O venres, a pesar da choiva e o mal tempo, as familias
trouxeron camelias das máis variadas formas e tamaños. Con moitos pétalos, con
poucos, rosas, brancas, vermellas, de dúas cores, pechadas, abertas, grandes,
pequenas … paseniño fomos observándoas todas e descubrindo as súas diferenzas.
Logo, baseándonos nas ilustracións dos libros de Óscar Villán “O abecedario” e “Cinco”,
reproducimos o seu particular estilo e realizamos as letras e números do cartel
da nosa exposición. Rematamos creando os debuxos e fotos para participar no concurso
organizado polo Concello. Moitas grazas ás familias que coa súa colaboración fixérona posible.
domingo, 18 de febrero de 2018
viernes, 16 de febrero de 2018
jueves, 15 de febrero de 2018
EXPOSICIÓN E CONCURSO DA CAMELIA
O
Concello de Ribadumia organiza o II Concurso Artístico Infantil coa temática da
camelia. Na nosa escola queremos colaborar organizando a nosa particular
exposición para observar as súas cores e variedades. Se queredes participar os
nenos traerán mañá á escola as variedades de camelias que logredes
conseguir.
martes, 13 de febrero de 2018
ENTROIDO 2018
Despois de varias semanas confeccionando os traxes, o venres puidemos compartir coas familias unha xornada
festiva chea de trasnos, Neptunos, Tronates e gregos. A mañá veu cargada de
actividades. Primeiro os nosos amigos Os Arroaces, acompañados do mariñeiro Luís
e a cociñeira Mariña, faláronnos dos beneficios de incluír peixe na nosa dieta.
Despois elaboramos un anteface e limos unha chea de contos de Entroido. Recuperamos
forzas cunha rica merendola con filloas, rosquillas, orellas, biscoitos e outros
doces típicos destas datas. E finalizamos desfilando todos xuntos.
domingo, 11 de febrero de 2018
¡FELIZ DÍA DA NENA E A CIENCIA!
Para
dar visibilidade ao labor científico das mulleres e potenciar esta vocación nas
nenas, cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na nosa escola tamén quixemos
unirnos a esta iniciativa organizando diversos obradoiros con mulleres
científicas que nos falaron do seu traballo. O pasado mércores, con Luísa Martínez, do Instituto de Investigacións Mariñas, descubrimos a “Ciencia a pé de praia” e con Nieves
Álvarez, científica do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, e a súa charla “A ciencia
levámola dentro” mergullámonos no mundo das árbores.
Por último,
elaboramos un taumatropo, un xoguete óptico que se emprega para producir sensación
de movemento nas imaxes.
Os medios
de comunicación fixéronse eco das actividades desenvolvidas no noso centro. Podedes velo nos
enlaces que vos deixamos a continuación.
lunes, 5 de febrero de 2018
TEMPO DE ENTROIDO
O vindeiro venres celebraremos o noso tradicional festival de Entroido que
este ano terá a mitoloxía como tema central. Mentres que nas escolas imos
confeccionando os nosos disfraces, temos que seguir as ordes do Meco. Hoxe tíñamos
que traer algo na cabeza, mañá toca calcetíns de cores por fóra do pantalón.
sábado, 3 de febrero de 2018
MARISCANDO EN CAMBADOS
Grazas ao Plan Proxecta: O Sabor da Aventura está no Mar e en colaboración coa Asociación Cultural das mulleres do mar de Cambados, o venres fomos convidados a coñecer o proceso de extracción de
moluscos. Equipados con botas e rastrelos, as mariscadoras ensináronos como fan
o seu traballo, como se chaman as diferentes ameixas e o importante que é
devolver ao mar as que non acadan o tamaño adecuado. Despois degustamos os
produtos do mar nunha rica merendola con hamburguesas de chocos e empanada de
polbo. Rematamos a nosa excursión cunha visita á lonxa e un bonito agasallo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)