Mostrando entradas con la etiqueta Educación documental. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Educación documental. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de marzo de 2022

LIBROS DE EXIPTO

Na nosa biblioteca escolar temos unha chea de libros de literatura infantil pero tamén moitos fondos onde buscar diversa información. Hoxe aproveitamos a nosa visita á biblioteca escolar para ver onde están situados os libros de Exipto. Comprobamos que todos teñen pegatina branca e o número 9 porque tratan de xeografía e historia.

jueves, 12 de noviembre de 2020

LIBROS DE INSECTOS

O luns na biblioteca escolar estivemos vendo libros de insectos. No día seguinte descubrimos que na biblioteca de aula tamén temos exemplares desta temática. Todos teñen unha pegatina verde e o número 59 porque tratan de animais. Deste xeito os meniños van aprendendo como están organizados os libros.



martes, 27 de octubre de 2020

O SAMAÍN NA BIBLIOTECA

 

Como xa todos sabedes, este venres celebraremos a nosa particular festa de Samaín na aula. Será diferente á doutros anos pois teremos que respectar todas as medidas sanitarias, pero non por iso menos divertida. Para ir quentando motores, Zapatocas, a mascota da biblioteca, preparounos un recuncho de lecturas relacionadas con esta festividade. Paseniño iremos léndoos e collendo ideas para pasalo de medo.


Comezamos co divertido conto Corre, corre cabaciña. Ademais de gozar coa súa lectura, traballamos a educación documental e vimos que ten o número 8 e a cor amarela porque é un conto. 

Para os que non o coñezades, a continuación vos deixamos a súa versión en vídeo. 

miércoles, 21 de octubre de 2020

LIBROS DE ARAÑAS

 

No recuncho que nos preparou Zapatocas na bibliotecas temos moitos libros que tratan de arañas. O luns, na nosa visita semanal á biblioteca, estivemos véndoos e reflexionado cos meniños sobre o seu contido. Algúns son contos, cos que nos divertimos e teñen unha pegatina amarela e o número 8. Pero outros, son libros de consulta que serven ademais para buscar información. Nestes últimos, a cor da súa pegatina é verde porque tratan da natureza e o número 59 porque falan de animais.

lunes, 14 de octubre de 2019

A LÚA E OS LOBOS

No contiño Quen levou a lúa?  ao redor do que traballamos a semana pasada na biblioteca, limos que os lobos ouvean á lúa chea. Non sabemos se será verdade pero imos investigar e intentar aprender cousiñas deste impresionante animal.
Paralelamente estamos traballando a educación documental para comprender como está organizada a nosa biblioteca escolar. Cada semana facemos actividades cos libros que lemos para saber onde están colocados e como temos que facer para acceder á información que buscamos.
Para que dende a casa tamén coñezades cómo está organizada, a continuación vos deixamos a nosa guía de usuarios que hoxe levaron os alumnos novos e os veteranos o curso pasado.

domingo, 7 de abril de 2019

BOTERO NA BIBLIOTECA


Nas últimas semanas, dedicamos a nosa visita á biblioteca a ver os libros que temos do artista Fernando Botero e como temos que facer para localizalos. Consultamos a CDU e comprobamos que teñen a pegatina rosa e o número 75 porque tratan de pintura.

sábado, 16 de marzo de 2019

OS AVÓS E A FORMACIÓN DE USUARIOS

Alá polo mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, convocou o concurso “Xogando coa CDU” coa finalidade de potenciar a formación de usuarios da biblioteca escolar. A nosa escola quixo participar no certame e deseñou unha batería de actividades para traballar a educación documental cos máis pequenos. Non figuramos entre os gañadores, pero os materiais elaborados estannos a servir para que os meniños aprendan a localizar os exemplares nos andeis á vez que gozan coa lectura dos libros. Esta semana, aproveitando a temática do caderno viaxeiro dos superavós, limos e traballamos ao redor do conto “A avoa de Rosa”.

domingo, 11 de noviembre de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS DA BILIOTECA

Na nosa biblioteca os exemplares de literatura están ordenados por editoriais, deste xeito, aínda que os rapaces non saiban ler, poden recoñecer a editorial polo seu logotipo e volver a colocar o libro no seu lugar correspondente. Conforme imos rematando de ler os contos da guía de lectura para valentes que publicamos co gallo do día das bibliotecas, temos que aprender a devolver os exemplares ao seu andel. Para facilitar está habilidade, deseñamos unha serie de actividades baseadas nunha adaptación do cartel da CDU ilustrada por Óscar Villán que sistematicamente iremos traballando ao longo do curso.

domingo, 28 de octubre de 2018

CDU ILUSTRADA


Na nosa biblioteca os libros clasifícanse polas materias das que tratan seguindo a clasificación decimal universal (CDU). Así, a cada materia correspóndelle unha cor e un número dende o 0 ata o 9. O luns pasado comezamos a traballar cos meniños coa versión ilustrada por Óscar Villán. Paseniño iremos facendo actividades para que aprendan a manexarse con soltura na nosa biblioteca e desenvolvan habilidades como usuarios

martes, 24 de abril de 2018

DÍA DO LIBRO

Onte, para celebrar o día do libro, a ANPA da escola trouxo unha preciosa caixa de contos para a biblioteca escolar e plantiñas para todos. ¡Moitas grazas por este bonito agasallo!
Dende a biblioteca escolar tamén o conmemoramos editando unha guía de usuarios para dala a coñecer entre a comunidade educativa. Nela inclúese unhas nocións básicas sobre a súa organización con códigos de números e cores.

