sábado, 30 de septiembre de 2017

BOLBORETAS DE UVAS

O venres inauguramos o noso obradoiro de cociña cunha nutritiva receita con dúas froitas típicas do outono: as mazás e as uvas. Aos máis pequenos aínda lles custa entender que non se poden comer os ingredientes antes de elaborar a receita pero, paseniño e con agarimo, irán aprendendo.

viernes, 29 de septiembre de 2017

¡CANTAS NOTICIAS!


Onte comezamos co traballo ao redor da prensa. Lucía tróuxonos varios xornais e,  tras reflexionar sobre que cousas podíamos atopar neles, empezamos a ver algunhas das novas que nos pareceron máis interesantes. Os efectos causado polo picudo nas palmeiras de Cambados, a liberación da tartaruga sen aleta que xa está recuperada, a marcha a China do oso panda… foron algúns dos artigos que limos, pero o da balea azul foi que máis interese espertou entre os nenos. 

jueves, 28 de septiembre de 2017

OS NOMES NA NOSA CASA

Xa nos chegou o primeiro correo co lugar escollido para colocar o nome propio: o encerado. Sen lugar a dubidas Marcos elixiu o mellor sitio da casa para practicar como escribilo. A ver se alguén máis se anima a enviarnos fotos e continuamos publicándoas nesta entrada.

miércoles, 27 de septiembre de 2017

SEMANA EUROPEA DO DEPORTE

Hoxe con motivo da Semana Europea do Deporte, os meniños tiveron a oportunidade de practicar Zumba, judo, fútbol, pádel … No transcurso da mañá fomos rotando polas diversas actividades e coñecendo as posibilidades dos diferentes deportes. Rematamos moi cansadiños pero con  medallas para todos.

martes, 26 de septiembre de 2017

OS BONEQUIÑOS DE ROI


Cada outono o patio da escola enchese de landras, pequenos tesouros cos que os meniños enredan durante o recreo. En si mesmas xa teñen un gran valor para os cativos, pero se ademais lle engadimos un pouquiño de imaxinación e a axuda da familia, creamos autenticas xoias para os nenos. Hoxe quedamos abraiados cos que trouxo Roi para compartir connosco, mirade que riquiños.

lunes, 25 de septiembre de 2017

CON LIBROS PARA CASA

Hoxe comezou a funcionar a biblioteca escolar. Zapatocas, a nosa mascota, tiña preparados os carnés cos números de lector de cada neno e paseniño fomos personificándoos.  Como xa vos comentaramos na reunión de principio de curso, cada alumno leva un libro a súa elección, menos ao que lle toca a mochila viaxeira que rotativamente pasará por todos os fogares. Para facilitar a viaxe dende a biblioteca ata casa, os contos van protexidos nunha bolsiña que  vos pedimos coidedes para que sirva durante toda a escolaridade.

sábado, 23 de septiembre de 2017

COÑECENDO ÁS MESTRAS ESPECIALISTAS


Esta semana, a través de diferentes xogos e actividades, as mestras de audición e linguaxe, música, ximnasia, informática e inglés foron presentando aos meniños o traballo que van realizar nas súa clases. O venres dimos por rematado o período de adaptación e o luns xa comezamos co horario de especialistas e obradoiros que vos dimos na reunión de principio de curso.

jueves, 21 de septiembre de 2017

COÑECENDO O AULA DE NATUREZA


Onte a mestra Ana veu a explicarlle aos meniños como vai ser o traballo que van realizar na aula de natureza durante o curso. Ensinounos as ferramentas e utensilios, falounos das medidas de protección, presentounos as súas mascotas e incluso mostrounos unha chea de sementes para que apreciaramos o diferente que poden chegar a ser. Para rematar contounos a bonita historia de “O carballo con botas” que ten unha semente moi especial como protagonista: a landra.

E falando de landras, mirade na foto que boneco máis xeitoso fixo con elas Laura e a súa mamá. Estes días o patio de recreo está cheo destes froitos secos e aos cativos encántalles xogar con eles. Neste enlace tedes varias ideas por se vos apetece a fin de semana axudar aos vosos fillos a levalas á práctica. 

miércoles, 20 de septiembre de 2017

A BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADUMIA


Hoxe tivemos unha visita moi especial. Os músicos da banda municipal viñeron a ensinarnos algúns dos seus instrumentos e a darnos un pequeno concerto.  Escoitamos atentamente como auténticos chicos maiores pero tamén bailamos, cantamos e sobre todo rimos ao son da música. Para os que desexen máis información sobre a súa escola de música, poden visitar a súa web clicando aquí.

martes, 19 de septiembre de 2017

QUENTANDO MOTORES

Agora que os pequenos xa están adaptados á escola e os seus espazos, toca comezar co traballo propiamente escolar. Paseniño iremos aprendendo moitas cousiñas pero empezamos co nome propio porque é un texto sinxelo, curto e pleno de contido para o neno. Como outros anos, hoxe todos levaron para casa un folio plastificado co seu nome. Axudade ao voso fillo a colocalo nun lugar visible ( na porta da habitación, na neveira da cociña, no seu escritorio…)  para que dispoña dun modelo para reproducilo e poder avanzar na aprendizaxe da linguaxe escrita. Se vos animades, enviarnos unha foto a escoladeleiro@gmail.com del sitio escollido e publicaremos as imaxes no noso blog, seguro que aos cativos lle gusta velas.

domingo, 17 de septiembre de 2017

TODOS XUNTOS

Tras unha semana de incorporación paulatina, o venres xa merendaron e xogaron no patio todos os meniños xuntos.


miércoles, 13 de septiembre de 2017

PREPARADOS, LISTOS… ¡XA!

Este curso son moitos os pequenos que se incorporan á nosa aula. Separase de papá e mamá non sempre é doado. Cada meniño víveo cun ritmo diferente. Paseniño, se temos moita paciencia e agarimo, todos conseguirano.









miércoles, 6 de septiembre de 2017

REUNIÓN PRINCIPIO DE CURSO

O vindeiro luns 11, as familias dos nenos da aula de Leiro, terán a reunión informativa de principio de curso ás 10:00 horas. Nela falaremos, entre outros, dos seguintes temas:
ü  Información xeral sobre o curso 2017/2018 e normas de funcionamento.
ü  Horarios dos nenos, mestres especialistas e de atención ás familias.
ü  Calendario escolar. Festas e saídas.
ü  Biblioteca escolar: normas de funcionamento e empréstito. As mochilas viaxeiras.
ü  Blog da escola.
ü  Período de adaptación dos novos alumnos.
Para desenvolver  o proxecto “O primeiro día de escola mellor en familia”,  os proxenitores virán acompañados dos alumnos. Mentres a titora fala convosco, eles quedarán a cargo doutra mestra realizando diversas actividades e xogos.

viernes, 1 de septiembre de 2017

BENVIDOS AO CURSO 2017/18

Rematado o período de vacacións de verán, queremos dar a benvida a toda a comunidade escolar ao novo ano académico que hoxe comeza. Para a vindeira semana publicaremos a data e hora da reunión de principio de curso así como o calendario do período de adaptación dos novos alumnos. Mentes, para os que desexen ir organizándose, a continuación lles deixamos o calendario escolar 2017/18 da Comunidade Autónoma de Galicia.