A mediados de mes, Os bolechas e Novagalicia Banco puxeron en marcha o concurso escolar “Debuxa o teu cole”. O día
que comezou a convocatoria a mamá de Rita avisounos, limos as bases e afirmaban
que soamente por inscribirnos recibiremos como regalo un lote de cadernos de
actividades de Os Bolechas. Non dubidamos en anotarnos e durante estes días cada
cativo realizou o seu debuxo, a ver que vos parecen … seguro que atopades o
voso...
viernes, 29 de noviembre de 2013
miércoles, 27 de noviembre de 2013
DICCIONARIO DA CONVIVENCIA
O
curso pasado, o noso centro, participou na proposta educativa “Convivimos” da Fundación Meniños coa que se pretende fomentar a convivencia baseada no respecto á
diversidade. Tratábase de elaborar entre todos os colexios participantes o “Dicionario da convivencia”. Nel recóllense palabras
que axudan á construción de valores e as actividades realizadas ao redor delas.
A nosa aula escolleu a palabra bicos e hoxe
levamos para casa un caderno dos Bolechas que nos deron como agasallo por
participar na proposta. Tamén recibimos algúns exemplares do “Dicionario” editado, onde
vimos as fotos dos traballos que fixeron os nenos doutras escolas pero, como
non hai para todos, quedaron nas bibliotecas das aulas.
martes, 26 de noviembre de 2013
EDICIÓNS EMBORA E ANTÓN CORTIZAS
Na biblioteca escolar
continuamos co noso traballo ao redor do escritor Antón Cortizas. Onte, a
nosa visita semanal, dedicámola a ver os contos que este autor ten publicado
con Edicións Embora e a localizar
onde están situados. Na escola temos tres. Como non nos daba tempo de lelos todos, botamos a sortes por cal comezabamos
empregando a cantinela que Pablo trouxo ese día no caderno viaxeiro. Tocoulle primeiro
a “Vestida co arco da vella”
e despois a “Sopra neste furadiño”, este último foi o que máis nos gustou, iso de poder soprar en
cada páxina ten algo de máxico. “Contín,contón” queda pendente para a nosa seguinte visita á biblioteca, xa vos
contaremos.
lunes, 25 de noviembre de 2013
¿QUEN PANDA?
Fai un par de semanas
que o caderno de xogos para botar sortes empezou a viaxar polos fogares dos cativos. Son
varios os recitados para rifar que aprendemos coa axuda das familias e xa
estamos familiarizados coa dinámica a seguir neste tipo de xogos.
Nos vindeiros
días o noso caderno viaxeiro continuará a súa andaina e, na escola, seguiremos
traballando ao redor das cantinelas recompiladas nas casas. Nesta entrada
iremos engadindo todas as que vaian chegando.
sábado, 23 de noviembre de 2013
jueves, 21 de noviembre de 2013
TIFÓN EN FILIPINAS
O martes foi
Gabriel quen trouxo o xornal coa noticia que eliximos para traballar esta semana. Contounos que o meniño
que aparecía na fotografía da portada pedía axuda. Comentamos en grupo o que
sucedera en Filipinas, buscamos na biblioteca libros que explicaran que é un
tifón, un furacán, un tsunami e cales son
as súas consecuencias. Limos de novo a noticia, fixemos un listado coas necesidades
máis urxentes e vimos que se pode facer para axudar. Como non sabíamos onde
estaba Filipinas buscamos no mapa, localizamos Xapón e, un pouquiño máis abaixo,
os maiores atoparon o grupo de illas que a forman.
miércoles, 20 de noviembre de 2013
ANTÓN CORTIZAS E OS XOGOS DE RODA
Onte,
aínda que cando chegamos á escola facía moito frío, o sol empezou a quentar e,
a última hora, puidemos facer os nosos xogos dos martes fóra ao sol. Como o luns na biblioteca viramos que na enciclopedia dos xogos populares de Antón Cortizas viñan moitos xogos de roda, decidimos
consultala e escollemos dous: “Miguel, Miguel”
e “As abelliñas de San Miguel”. O primeiro gustounos porque cada vez o facíamos
máis rápido e co segundo escachamos coa risa.
martes, 19 de noviembre de 2013
DEZ SEMENTES DE CALACÚ
Hoxe por fin puidemos
levar para casa as pebidas que lle quitaramos á cabaza que baleiramos en clase. Tivemos que esperar ata que estiveron ben sequiñas para poder
manipulas e gardalas sen que se puxeran podres. Decidiramos levar 10 cada un para que houbera para todos. Parece doado
contar ata 10 pero non o é tanto cando somos pequerrechiños. Hai que saberse a “cantinela”
sen confundirse; contar todas e cada unha das sementes unha e soamente unha
vez, non vale contar unha dúas veces, nin podemos deixar ningunha atrás; lembrarse
de parar ao chegar ao 10 e metelas no sobre que preparamos co noso nome… para
os maiores era sinxelo pero os máis
cativos non o tiveron tan doado. Despois de tanto esforzo ben se merecen que
cando chegue o momento axudémoslle a sementalas e teñamos cabazas dabondo para
o Samaín 2014.
