martes, 31 de marzo de 2020

O VERME DE LÍA

Se queredes practicar exercicios de sopro probade co divertido xogo que nos enviou Lía ao correo. Un simpático verme feito cun folio de color dobrado, que cando sopras e aspiras, vaise movendo. Grazas Lía por compartir connosco as túas ideas.

lunes, 30 de marzo de 2020

¡FELICIDADES ROI!

Hoxe queremos facer chegar a Roi un mundo de bicos polo seu aniversario. Recibimos no correo unha foto del cunha iniciativa que nos pareceu preciosa. Como por agora non pode celebralo na escola cos seus amigos, tivo a xenial de idea de telos presente a través de globos. Mirade na foto e veredes que cada un ten o nome escrito dun compañeiro. Unha fermosísima forma de compartir ese día tan especial con todos.
¿E que me decides da torta que preparou? Ten un aspecto delicioso, espero que se anime a enviarnos a receita. Moitas grazas Roi por lembrarte de todos nós.

AVALIACIÓN SEGUNDO TRIMESTRE

A situación de illamento que estamos a sufrir tamén afecta ao proceso de avaliación do segundo trimestre. Nesta ocasión, para que poidades ver as notas dos vosos fillos, é necesario que descarguedes no voso móbil a Aplicación de Abalar da Xunta de Galicia: https://play.google.com/store/apps/details?id=es.xunta.edu.abalarmobil
No seguinte enlace tedes unha guía por se necesitades aclarar dúbidas
Para ver o boletín de avaliación do segundo trimestre tedes que pinchar no nome do voso fillo e despois, pulsando nas tres raias horizontais que tedes arriba á esquerda, podedes acceder ao menú con todas as funcionalidades dispoñibles. Aí é onde tedes que ir a cualificacións e despois arriba á 2ª avaliación, e xa podedes consultar as notas dos vosos fillos.
Se precisades algunha aclaración podedes chamar ao teléfono do centro (666410195) en horario de 10 a 14 horas de luns a venres.

viernes, 27 de marzo de 2020

NA CASIÑA … XOGOS DE MESA


Parchís, ocas, dominós, cartas … son moitos os xogos de mesa cos que podemos pasar un rato moi agradable en familia mentres os meniños aprenden unha chea de conceptos matemáticos. Ademais traballaremos outras habilidades igual de importantes coma saber aceptar as normas do xogo ou aprender a perder. Mentres esperamos recibir fotos de esas inesquecibles partidas en familia, déixovos a da última vez que xogamos ao dominó na escola.

REI DA FROITA DO MES DE MARZO

Aínda que esteamos na casiña, temos que seguir coidando a nosa alimentación e darlle prioridade ao consumo de froitas, verduras e peixes. Podedes continuar anotando nos álbums dos Comefroitas e dos Arroases e mandarnos as fotos coma fixo Marcos. Como vedes xa temos rei da froita do mes de marzo, pero sei que hai máis nenos que conseguiron o obxectivo proposto, enviarnos as fotos e publicarémolas.

jueves, 26 de marzo de 2020

LÍA POETISA

Mirade que poesía máis bonita inventou Lía. Nola enviou ao correo xunto con ese lindo debuxo de Rosalía de Castro e un bico para todos. Moitas grazas Lía por compartir a túa arte connosco. A ver se nos chegan máis poemas e enchemos o blog de versos.

miércoles, 25 de marzo de 2020

NA CASIÑA CON POESÍA

O pasado 21 de marzo celebrouse o Día Mundial da Poesía. Para conmemoralo dende a nosa casiña, propoñemos aos meniños que nos envíen un anaquiño do seu poema favorito e o ilustren. Pode ser de calquera poeta ou inventado. Ou se o preferides enviar un audio ou vídeo recitándoo como suxiren na aula de Ribadumia. Para quentar motores, publicamos o que eliximos de Rosalía de Castro para o seu universo e que reescribiron e debuxaron entre todos.

Para os indecisos nos seguintes enlaces tedes algunhas suxestións

martes, 24 de marzo de 2020

DEPORTE NA CASIÑA


Hoxe vos traemos esta proposta que nos enviou o mestre de educación física xunto co vídeo inferior que contén unha chea de posibilidades. E para motivarvos, déixovos a presentación co último día que xogamos ao pañuelo. Así vos lembrades dos vosos amigos e o mesmo vos animades a xogalo en familia aínda que sexa no corredor da casa.


lunes, 23 de marzo de 2020

QUEDAR NA CASIÑA… COCIÑANDO


Para estes días nos que a nosa rutina cambiou por completo, unha boa opción é probar a elaborar diferentes pratos en familia. Cun pouquiño de imaxinación e paciencia, podemos cociñar pratos divertidos e saudables. Neste enlace tedes un vídeo onde sacar ideas cambiando ingredientes e adaptándoos aos vosos gustos.  
Marcos xa nos mandou ao correo unhas fotos coa súa apetitosa torta de amorodos. Mirade que boa pinta ten. Animádevos a convertervos en auténticos chefs e enviarnos as vosas receitas e fotos, publicarémolas no blog para compartir as ideas e aprender todos xuntos.
Mentres que van chegando, déixovos a presentación do noso último obradoiro de cociña no que elaboramos pasteliños de amorodos.

viernes, 20 de marzo de 2020

¡FELIZ DÍA DA NARRACIÓN ORAL!

