Mostrando entradas con la etiqueta Monstros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Monstros. Mostrar todas las entradas

domingo, 25 de noviembre de 2012

"EL MONSTRUO"

Porque hai monstros que son reais, hoxe, día internacional contra a violencia de xénero, recomendamos o conto “El monstruo” de  Daniel Martín. Dende estas páxinas desexamos que as familias que teñan "un monstruo" na súa casa, consigan botalo fóra coa axuda de todos. No seguinte vídeo que atopamos en http://aldeatotal.blogspot.com.es/2012/11/el-monstruo.html podedes ver unha adaptación deste fermoso conto elaborado polo alumnado de Secundaria do Ceip Virgen de Luna

jueves, 15 de noviembre de 2012

GUIA DE LECTURAS DE CONTOS DE MONSTROS

Ao rematar un proxecto sempre é recomendable facer unha recompilación de recursos.
Dende o equipo de biblioteca non queríamos deixar pasar a oportunidade de dar a coñecer á comunidade escolar os fondos que temos a disposición de todos en relación co tema. Para que na casa tamén o pasedes de medo, aquí vos deixamos a nosa guía de lectura de monstros.
Por outra banda, se queredes ver os que cada cativo realizou coa axuda do encerado dixital, podedes visitar o blogue de informática ou picar directamente aquí. E para os que prefiran deseñar o seu monstro familiar, poden facelo picando na imaxe de “crea o teu monstro” ou visitando o blogue  http://ospicarosdevane.blogspot.com.ar/2012/11/xogamos.html onde atoparedes este e outros xogos relacionados co tema.

jueves, 8 de noviembre de 2012

OS MONSTROS MARCHAN PARA CASA

Durante todo o mes, os monstros foron o eixo ao redor do cal xiraron moitas das actividades que realizamos na aula. Ademais de aprender a recoñecer as súas características e os seus nomes, gozamos coas súas aventuras, enfrontámonos aos nosos medos, descubrimos as nosas preferencias, axudáronnos a interiorizar como están organizados os libros da nosa biblioteca escolar, a distinguir os fondos dunha colección, a identificar os anagramas das editoriais…
Spray antimonstros
Pero despois da festa do Samaín, teñen que ausentarse ata o vindeiro curso. O martes desmontamos o noso recuncho e cada un marchou para a súa morada. Xa sabemos que os monstros soamente existen no mundo da fantasía pero, se alguén necesita protección por se aparece algún no armario ou debaixo da cama, podedes preparar o “spray” da imaxe que atopamos no seguinte enlace http://www.pequeocio.com/monstruos-manualidad-divertida/.

sábado, 20 de octubre de 2012

MONSTROSÁNDWICH

Un par de rebandas de pan de molde, unha de chourizo, outra de queixo, un anaquiño de xamón york, relado de cenoria, un tomate cherry e unha oliva. Isto é o que usamos o venres para crear un auténtico monstro que non dubidamos en comer enteiriño. Aínda que houbo algún meniño que primeiro lle fixo a autopsia para quitarlle o tomate, a cenoria, a oliva… Deste xeito comprobamos que á hora de merendar monstros cada un ten os seus gustos, hai quen o prefire sen chourizo e outros con porción dobre de tomate, quen descubriu que a cenoria está rica e quen tiña claro que son indixestos e soamente comeu o xamón… A min persoalmente gústanme os monstros vexetais pero é cuestión de probar, o que está claro é que, se os monstros entran na clase de Leiro, ¡merendámonolos!.

martes, 16 de octubre de 2012

UN MENÚ MONSTRUOSO

Como pratos fortes, “Pantasmiñas de arroz”, “Arañas con ovos recheos” e “Dedos de salchichas cortadiños”. Para a sobremesa, “Mazá con miñoca de gominola”, Dentadura de mazá con piñóns” e “Ourizo cacho de pera e púas de piñóns”. Este divertido e terrorífico menú cociñárono Mencía e súa familia esta fin de semana, e como podedes comprobar nas fotos, pasárono de medo. Nestes días chuviosos de outono, nada mellor que organizar unha “monstruosa” comida familiar para ir preparando a festa do Samaín.
E non vos esquezades de enviarnos o “monstro bocata”, Mencía púxolle ata sombreiro para que fora monstruosamente elegante. Graciñas papá e mamá por compartir connosco estas propostas.

