Hoxe comezou a
funcionar a nosa biblioteca escolar e nela atopámonos cunha gran sorpresa: a
mascota da biblioteca. Chámase Zapatocas e naceu no ano 2002 da man dunha nena da escola de
Ribadumia. Durante catorce anos deu nome a nosa revista escolar e, cando
creamos a nosa biblioteca, converteuse na súa mascota. Sempre tivemos imaxes dela
pero foi este verán cando a mestra Marta conseguiu contactar con alguén que
puidera sacala do papel e transformala nun boneco ao que abrazar. Esta mañá xa
estaba subida nun andel cunha carta na man e rodeada de libros pero iso volo
contaremos outro día.
Hoxe os protagonistas,
ademais de Zapatocas, foron os libros. Puidemos gozar deles e escoller un para
levar. A mestra Ana explicoulle aos máis pequenos como funciona o sistema de
empréstito, cales son as normas de funcionamento e como debemos de gardar os
libriños na nosa bolsa de biblioteca para que vaian protexidos na súa viaxe ata casa. Como xa vos
contamos o día da reunión de principio de curso, seria desexable que, ao igual
que os libros que conteñen, nos axudedes a mantelas en bo estado. Tamén
comezaron a súa andaina as mochilas viaxeiras e cada semana visitará unha familia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario