domingo, 28 de febrero de 2021

A EIRUGA PROCESIONARIA

 

Fai tempo, nun dos paseos que adoitamos dar ao redor da escola, descubrimos no cedro un niño de eiruga procesionaria. O xoves, nun artigo na prensa dixital, soubemos que esta primavera haberá un incremento desta praga e que pode ser especialmente perigosa para os cans.

No seguinte vídeo, que vimos na escola, un veterinario explícanos cousas moi interesantes sobre esta eiruga coa que debemos ter especial coidado.

CALDO DE GLORIA

Esta semana veu marcada polas actividades ao redor da escritora Rosalía de Castro con motivo do aniversario do seu nacemento. Entre elas, a iniciativa  o “Caldo de Gloria” da súa Fundación. Unha proposta inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” no que a poeta explica como facer un caldo. Nesta liña, o venres convidamos ás familias a facer na casa e comer cos meniños un caldiño. Podedes seguir as instrucións que dá Rosalía no seu poema, ou facer a vosa propia receita.

miércoles, 24 de febrero de 2021

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

A  Asociación de Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a celebrar o Día de Rosalía regalando aos seres queridos un libro e unha rosa.

Dende a nosa escola unímonos a esta fermosa iniciativa adaptándoa as idades dos nosos alumnos. En lugar do libro,  os rapaces reescribiron e levaron para agasallar un anaquiño personificado do fermoso poema “Parece unha rosa”. 

A flor, elaborámola empregando os folios reciclados que decoraramos imitando a técnica de Eric Carle que tanto nos gusta. Esperamos que gocedes da poesía e das flores na casa tanto coma nós na escola.

sábado, 20 de febrero de 2021

UNHA TORTA DE AMORODOS PARA ROSALÍA

Ao rematar febreiro as fresas comezan a estar no seu mellor momento. Cada ano aproveitámolas para celebrar o aniversario de Rosalía de Castro cunha saborosa torta de amorodos con nata. Este curso non podemos realizala na aula, pero vos animamos a elaborala na casa e logo ler un dos fermosos versos rosalianos. Se non sabedes cal escoller, neste enlace tedes un vídeo co poema “Adiós ríos, adiós fontes” que o curso pasado realizamos no noso centro.

Xa chegaron ao correo da escola as primeiras fotos da elaborada por Noa. Mirade nas imaxes que chuliña lle quedou e como se divertiu realizándoa.

NA HORA DE LER… ROSALÍA DE CASTRO

O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro. Na nosa escola unímonos á celebración do aniversario do seu nacemento con diferentes actividades. Comezamos quentando motores esta semana coñecendo un pouco da súa vida e obra cos seus libros na hora de ler.