domingo, 14 de octubre de 2012

MONSTRORECEITAS

O noso compañeiro Felipe da escola de Ribadumia, envíanos as fotos das receitas que preparou na casa coa súa mamá. Á súa creación chamoulle Monstro Comeaceituanas e está causando estragos entre as olivas do país. Para todos aqueles que estean animados a participar no noso blogue coa súa “foto receita” pero necesitan inspiración, recomendámoslle o libro que temos na nosa biblioteca escolar “Sándwiches  divertidos” e os outros títulos da colección “Diversión en la cocina” da editorial Arguval.
O monstro Comeaceitunas e os seus amigos 

miércoles, 10 de octubre de 2012

ESTE VENRES COCIÑAMOS NA CASA

Esta semana o calendario laboral deixounos sen obradoiro de cociña ao ser festivo o venres. Dende o noso blogue propoñémosvos continuar con el na casa. Como andamos a voltas cos monstros, ¿que vos parece elaborar un “monstrobocata” como o da imaxe que atopamos na rede?. Se vos animades a realizalo, enviarnos as fotos ao enderezo da escola escoladeleiro@gmail.com. e publicaremos as vosas “foto receitas”, seguro que nos divertiremos dobremente: cociñándoas e vendo os resultados dos compañeiros.

martes, 9 de octubre de 2012

O NOSO RECUNCHO DE MONSTROS

Contos, películas, DVDs, camisetas, peluches, xoguetes… pouco a pouco, e coa colaboración das familias, o noso recanto vaise enchendo de toda clase de ogros e monstruosidades. Hoxe, na hora de ler, a maiores da nosa bolsiña especial de lectura, puidemos escoller entre todos os libros deste peculiar  recuncho. A nosa encarga de decantouse por  “Una bicicleta para Coco”. Ademais de pasar un bo rato coñecendo a este simpático amigo do monstro das galletas, aprendemos a escribir o seu nome e a atopalo nos títulos dos contos.

viernes, 5 de octubre de 2012

¿MONSTRO ESTÁS AÍ?...

Na última semana este é o noso xogo favorito. Trátase da nosa propia versión da canción “Jugando al escondite” de Rosa León, na que substituímos ao lobo polo monstro, xa que andamos a voltas con eles. Suponse que temos que escapar da mestra para que non nos pille, pero a verdade é que nos encanta cando nos atrapa e nos fai cóxegas. Hoxe como a herba estaba mollada xogamos no parque. Para aqueles que non coñezan a canción, nos seguintes enlaces tedes un par de vídeos coa música e a letra: http://www.youtube.com/watch?v=BoRAlduWvWc

martes, 2 de octubre de 2012

UNHA CLASE CHEA DE MONSTROS

Da man de TRIKI, “El monstruo de las galletas” da popular serie Barrio Sesamo, os monstros están a invadir a nosa escola. Xa comezamos a ler contos, ver películas, escoitar cancións, realizar xogos… Pouco a pouco iremos  descubrindo como son estes personaxes, onde adoitan vivir, se son reais ou pertencen ao mundo da fantasía... pero, sobre todo, aprenderemos a rir e xogar con eles para intentar superar os nosos medos. Durante todo o mes e ata a festa do Samaín que celebraremos o vindeiro día 31, ¡benvidos ao mundo dos monstros!. Se na casa tamén queredes ver algunhas das andanzas do monstro das galletas e os seus amigos, aquí vos deixamos os seguintes enlaces:
http://www.youtube.com/watch?v=DQhR5BuxhhI