Mostrando entradas con la etiqueta As escolas da milla. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta As escolas da milla. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de junio de 2022

BO CAMIÑO PEREGRINO!

O luns, cun día de sol espectacular e cargados de ilusión, realizamos a nosa andaina anual pola Variante Espiritual do Camiño de Santiago. No transcurso da xornada atopamos moitos peregrinos aos que saudamos e, como manda a tradición, desexamos Bo Camiño!.


Foi unha mañá chea de descubrimentos e pequenos tesouros.

Vimos figueiras, loureiros, abeleiras, vides, kiwis … ata canas de bambú.

O croar das ras acompañounos durante todo o camiño ao igual que o cantar dos paxariños.

Ao chegar á praia fluvial, descansamos e enredamos coa area e as flores.



E expresamos tan enriquecedoras vivencias a través de debuxos.

Despois merendamos para recuperar forzas e continuamos co percorrido.

Entre xogos en cancións, chegamos pronto ao final do traxecto e sobrounos tempo para cruzar a ponte e brincar na praia á sombra da marxe esquerda do río. Alí vimos multitude de zapateiros na auga e peixiños.


E nada mellor que rematar a xornada que lendo contiños rodeados de natureza.

miércoles, 28 de abril de 2021

ÁRBORES FROITEIRAS

 

Cada día que camiñamos aproveitamos a andaina para descubrir ou gozar das sorpresas que a natureza nos ofrece. Esta semana dedicámola a observar os cambios que a primavera realizou nas árbores froiteiras da horta da escola. Paseniño imos lembrando os nomes que aprendemos coa mestra Ana na aula de natureza e vendo como se van formando os froitos a partir das flores.

sábado, 17 de octubre de 2020

CHOIVA DE FOLLAS

As nosas andainas diarias están cheas de pequenas sorpresas que os cambios da natureza nos ofrece. Unha das nosas favoritas nestes fermosos días de outono é a choiva de follas das árbores.


miércoles, 30 de septiembre de 2020

ANDAINAS

Como en anos anteriores, para evitar o sedentarismo e adquirir hábitos saudables, cada día saímos a camiñar pola contorna escolar. Facemos un percorrido de aproximadamente un quilometro que aumentamos ou diminuímos dependendo do cansazo dos nenos e a climatoloxía. Con estas andainas, ademais de previr a obesidade infantil,  aproveitamos para observar a natureza e descubrir os pequenos tesouros que nos ofrece.

lunes, 23 de septiembre de 2019

TESOUROS DE OUTONO


Coa chegada do outono son moitos os froitos que a natureza nos ofrece. Figos, abelás, landras, castañas … cada día, nas nosas andainas descubrimos pequenos tesouros que levamos ao aula e aproveitamos para diversas actividades. Esta é unha das moitas avantaxes dunha escola rural coma a nosa. A semana pasada empregamos landras para contar e abelás para xogar a “Rabo de boi”. Hoxe tocoulle quenda as castañas e foron moitas as que apañamos. Nos vindeiros días repartirémolas e os meniños poderán degustalas na casa ou gardalas para o Magosto.

miércoles, 18 de septiembre de 2019

COMEZAMOS COAS ANDAINAS

Un ano máis, imos a sumarnos á idea das escolas da milla coa nosa propia versión adaptada as idades dos nosos alumnos. Co obxectivo de evitar o sedentarismo, cada día sairemos a camiñar pola contorna escolar ata sistematizar un quilómetro diario. Deste xeito, ademais de evitar a tan prexudicial obesidade infantil, serviranos de adestramento para a final de curso facer o anaquiño do Camiño de Santiago que pasa pola nosa localidade.

lunes, 27 de mayo de 2019

O CAMIÑO DE SANTIAGO 2019

Por fin deu chegado o día, despois de todo un curso adestrando para estar en forma, hoxe por fin fixemos o anaquiño do Camiño que pasa pola nosa localidade. A verdade é que percorrémolo tan ben e rápido, que xa nos estamos pensando ampliar o itinerario para o vindeiro ano.
Ademais de gozar coa andaina, observamos animais e plantas, falamos cos peregrinos que nos atopamos, pintamos ao aire libre, merendamos e, sobre todo, xogamos e rimos. Mirade nas fotos que ben o pasamos.















domingo, 26 de mayo de 2019

PREPARADOS, LISTOS…


Esta semana realizamos as últimas andainas  para estar en forma e poder facer mañá sen cansarnos unha  pequena etapa da chamada Variante Espiritual do Camiño Portugués. Lembrade que partiremos as 9:00 da Ponte de Cabanelas en fronte do club náutico de piragüismo “o Muíño". Non esquezades poñer aos meniños calzado e roupa cómoda para camiñar e mandádelle bocadillo e botella de auga nunha bolsa co nome posto.

domingo, 14 de octubre de 2018

O CASTIÑEIRO DA ESCOLA


Unha das grandes avantaxes dunha escola rural como a nosa é a posibilidade de estar en contacto diario coa natureza e descubrir os tesouros que nos ofrece. A principios de curso foi a abeleira a que nos regalou os seus froitos. Estes días, na nosa andaina diaria, é o castiñeiro o que nos ofrece a súa colleita. Cada mañá, con moito coidadiño para non picarnos cos ourizos, apañamos as castañas que atopamos, ao chegar a clase contámolas e xuntámolas nunha caixiña para, cando teñamos dabondo para todos, repartilas.

domingo, 23 de septiembre de 2018

COMEZAMOS COAS ANDAINAS

Un ano máis, co obxectivo de combater o sedentarismo entre os máis pequenos e potenciar as actividades ao aire libre, cada día imos camiñar ao redor da escola. Deste xeito, ademais de adquirir hábitos saudables, unímonos ao reto das escolas da milla, desenvolvemos unha maior resistencia e aprendemos a desprazarnos en orde cando imos en grupo.

jueves, 28 de junio de 2018

FACENDO O CAMIÑO…

Despois de todo un curso camiñando para estar en forma, o luns da semana pasada por fin chegou o gran día e emprendemos andaina dende Ponte de Cabanelas. Paseniño fomos percorrendo a ruta, observando a fauna e a flora, saudando aos peregrinos, identificando sons e, sobre todo, gozando da natureza. Na paria fluvial paramos a descansar, pintar e xogar, merendamos, recuperamos folgos e continuamos ata Pontearnelas. Grazas a todos os que colaboraron para poder levar a cabo esta actividade, en especial ás familias e as mestras María, Ana, Anabel e Olalla de educación física.