero de 2013

UNHA FLOR NA ROUPA…

Non vos esquezades, mañá o Meco manda engadir a algo na cabeza, unha flor na roupa. Pode ser natural, de papel, de tea… non importa o tamaño nin a forma nin a cor, a finalidade é pasalo ben. Mentres, no aula, seguimos co noso traballo ao redor do guepardo para confeccionar o noso disfrace. Hoxe comezamos a facer as orellas. Lembrade que necesitamos unha diadema para realizalas, sérvenos calquera que teñades na casa con tal de que sexa ríxida, pero tedes que traela antes do xoves para que nos dea tempo de rematalas antes da festa.

jueves, 31 de enero de 2013

CHEGA O ENTROIDO…

O venres da vindeira semana celebraremos a nosa festa de carnaval. Co motivo da viaxe de Félix a Kenia, este ano o tema central dos disfraces será “o safari”. Nas dúas últimas semanas estivemos coñecendo algúns dos animais cos que a nosa mascota se atopa e decidimos ir disfrazados de guepardos, o animal terrestre máis rápido do mundo. Pouco a pouco estamos vendo libros, películas e imaxes que nos axuden a coñecer mellor este felino para confeccionar o noso disfrace. Se na casa tedes contos, enciclopedias, fotos, catálogos, xoguetes ou calquera outro material relacionado con este felino, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.