O venres foi unha mañá chea de actividades e
emocións. Comezamos a xornada traballando duramente na confección dos colares
de margaridas necesarios para decorar o Maio. Aínda que realmente o labor xa o empezaran
as familias o día anterior baleirando ovos e apañando fiúncho, flores, laranxas
e limóns para traelos á escola. Unha vez máis graciñas a todos pola vosa
colaboración e xenerosidade, sen ela a elaboración do maio non seria posible.
Despois os cativos confeccionaron coroas de
flores coas que acicalarse e aínda tivemos tempo dunha sorpresa moi especial: a
visita da científica Luísa do CSIC
en Galicia.
Ademais de contarnos un precioso conto co que nos explicou como xurdiu
nela a necesidade de investigar e descubrir o porqué das cousas, ensinounos a
través dun divertido experimento que a auga salgada pesa máis que a doce. Abraiados
co resultado e con ganas de máis chegou o momento de recuperar forzas coa rica
merendola que trouxeron as familias.
Mentres, paseniño o Maio
foi collendo xeito ata quedar rematado e a nosa exposición “A min gústame ler
en …” tamén. Entón chegaron os músicos e o tempo das cancións e xogos ao seu redor.
A ritmo de gaitas bailamos, cantamos e
gozamos dándolle a benvida a primavera.
No hay comentarios:
Publicar un comentario