lunes, 8 de abril de 2013

LEMBRANDO A PICASSO

Hoxe cúmprese o 40 aniversario da morte de Pablo Picasso, o pintor ao redor do que estivemos traballando o curso pasado. Parécenos unha boa ocasión para publicar a guía de lectura que realizamos no seu momento e lembrar os fondos que temos na biblioteca escolar a disposición de todos.

domingo, 7 de abril de 2013

PARA MERENDAR… ¡UN TREN!

Xa que andamos a voltas coas “máquinas para viaxar”, non podíamos deixar de argallar algo relacionado co tema no noso obradoiro de cociña. No libro “Cocinar es divertido” atopamos o que andabamos buscando: un tren.
Cambiamos algúns dos ingredientes para adaptalos ás nosas necesidades. Substituímos  a maionesa por queixo de untar e as salchichas por pauciños de pan. O martes, redactamos a nota para lembrarnos do que tiñamos que traer e, o venres, antes de escribir a receita, ensaiamos para aprender a facer a serie: pan, queixo, pan, xamón e pan. Ao principio enredámonos  un pouquiño pero pronto os vagóns tomaron forma. Pegamos con queixo as rodas, colocamos a cheminea e ¡a comer!...




Para os que se animen a cociñar trens, barcos, coches… nas imaxes tedes un par de propostas para esta chuviosa tarde de domingo sacadas de “Mi primer libro de cocina”. Xa sabedes, se nos enviades as foto-receitas coas vosas creacións, publicarémolas para aprender todos a facelas.

sábado, 6 de abril de 2013

¡CONGA!

O primeiro día que xogamos dábanos vergonza bailar, agora andamos seguido a cantar:

“Conga, conga
¡qué viva la milonga!
queremos ver 

a ....
bailar la conga.
La mano en la cabeza,
la otra en la cintura,
moviendo la colita 
como una señorita.

Conga, conga
¡que viva a milonga!…”

viernes, 5 de abril de 2013

A FAMILIA DE ROSALIA DE CASTRO

Onte María trouxo unhas bonitas postais de Rosalía. Contounos que fora visitar a casa onde vivira esta gran escritora e falounos das cousas que vira. Mostrounos a todos as súas tarxetas e compartiunas connosco. Nunha das imaxes aparecía Rosalía coa súa familia. Aproveitamos a oportunidade para coñecer a faceta maternal da autora de “Cantares Gallegos”. Soubemos que tivera sete fillos, aínda que soamente chegaron a idade adulta cinco. Intentamos adiviñar os seus nomes pero, algún son tan poucos comúns que, o tivemos complicado.

jueves, 4 de abril de 2013

COÑECENDO A DALÍ

Dende que vimos o sofá labios de Dalí na revista que acompaña ao xornal dominical,  decidimos coñecer a este artista. Aínda que case todos nos lembrabamos do seu apelido e o seu característico bigote, non  tíñamos tan claro o seu nome. Hoxe vimos como se escribía e realizamos retratos del. Fai unhas semanas Laura tróuxonos un coxín labio que lle prestara a súa tía, con el e con todo o que vaiamos atopando relacionado con Salvador Dalí, imos crear un novo recuncho en clase. Coma sempre, os rapaces poden traer todo tipo de materiais: cadros, libros, imaxes, postais, xoguetes, DVDs, obxectos, láminas, murais, direccións de internet, CDs, debuxos... para enriquecer a nosa pequena exposición e aprender todos xuntos. Por agora o que máis nos gusta deste particular xenio é o seu mostacho.

miércoles, 3 de abril de 2013

¿QUE COUSA SERÁ?...

No libro “Adiviñas” que temos na biblioteca de aula atopamos a que eliximos para o mes de novembro. Nesta ocasión optamos por unha máis difícil cas anteriores. Como pista diremos que non fai referencia a ningún conto e que seguro que todos temos varias na casa. ¿Quen será o primeiro ou primeira en enviarnos un comentario coa solución?...

martes, 2 de abril de 2013

FELIZ DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Hoxe, co fin de promover a lectura entre os máis pequenos e salientar a súa importancia no seu desenvolvemento, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil. Na nosa escola celebrámolo cunha pequena guía de lecturas dedicada aos Irmáns Grimm. Despois de todo un trimestre téndoos coma protagonistas na nosa “hora de ler”, non queríamos deixar pasar esta oportunidade de recompilar aqueles libros que, por espertar a nosa imaxinación, por axudarnos a coñecer Alemaña, por ensinarnos a cociñar unha casiña de chocolate, poñer a proba o noso enxeño foron importantes para nós neste denominado “Ano Grimm”.