Hoxe, 20 de marzo, celébrase en todo o mundo o Día da Narración Oral. Un xeito especial de conmemorar a chegada da primavera lembrando o antigo arte de contar historias, lendas, mitos... Como son días de quedarse na casa, que bo momento para retomar esas historias que nos contaban os nosos avós e pasarllas aos nosos fillos. Neste enlace tedes ao contador Óscar Mora coa proposta dun conto cada día ás 12, a ver que vos parece. Facendo clic aquí  tedes máis suxestión de contos para ver e escoitar na rede. Tamén en orellapendella hai unha chea de ditos, recitados, cancións … para facer en familia.
Lía hoxe nos manda unha foto co conto que leu e ao redor do que fixo moitas actividades. Ao igual que nós ten ganas de saber dos seus compañeiros. Esperamos que todos esteades ben e que pronto poidamos volver ás aulas.
Neste enlace da aula de Ribadumia B tedes unha chea de álbums ilustrados preciosos que podedes ler en formato dixital. Animádevos a velos e mandarnos comentarios e fotos coas vosas lecturas favoritas destes días.

jueves, 19 de marzo de 2020

A PROPOSTA DE LÍA

Hoxe recibimos un correo de Lía cunha bonita idea para celebrar o Día do pai con agasallos feitos na casiña. Mirade nas fotos que bonitos lle quedaron. Mándanos unha aperta para todos e nós facémoslle chegar unha chea de bicos para toda a familia.  Seguro que para moitos de vós hoxe foi unha xornada moi especial, se queredes podedes enviarnos fotos e publicarémolas.
Ela xa comezou a traballar tamén co calendario. Se vos animades a imitala, podedes anotar o tempo que fai como realizamos en clase. Moitas grazas por compartir connosco as vosas creacións e esperamos seguir tendo mensaxes de todos vós.

miércoles, 18 de marzo de 2020

O MELLOR, QUEDAR NA CASIÑA

Para facer máis amenos estes días de illamento e que os meniños non perdan os hábitos adquiridos, a continuación vos deixamos unha serie de propostas que podedes realizar con eles.
O primeiro marcar o día no calendario. Tachar os números que pasan e rodear o actual, contar para intentar adiviñar o nome do díxito sinalado, o do mes e o do día da semana. Sinalar acontecementos especiais dos vindeiros meses: aniversarios, comezo da primavera, festas … Contar cantos días faltan para que cheguen.
Ler todos os días un conto ou unha parte del. Escribir o título do conto e ilustralo. Facer un listado cos nomes dos personaxes e debuxalos atendendo ás súas características
Pegar unha foto que non sirva nun folio e escribir debaixo: os nomes dos familiares ou amigos que aparecen na foto, o que estamos a facer, onde estamos...
En cada traballo que realice poñer o seu nome e apelidos por detrás e a data, por exemplo: mércores, 18 de marzo de 2020. Isto tamén nos servirá de pequeno diario para lembrar o que aconteceu cando todo isto pase.
Facer listas da compra.
Facer listados de nomes de familiares ou amigos: os que viven na nosa casa, na casa do primo, os que van ó cole, cos que xogan no parque...
Todas as actividades que fagades podedes mandalas ao noso correo electrónico escoladeleiro@gmail.com e publicaremos as imaxes, seguros que aos cativos lle gusta velas e todos colleremos ideas novas para realizar.
No blog da aula de Ribadumia B tamén tedes unha chea de suxestións para estes días. Podedes visitala facendo clic aquí.
E mais propostas en

lunes, 16 de marzo de 2020

QUE É O CORONAVIRUS PARA NENOS



Neste enlace  déixovos unha proposta para imprimir e traballar as emocións dos nenos ante o virus.
Na aula de natureza tedes diversas actividades para realizar desde casa e conmemorar o día da árbore e da auga, podedes acceder directamente a elas facendo clic aquí.

martes, 10 de marzo de 2020

CALENDARIO ESCOLAR DE MIRÓ


Un ano máis imos confeccionar un calendario escolar do vindeiro curso que sirve de lembranza aos que marchan para primaria e de guía de lectura aos que quedan. Nesta ocasión ímolo a dedicar ao pintor Joan Miró. Para a súa elaboración, eliximos un cadro para cada mes e un libro onde aparece recollida a obra. Comezamos a semana pasada co setembro ao que lle dedicamos o cadro “A masía” e o conto “Pequeña historia de Joan Miró”. Paralelamente serviranos para traballar a serie numérica e os meses do anos.

O LARANXEIRO DE HUGO

O segredo da árbore de Hugo está nas súas saborosas laranxas.


lunes, 9 de marzo de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


Cada 8 de marzo conmemÓrase o Día Internacional da Muller. Para celebralo, hoxe os meniños levaron para casa o caderno de actividades dos Bolechas pola igualdade. Previamente, na biblioteca, estivemos léndoo e vendo como realizar cada unha das tarefas. Se queredes coñecer tamén o seu libRo podedes velo facendo clic aquí.

jueves, 5 de marzo de 2020

ANIVERSARIO DE ROSALÍA

Cada 24 de febreiro conmemorase o día do nacemento da escritora Rosalía de Castro con diferentes actos. Na nosa escola xa vén sendo unha tradición celebralo cociñando unha torta de amorodos con nata.

martes, 3 de marzo de 2020

XOGOS POPULARES

Como outros anos, os xoves dedicámolos  a lembrar eses xogos tradicionais cos que enredaban os nosos avós e a aprender outros máis actuais pero igualmente divertidos. No que vai de ano temos xogado a moitos, pero ultimamente o noso favorito é “Ratón que te pilla el gato”. Neste enlace podedes escoitar a canción se a tedes esquecida.

lunes, 2 de marzo de 2020

JOAN MIRÓ

Este trimestre e o seguinte imos dedicalo a coñecer ao pintor das estrelas: Joan Miró. Comezamos esta mañá na biblioteca escolar ollando e comentando os libros que temos del. Paseniño iremos traballando con cada un deles e aprendendo aspectos da vida e obra do artista. Benvidos ao mundo imaxinario deste gran creador.