miércoles, 12 de noviembre de 2014

BIBLIOTECA ESCOLAR… MATEMÁTICO!!!


Este é o lema elixido este ano por bibliotecas escolares galegas para espertar o interese polas matemáticas e salientar o papel das bibliotecas como apoio ao seu aprendizaxe. Na nosa aula tamén imos sumarnos a esta iniciativa con diversas propostas que paseniño iremos debullando ao longo do curso. Hoxe comezamos a desenvolver dúas delas. Unha, denominada “Os mércores imos ter problemas”, vai ser unha adaptación da experiencia realizada polo IES Alexandre Bóveda (Vigo) e exposta nas V Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia que se celebraron a pasada fin de semana en Santiago de Compostela, contarémola dentro duns días. 
A outra, chamada “Sete contos e unha oca”, vainos dar moito xogo. Trátase dunha versión do tradicional xogo da oca que aproveita a potencialidade dos contos tradicionais. Recuperamos o taboleiro e o material dunha antiga campaña de lectura e, coa axuda do mestre Jose, comezamos por intentar aprender a xogar. O primeiro, e para non confundirnos, personificamos as fichas substituíndoas por tarxetas plastificadas cos nosos nomes.  Pero … ¡que complicado é xogar á oca cando temos menos de cinco anos!... Lanzar o dado sen que saia disparado fóra da mesa, contar os puntiños, recoñecer que o ultimo número do reconto é o que representa a cantidade, memorízalo, localizar as “casillas”… Aínda temos que practicar moito pero seguro que acabaremos conseguíndoo. 
Se vos animades podedes xogar na casa cos máis pequenos, ademais de pasar un agradable rato en familia, axudaredes aos cativos a contar, memorizar a cantinela, interiorizar o principio un a un, recoñecer os números, respectar quendas, aceptar as normas, saber perder e gañar … xa nos contaredes que tal vos vai.

1 comentario: