miércoles, 29 de septiembre de 2021

O NOME DE NOEL

 Xa temos o lugar elixido por Noel para colocar o seu nome. Xusto ao lado dos contos que ten no salón e que escolle para contar á noite. Un lugar perfecto para identificar as letras no cartel e nalgúns dos seus contiños.

Tamén nos enviou unha foto coas castañas asadas que apañamos na escola. Di que estaban que estaban moi boas. Moitas grazas Noel por compartir connosco tan bonitos momentos.

martes, 28 de septiembre de 2021

VAI DE PANTASMAS…


Co gallo da festa do Samaín que celebraremos o vindeiro 28 de outubro, Zapatocas preparounos na biblioteca escolar un recuncho especial dedicado aos pantasmas cunha chea de contos divertidos. Tamén envioulle á mestra o seguinte vídeo cunha canción que nos encantou e coa que Zapatocas xogou a converterse en pantasma. Queredes enredar na casa tamén? Soamente necesitades unha saba ou un anaco de tea e … a cantar pantasmas!

lunes, 27 de septiembre de 2021

O OURIZO DE UVAS DE NOEL

 

Noel xa cociñou a saudable receita que propoñiamos elaborar esta fin de semana. Mirade nas fotos que nos enviou que chuliño lle quedou con uvas negras o ourizo. Grazas Noel por compartir as imaxes de todo o proceso connosco.




domingo, 26 de septiembre de 2021

O CASTIÑEIRO DA ESCOLA


Unha escola rural coma a nosa ofrece a posibilidade de gozar constantemente da natureza e os seus recursos. Coa chegada do outono, o castiñeiro do xardín desprende os seus froitos que cada día recollemos con coidadiño. O venres fixemos o reparto da colleita. Previamente realizamos cucuruchos de papel reciclando folios vellos que cada neno decorou e personificou co seu nome. E por último chegou o momento de contar e gardas as castañas. Xa nos contaredes se estaban ricas.

jueves, 23 de septiembre de 2021

O NOME DE NOA

 

Noa Lede xa nos enviou a foto co lugar escollido para colocar o seu nome. Ela optou pola súa habitación, xusto enriba do seu escritorio. Un lugar perfecto para practicar se hai algunha letra que lle fai rabiar .A ver quen máis se anima a mandarnos fotos coa súa elección.

Tamén nos enviou esta foto dun divertido boneco que fixo coa súa mamá. Mirade que chuliño lle quedou reciclando un tubo de papel hixiénico e empregando elementos da natureza. Un bonito modo de darlle a benvida ao outono. Grazas Noa por compartir connosco as túas imaxes. 

OURIZO DE UVAS

Antes da pandemia, cada semana adoitabamos cociñar cos rapaces na aula para mergullalos no mundo culinario á vez que practicamos a lectoescritura. Dende o ano pasado, como medida de prevención sanitaria, realizamos o obradoiro de cociña dun xeito diferente. Cada semana traballamos cos meniños ao redor dunha receita que levan para casa. A fin de semana podedes elaborala cos cativos e enviarnos as fotos ao correo da escola.


Como estamos en época de vendima, propoñemos comezar cociñando un ourizo de uvas. No seguinte vídeo que vimos na escola, tedes o proceso a seguir. A parte de pelar e cortar a pera deberá facela un adulto, pero os pequenos poden espichar as uvas e decorar o ourizo. Seguro que lles encanta.


miércoles, 22 de septiembre de 2021