Este sistema de clasificación se denomina Clasificación Decimal Universal (CDU) e axúdanos a atopar con facilidade os libros que buscamos. Cos meniños fomos lendo e coloreando os códigos. Despois xogamos a atopar as materias nos andeis e, coa axuda da guía, as maiores rapidamente localizaban os libros.

lunes, 22 de enero de 2018

ZAPATOCAS E OS ARROASES


Hoxe Zapatocas tíñanos preparada unha sorpresa na biblioteca. Xunto cos seus amigos Os Arroases montara un recuncho sobre o mar. Ademais de libros e contos, había un gran cofre con cunchas, folletos, peixes, trípticos e material do máis diverso. Tamén atopamos unha carta da nosa mascota na que nos pedía axuda para atopar un libro. Mediante pistas que nos axudaron a reflexionar sobre como están organizados os fondos da biblioteca, conseguimos encontrar o exemplar entre todos. 

jueves, 10 de marzo de 2016

SALÓN DO LIBRO 2016

Baixo o lema ¡Canta bichería!, do 1 ao 23 de abril se celebrará en Pontevedra o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Todo tipo de animais terán cabida nesta edición pero no noso centro os protagonistas serán os bichiños da nosa ría: moluscos, peixes, crustáceos, cefalópodos, aves … Cada clase vai realizar un traballiño ao redor deles que plasmará nun par de folliñas que irán a formar parte dun libriño co que participaremos neste evento.
Na nosa aula decidimos contribuír facendo unha das actividades que máis nos gusta: cociñar. Pero primeiro tíñamos que buscar receitas que se adaptaran aos nosos intereses.
 O mellor sitio para facelo é a biblioteca escolar. Fomos á zona documental e descubrimos que os libros que tratan de alimentos teñen a pegatina azul e o número 64. Despois de moito consultar, xa temos feita a selección de libros pero iso volo contaremos noutra entrada.

viernes, 19 de febrero de 2016

LIBROS DE GOYA


Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, este curso imos coñecer ao pintor español Francisco de Goya. Esta semana, na nosa visita á biblioteca escolar, descubrimos que Zapatocas tíñanos preparado un recuncho cheo de libros onde puidemos ver moitas das obras deste autor. Aos cativos gustoulle especialmente contemplar os xogos cos que xa enredaramos na escola: “A pita cega”, “O pelele” e “Os zancos”. 

Nos vindeiros meses continuaremos traballando ao redor deste artista e precisamos saber onde están os exemplares que hai na biblioteca. O luns vimos que temos que ir á zona de consulta e buscar nos libros de arte que son os que teñen a cor rosa e o número 75.

lunes, 18 de enero de 2016

LIBROS DE CANARIAS

Tan importante como ter información é saber como acceder a ela. Con este obxectivo con cada proxecto traballamos a educación documental ensinando aos cativos onde e como están organizados os libros.
Hoxe comprobamos que o libro que nos deixou Zapatocas sobre Canarias ten a pegatina branca co número 9 porque está situado cos exemplares que tratan de diversos lugares do mundo. Nese mesmo andel atopamos o que traballamos o mes pasado de Andalucía, outro de Madrid e incluso de sitios que cústanos pronunciar.

miércoles, 21 de octubre de 2015

¿ONDE ESTÁN OS CONTOS DA BRUXA BRUNILDA?


Na nosa visita anterior á biblioteca escolar vimos que os libros de bruxas teñen pegatina amarela porque son contos e están na zona de literatura infantil.

O luns continuamos reflexionando sobre a organización deste espazo e vimos que todos os contos da bruxa Brunilda teñen o anagrama da editorial Blume, por iso están situados no andel que ten o seu símbolo. Deste xeito, aínda que os rapaces non saiban ler, poden colocar o libro no seu lugar correspondente ao recoñecer o anagrama.

lunes, 5 de octubre de 2015

CONTOS DE BRUXAS

Hoxe, Zapatocas tíñanos preparada unha sorpresa na biblioteca escolar: ¡un recuncho cheo de contos de bruxas!. A nosa mascota sabe que este ano a festa do Samaín da escola vai estar dedicada as meigas e quere axudarnos cos preparativos. Ata ese día estes personaxes fantásticos inundarán as nosas aulas para, como todos os anos, xogando con medo intentemos superalo.

Polo pronto comezamos traballando a educación documental e vimos que todos os exemplares tiñan a pegatina amarela e o número 8 porque son contos e están situados na zona de literatura infantil.