lunes, 18 de noviembre de 2013
ANTÓN CORTIZAS E OS XOGOS TRADICIONAIS
Como xa todos sabedes,
o mes de novembro dedicámolo á tradición oral. Este curso ímonos basear no
autor Antón Cortizas para recuperar moitos deses xogos e enredos nos que é tan rica a
cultura galega. O luns pasado, na nosa visita semanal á biblioteca escolar,
vimos os libros-xoguetes
que este autor ten publicado coa editorial Tambre e cos que tanto nos gusta
enredar cos dediños. Hoxe aproveitamos para coñecer as súas enciclopedias de xogos tradicionais, nelas limos moitos recitados de botar sortes e vimos como
facer xoguetes con obxectos da natureza. Nas vindeiras semanas seguiremos
consultándoas, seguro que atopamos infinidade de brinquedos.
domingo, 17 de noviembre de 2013
HAIKUS
Os haikus
son poemas breves de tres versos orixinarios da cultura xaponesa que invitan a
gozar da natureza. Os nenos do aula de Ribadumia B teñen na súa biblioteca de aula un precioso libriño de
haikus, “Al corro de las palabras”, que nos deixaron durante uns días para traballar en
clase. Xa memorizamos e ilustramos un par deles, a ver se nos vindeiros días
atopamos máis libriños de haikus para cativos e seguimos gozando desta forma de
poesía tradicional xaponesa.
sábado, 16 de noviembre de 2013
viernes, 15 de noviembre de 2013
A FLOR DO CRISANTEMO
Entre
outubro e novembro a flor do crisantemo
alcanza o seu máximo esplendor. Adrián tróuxonolas de cor amarelo fai unhas semanas para enriquecer o noso recuncho de Xapón, xa que a este país se lle
coñece como o Imperio do Crisantemo. Pasados os días as flores murcharon pero esta semana coa mestra Ana plantámolos
no noso xardín, unha mata de cor branco e outra con matices que van do bronce
ao laranxa.
jueves, 14 de noviembre de 2013
A FESTA DO CABAZO
Unha das cousas que
máis nos gusta da festa do Samaín e baleirar as cabazas e decoralas. Pero o mércores limos na
prensa que son moitos os pratos que se poden preparar con este froito como
principal ingrediente. Na Festa do Cabazo que se celebra esta fin de semana en Carballal (Vigo), poderanse
degustar todos, ademais haberá actuacións musicais, unha exposición sobre o
proceso de cultivo e unha mostra de artesanía. Na escola gardamos as sementes
que lle quitamos ao calacú que nos trouxo a avoíña de María para decorar en
clase, en canto rematen de secar levarémolas para casa a ver se o vindeiro ano
temos todos unha gran colleita e aprendemos a cociñalas.
miércoles, 13 de noviembre de 2013
FÉLIX VIVE CON SAKURA
A semana pasada recibimos
unha nova carta de Félix. Nela cóntanos máis cousiñas da súa vida en Xapón.
Tamén
volven a aparecer os signos como os das latas que nos trouxo Aaron, fala das
cerdeiras e geishas que vimos na revista de Mencía e nas fotocopias de Rita, do
tren bala que observamos nun libro da biblioteca e dos palillos para comer
que case todos miramos nos debuxos da
tele. Nas seguintes semanas traballaremos ao redor de todos estes temas e
intentaremos aprender algunhas cousiñas da cultura nipona.
martes, 12 de noviembre de 2013
AS CARPAS NO ESTANQUE
Cando botamos as carpas no estanque, tiñamos medo de que non se adaptaran ben ao exterior. Despois de
máis dunha quincena no seu novo hábitat, comprobamos que se aclimataron sen
problemas. Aínda que vimos como se alimentan de pequenos insectos que caen na
auga, por se non teñen suficiente, botámoslle de comer a diario e gústanos observalas
mentres comen.
lunes, 11 de noviembre de 2013
GUÍA DE LECTURAS DE DRAGÓNS
Coa festa do Samaín dimos por rematado o noso traballo ao redor dos libros de
dragóns. Agora xa podemos levar para casa o noso conto de dragóns favorito.
Para que todos teñades unha pequena recompilación dos fondos que hai na biblioteca
relacionados co tema, aquí vos deixamos a seguinte guía de lecturas.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)