viernes, 18 de diciembre de 2015

FESTIVAL NADAL 2015

Hoxe xogamos e enredamos cos amigos, limos contos de Nadal, pintamos e coloreamos, escoitamos e cantamos panxoliñas, rimos cun contaconto en inglés, tivemos unha gran merendola, recibimos a visita do Apalpador, actuamos, bailamos … Foi unha mañá do máis completa. Agora toca descansar e gozar en familia. Volvemos o día 7 de xaneiro. ¡¡Bo Nadal!!

jueves, 17 de diciembre de 2015

ENSAIANDO…


“Buscando Papá Noel a árbore de Nadal” é o título da panxoliña que imos dramatizar mañá no festival. Hoxe os cativos ensaiaron por última vez e, coma sempre, todos divertímonos facéndoo que é o importante.
 Para os que desexen cantala tamén en familia, a continuación vos deixamos o vídeo que prepararon  dela para os rapaces do CEIP Isaac Díaz Pardo. Aos meniños gústalle moito velo e cantar a modo de Karaoke.

miércoles, 16 de diciembre de 2015

PAPÁ NOEL

Este venres, para non quedarnos sen  o noso tradicional obradoiro de cociña, propoñémosvos realizalo na casa elaborando o simpático Papá Noel que fixo Carla. Na escola xa preparamos unha receita cos ingredientes e os cativos non dubidaron en enriquecer o prato coas máis diversas suxestións: chourizo para o gorro, flocos de millo para a barba, galletas salgadas e pebidas de chocolate para os ollos … se vos animades a cociñar esta ou outras receitas de Nadal cos nenos, xa sabedes … non dubidedes en enviarnos fotos a escoladeleiro@gmail.com e publicarémolas no blog.

martes, 15 de diciembre de 2015

CORRE QUE TE PILLO


Hoxe de novo baseámonos nos poemas de Federico García Lorca para brincar. Neta ocasión a segunda estrofa de “Los reyes de la baraja” serviunos para xogar ao pilla e rir pintando a cara dos atrapados. Para os que non se lembren dos seus versos, a continuación deixamos a versión musicada de Vicente Monera que tanto nos gusta.

E xa postos a enredar, fixemos un repaso de todos os xogos que aprendemos durante o trimestre, mirade nas fotos que ben o pasamos.

lunes, 14 de diciembre de 2015

PREPARANDO O FESTIVAL DE NADAL


Elixir unha panxoliña, distribuír os personaxes, deseñar os traxes, recortar, pegar, probar, ensaiar … ¡Canto traballiño levamos preparando o noso festival, pero canta ilusión esperta nos cativos!. Como podedes ver no blog do colexio, o vindeiro venres 18 imos celebrar a festa de Nadal 2015, non esquezades que este ano realizarémola na Casa de Cultura de Ribadumia polo que os que aínda non trouxeron a autorización cuberta, teñen que facelo antes do xoves.

jueves, 10 de diciembre de 2015

O REI MELCHOR

Despois de cociñar o Rei Gaspar e o Rei Baltasar, non podíamos deixar atrás o Rei Melchor. Agora xa somos uns expertos en isto de cociñar reis. Os meniños quedaron coas ganas de elaborar a Papá Noel así que, se vos animades a realizalo na casa, non dubidedes en enviarnos fotos a escoladeleiro@gmail.com e publicarémolas no blog.