jueves, 31 de enero de 2013

CHEGA O ENTROIDO…

O venres da vindeira semana celebraremos a nosa festa de carnaval. Co motivo da viaxe de Félix a Kenia, este ano o tema central dos disfraces será “o safari”. Nas dúas últimas semanas estivemos coñecendo algúns dos animais cos que a nosa mascota se atopa e decidimos ir disfrazados de guepardos, o animal terrestre máis rápido do mundo. Pouco a pouco estamos vendo libros, películas e imaxes que nos axuden a coñecer mellor este felino para confeccionar o noso disfrace. Se na casa tedes contos, enciclopedias, fotos, catálogos, xoguetes ou calquera outro material relacionado con este felino, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

miércoles, 30 de enero de 2013

DÍA DA PAZ

E chegou o día tan esperado. Queríamos encher as caixiñas cos bicos dos nosos amigos pero primeiro tiñamos que comprobar que todas estaban listas. Algúns bicos lle faltaba o nome, a outros a cor… As caixiñas que chegaran no último momento estaban sen decorar e a outras había que darlle un último repaso… No transcurso da mañá fomos revisando e rematando todo, os que tiñan todo listo axudaban aos máis pequenos e os que tiñan dúas caixiñas compartían cos que non trouxeran ningunha. Antes de marchar para casa...
 ¡BICOS PARA TODOS!
 
 

martes, 29 de enero de 2013

BESOS, BESOS

Este é o título do precioso conto que fala dos bicos da avoa, ruidosos coma saborosas piruletas; dos bicos de papá, que pinchan coma cactos; dos bicos do avó, nos que a súa barba branca parece algodón de azucre… A mestra atopouno na Biblioteca Pública Municipal de Meis  e prestáronllo para ler na escola. Xa o devolvemos por se outro neno quere levalo, pero gustounos tanto que ímolo mercar para telo na nosa biblioteca escolar. Dende este blogue, animamos a toda a comunidade educativa a facerse socios das bibliotecas municipais, son gratuítas e poderedes gozar de lecturas tan fermosas coma esta.
Como vedes, en clase seguimos a voltas cos bicos e a caixiña que estamos a preparar para enchela deles. Os que se esqueceran de traelas aínda están a tempo. Lembrade que serve calquera con tal de que sexa pequena: a dos queixiños en porcións, a dos zapatiños da irmá, a das galletas… Mañá, día escolar da paz, intercambiaremos os biquiños que con tanto agarimo estivemos  a preparar. Hoxe estivemos contando os que tíñamos, necesitamos 20 de cada cor para que teñamos todos. Mañá axudaremos a rematar aos pequenos e aos que estiveron enfermos. ¡Teñen tantas ganas de levalas para casa que non lles da chegado o día!

lunes, 28 de enero de 2013

ANIVERSARIO DE ÁNGELA E ANTÍA

¡Como pasa o tempo!... parece que foi onte cando Ángela empezou na nosa escola e xa cumpriu seis anos. Este será o último aniversario que pase connosco. En setembro comezará primaria no colexio de “maiores”. Antía aínda quedará un ano máis no noso centro, neste mes de xaneiro cumpriu cinco aniños e nuns meses pasará a formar parte do grupo dos maiores. Medramos rápido e cada día somos máis autónomos. Despois de tantas tortas de chocolate como levamos feitas xa sabemos case facelas sen axuda. Agora o que estamos aprendendo e a recoller e limpar a louza despois da festa. Pero o que máis nos sigue gustando é cantar e apagar as candeas...
 

domingo, 27 de enero de 2013

O AÑO PITAÑO

Este foi o poema que traballamos esta semana para seguir coñecendo a obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez. Gústanos e fainos rir cando o escoitamos recitado por nenos pequenos na seguinte presentación http://www.youtube.com/watch?v=QxXcd_qscJw. Pero o que realmente preferimos é ir a informática e facer os xogos LIM da escola de Barciela do CRA de Vilaboa. Se na casa tamén queredes probar, picade na seguinte imaxe.

sábado, 26 de enero de 2013

A PITA CEGA

Esta semana, mentres líamos o conto “O lobo e os sete cabritiños” da maleta dos irmáns Grimm, vimos nunha ilustración na que as sete cabuxas xogaban á pita cega. Moitos dos nenos non sabían de que se trataba e onte decidimos aprender.  Iso de recoñecer a un amiguiño empregando soamente o sentido do tacto é complicado e ninguén acertou. Nos vindeiros días seguiremos xogando para pouco a pouco ir descubrindo que son moitos os datos que podemos obter coas nosas mans: se leva o pelo longo ou curto, se ten pinzas ou un lazo, se os botóns do seu mandilón son grandes ou pequenos, se ten pendentes ou colar… Se esta fin de semana tamén queredes probar a xogar en familia, no seguinte enlace http://www.youtube.com/watch?v=bnRJ_f-2n7A tedes un vídeo coa canción e as normas, non é exactamente como o facemos na aula pero é divertido.

jueves, 24 de enero de 2013

¡SAÍU O SOL!

