jueves, 17 de mayo de 2012

¡FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Hoxe estamos de celebración pero non vos esquezades de deitarvos cediño. Mañá imos de excursión e hai que madrugar para chegar pronto á escola e non perder o autobús. Ademais, lembrade que non poderedes durmir despois de xantar, temos que aproveitar o día e aprender moitas cousas sobre o mundo das abellas. O mércores en clase de psicomotricidade estivemos xogando a imitalas e a compartir panal. Tamén aprendemos unha variante de “As abelliñas de San Miguel”, na que en lugar de virarnos, cae de cachas o neno nomeado, para axiña volver a erguerse e seguir coa roda. Coma sempre o máis divertido ven ao final cando caemos de cu todos á vez.

miércoles, 16 de mayo de 2012

LETRAS GALEGAS 2012

Cada 17 de maio celebrase o día das letras galegas para homenaxear a aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria en galego ou pola súa defensa desta lingua. Hoxe, no libriño de Rosalía que xa traballaramos cando celebramos o aniversario desta escritora, limos que elixiuse esa día para lembrar a data de publicación do libro “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Este ano o día das letras galegas está dedicado a Valentín Paz Andrade. Coa mestra Ana andamos a aprender cousiñas da vida deste autor, se na casa tamén queredes saber máis sobre el, no seguinte enlace tedes unha recompilación de recursos http://bibliolucus.blogaliza.org/2012/05/14/dia-das-letras-2012-valentin-paz-andrade/

martes, 15 de mayo de 2012

AS ABELLAS NOS LIBROS DA ESCOLA

Esta semana, as abellas están a centrar parte das actividades que estamos a desenvolver na aula.
Onte, na zona documental da biblioteca, estivemos aprendendo a localizar os libros nos que podemos atopar información sobre elas. Descubrimos que se queremos saber sobre o mel temos que buscar nos que teñen a pegatina azul, porque o mel é un alimento. Pero, se queremos saber sobre abellas e outros insectos, a busca ten que centrarse nos de pegatina verde, porque nesa cor están todos os exemplares que falan de animais. Hoxe, a bolsiña de lecturas tamén veu cargada de contos nos que os seus protagonistas eran estes produtores de mel. Soamente deunos tempo de ler o que elixiu a encargada, nos próximos días leremos o resto, pero comprobamos que todos tiñan pegatina amarela, porque aínda que falan de abellas son contos e poden estar cheos de fantasía.

domingo, 13 de mayo de 2012

AS ABELLIÑAS DE SAN MIGUEL

Estes días para preparar a visita a Apípolis andamos traballando ao redor das abellas. O venres, no libro “La abeja de la miel” de Edebé, descubrimos onde viven e como nacen estes impresionantes insectos. Comparámola coa avespa que viramos a principio de semana e buscamos semellanzas e diferenzas. Cando a última hora chegou o momento dos xogos, fixemos unha roda e …
"As abelliñas de San Miguel
andan todas ao redor do mel
e do mel e da melaza
que se viren as nenas de cachas"…
Despois tocoulle aos nenos volverse e, por último, cando xa todos estabamos dando voltas de costas, chegou a estrofa que máis nos gusta…
"As abelliñas de San Miguel
andan todas ao redor do mel
e do mel e da melaza
que se xunten cachas con cachas,
cachas con cachas
cachas con cachas" …

viernes, 11 de mayo de 2012

CROCANTE DE XEADO

  Hoxe a calor chegou de súpeto, sobraban as camisetas interiores e as chaquetas xa quedaron na percha a primeira hora da mañá. Por sorte, no obradoiro de cociña preparamos para merendar “crocante de xeado”. Primeiro, o que máis nos gusta: esmagar as galletas co rodillo. Non hai utensilios para todos pero compartimos sen problemas, mentres uns loitan para desfacer as galletas, outros imos quitándolle a casca ás noces. Despois mesturamos todo e, coa axuda da culleriña e o garfo, cubrimos o xeado..  ¡que rico!... Antes de darnos conta xa comeramos todo e queríamos máis … Non quedaba crocante pero sobrara xeado, así que … ¡merenda fresquiña!.

jueves, 10 de mayo de 2012

IMOS DE EXCURSIÓN

O venres da vindeira semana visitaremos Apípolis, un centro que ten como obxectivo mostrar as relación das abellas cos seres humanos e a importancia destas para o medio ambiente.  No transcurso da xornada está previsto que visitemos á exposición, vestidos de apicultores entremos ao apiario, realicemos extracción de mel, coñezamos o proceso de extracción de cera, confeccionemos unha vela … Se queredes coñecer onde está situada e saber máis concretamente o que está previsto realizar, podedes visitar o enderezo  http://www.apipolis.com/modalidades-visitas.php, a nosa modalidade de visita é  “Estancia de xornada completa con comida”.
No marxe superior, tedes a opción de vídeos, onde poderedes ver varios para facervos unha mellor idea do que van ver os vosos fillos, ou clicar aquí. Os que prefiran familiarizarse co mundo das abellas xogando, picade no enlace http://aescoladebarciela.blogspot.com.es/2012/03/as-abellas-e-o-mel.html

miércoles, 9 de mayo de 2012

A VOLTAS COAS MOTOS

O luns, no xornal, as motos volvían a ocupar as páxinas dos deportes. Aproveitamos a noticia do mundial de motociclismo para lembrar os nomes das prendas que levan os pilotos, pero sobre todo, para coñecer a moto máis famosa do país que está a visitar o noso amigo Félix: A vespa. A comparación deste vehículo italiano co molesto insecto do que colle o seu nome, levounos a investigar sobre as diferenzas deste coa abella. Pero iso forma parte doutro pequeno proxecto que vos contaremos outro día.