Despois de tantos días de choiva, vento, temporal e incluso “cicloxénise explosiva”, hoxe, por fin, puidemos gozar dun recreo no patio. Primeiro tivemos que arranxar os buratos que deixaran as pozas da auga e secar os tobogáns, pero despois brincamos felices. Fixo tan bo tempo que ata foron necesarias as viseiras. Unha mágoa que as previsións para mañá volvan a dar choiva.
 

martes, 22 de enero de 2013

MAMÁ, ¿DE QUÉ COLOR SON OS BESOS?

Este é o título do conto no que nos imos basear para conmemorar este ano o día escolar da paz e non violencia. Nel, a mamá do neno protagonista, fálanos de bicos laranxas cheos de vitaminas, amarelos que son cálidos e intensos, e brancos, que expresan a paz e tranquilidade que sinto ao teu lado… Nós, en clase, tamén lle imos dar cor aos nosos bicos. Cada neno escolleu o que máis lle gusta, cunha única condición: non se pode repetir a cor… Porque o día da paz imos repartir os bicos entre todos os nosos amigos. Queremos encher unha caixiña con eles, e facer como Kati, a meniña do conto “Unha manchea de bicos” que os ten gardadiños para cando lle fan falta. Para cando teñamos medo, botemos en falta aos compañeiros, esteamos tristes… Sempre hai un bico para cada momento, e con eles, todo é máis doado. Estes días, os contos de bicos van ser os protagonistas.

domingo, 20 de enero de 2013

MACEDONIA

Despois de andar toda a semana a voltas co laranxal de Xosé Mª Álvarez Blázquez, non podíamos deixar pasar a oportunidade de facer zume de laranxa e preparar unha rica macedonia. Somos moitos en clase e soamente temos un espremedor. Pero mentres que mondabamos o plátano e cortabamos a froita en anacos,  por pequenos grupos íamos espremendo as laranxas. Hai que calcar con forza para que o utensilio funcione, pero se empregamos as dúas mans é doado. Unha vez feito o zume e partida a froita, soamente quedaba mesturar todo e… ¡a merendar!.
 

sábado, 19 de enero de 2013

NA HORA DE LER, OS IRMÁNS GRIMM

Este ano, Alemaña celebrará o seu denominado “Ano Grimm“ para conmemorar o bicentenario da primeira edición dos contos destes irmánsNa nosa escola tamén queremos unirnos  a esta conmemoración con diversas propostas. Comezamos a semana pasada cociñando unha torta de aniversario. Continuamos cunha maleta cargada cos seus libros para a hora de ler. Son tantos que o encargado de escoller cada día non sabe por cal decatarse. Tamén contén películas baseadas nas súas historias que, pouco a pouco, iremos vendo nos moitos recreos chuviosos que estamos tendo este mes. ¡Benvidos ao ano Grimm!

viernes, 18 de enero de 2013

POLO LARANXAL…

Así comeza o poema de Xosé María Álvarez Blázquez que estivemos traballando esta semana. ¡Canto traballiño lle deu aos maiores conseguir facer o “H” en ligada!... Comprender que os números 1, 2 e 3 pódense escribir empregando letras, tampouco foi doado. Pero pasárono en grande dramatizando os versos.Todos querían ser avelaíñas e xogar a agocharse detrás das laranxeiras. Contar as avelaíñas era máis fácil. Sobre todo se o facemos cun xogo no ordenador. Para todos aqueles que tamén queiran aprender o poema mentres xogan, no seguinte enlace http://seminariogalan.org/inicio/ver/59 teñen varias actividades que realizou o Seminario Galán co gallo de ser Xosé Mª Álvarez Blázquez o autor homenaxeado o día das letras galegas do ano 2008.



jueves, 17 de enero de 2013

FÉLIX ESTÁ EN KENIA

O luns limos a nova carta que Félix envioulle a súa amiga Sofía. Nela cóntalle que a súa viaxe polo río Nilo levouno ata Kenia. Para saber onde está situado este país africano, consultamos o mapa grade que temos en clase.
Seguimos o curso do río ata o lago Victoria e, alí, pegadiño, atopámolo.
Cando chegou, Félix, para coñecer aos animais deste país africano, foi de safari, pero un pequeno incidente cun rinoceronte levouno a vivir unha emocionante aventura.

miércoles, 16 de enero de 2013

¿AMÉNDOA, ABELÁ OU NOZ?

¿Que froito seco escolles?... pero non basta con dicir o nome, hai que adiviñar cal é cos ollos pechados. Podémolo tocar coas dúas mans. Sabemos que a abelá é pequerrechiña e redonda. A noz tamén pero máis grande. A améndoa é a máis doada de recoñecer, das tres é a única ovalada e que remata en punta nun dos seus lados…
Aínda que empregamos case todos os froitos secos que tíñamos na torta que cociñamos o venres, sobráronnos algúns para xogar á vez que desenvolvemos o noso sentido do tacto. Paula deixounos a súa bolsiña da merenda, introducimos as noces, as abelás e as améndoas que nos quedaron e… ¿cal vas sacar?...