Mostrando entradas con la etiqueta Xapón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xapón. Mostrar todas las entradas

martes, 22 de abril de 2014

ARQUITECTOS DO FUTURO

Dende que vimos no xornal as construcións que fai o arquitecto xaponés Shigeru Ban con tubos de papel, decidimos imitalo ao noso xeito particular. Agora con facilidade creamos casas, torres, pazos, pontes… cos tubos do papel hixiénico como materia prima e a nosa imaxinación como recurso. Tal vez dentro duns anos sexan estes nenos os que reciban o premio Pritzker.

domingo, 30 de marzo de 2014

CASAS DE TUBOS DE PAPEL

Vímolas esta semana no diario ABC do día 25. Ao seu creador, o arquitecto Shigeru Ban, concedéronlle o premio Premio Pritzker 2014 de arquitectura, co que destacaron o seu o labor humanitaria no deseño e construción de refuxios dignos e de baixo custo en zonas afectadas por desastres. Despois buscamos máis información en internet e descubrimos que tamén ten creado pontes, igrexas, escolas, cadeiras, bibliotecas… co mesmo material.


miércoles, 12 de marzo de 2014

GUÍA DE LECTURAS DE XAPÓN

Esta semana daremos por rematado o noso proxecto “Félix en Xapón”,  pero non sen antes publicar unha pequena recompilación de aqueles libros que por algún motivo foron importantes á hora de desenvolver o noso traballo.

 O luns, cando levamos para casa a guía en formato papel, estivemos elixindo o noso favorito: Yoko, Un hipopótamo na bañeira, Al corro de las palabras, marionetas de origami… Aínda que algún non se conformaba con elixir soamente un, case todos tiñan claro cal era o seu preferido. ¿Quen se anima a enviar un comentario contándonos que libro desta guía é o que máis lle gusta e por que, ou que outro nos recomendaría sobre Xapón?.

lunes, 10 de marzo de 2014

ADIVIÑA ADIVIÑANZA…

Atopámola no libro “La vuelta al mundo en 180 adivinanzas”, na páxina dedica a Xapón. Nunha preciosa ilustración da festa das cerdeiras veñen adiviñas en tarxetas, en ventaíñas e na roda xiratoria. Hoxe a mañá acertámolas case todas e seguro que vos na casa xa sabedes cal é solución que se agocha detrás da portiña, agora soamente vos queda mandar un comentario coa resposta.

martes, 4 de marzo de 2014

ENTROIDO 2014

O pasado venres celebramos na nosa escola a festa de Carnaval con Xapón como tema central. Pensabamos disfrazarnos ao chegar e facer o noso tradicional desfile pola aldea acompañados das familias pero o mal tempo non nolo permitiu. Coma sempre temos unha alternativa por se chove, optamos por desenvolver diversos obradoiros ata a hora da merenda e confiar en que a choiva parara. 
O sol non quixo saír pero nós gozamos igual comendo a infinidade de filloas, orellas, biscoitos, galletas e doces que con tanto agarimo prepararon nos fogares dos cativos. Ao rematar empezamos a maquillarnos e colocarnos os quimonos para transformámonos en emperadores e bandeiras de Xapón, carpas Koi e ata en ricos pratos de sushi. 
En canto a choiva parou dimos unha pequena voltiña ao redor do colexio e rematamos a xornada bailando todos xuntos. A modo de resumo, a continuación vos deixamos unha pequena presentación coas fotos mais significativas, se queredes ver máis podedes visitar a galería de imaxes do colexio clicando directamente aquí.

jueves, 27 de febrero de 2014

O RATO XAPONÉS

Este é o título da pegadiza canción que estivemos escoitando e bailando hoxe na escola. 
As mestras do CRA de Bergondo tamén desenvolveron un proxecto ao redor de Xapón e ademais desta simpática canción que copiamos do blogue de música, no da biblioteca atopamos o conto da princesa Sukimuki que vos deixamos a continuación.

jueves, 20 de febrero de 2014

A NOSA EXPOSICIÓN DA CAMELIA

Brancas, vermellas, rosa claro, rosa escuro, fucsia, de dúas cores, con moitos pétalos, con poucos, cos estames á vista, con eles agochados, pechadas, abertas… ¡cantas clases de camelias!.
Unha vez máis queremos agradecer ás familias a súa colaboración, grazas a elas onte tivemos flores dabondo e puidemos observalas, tocalas, cheiralas, escollelas, colocalas, organizalas e, por último, debuxalas.

martes, 18 de febrero de 2014

A CAMELIA

Dende que Mencía nos trouxera unha flor de camelia para o noso recuncho de Xapón, estabamos a esperar que floreceran as do noso xardín para traballar ao redor delas. Cando o fixeron, os interminables días de choiva non nos deixaron saír a contemplalas. Durante estas semanas vimos no xornal varias noticias que tiñan a camelia como protagonista e son múltiples as exposicións que se organizan en diversas localidades. Hoxe, aproveitando a tregua que por fin nos deu o mal tempo, puidemos saír a velas, aínda que estaban moi estragadas pola choiva. En clase tamén queremos facer a nosa particular exposición da camelia para observar as súas cores e formas. Se o tempo o permite, mañá podedes traer á escola as variedades de camelias que logredes conseguir, a ver que tal nos queda.

lunes, 17 de febrero de 2014

TOKIO

Este é o título do conto que limos a semana pasada na biblioteca escolar. Con el descubrimos algunhas cousas curiosas de Tokio, como que hai moitos corvos, que regalan panos de man de papel con publicidade ou que as casas son moi caras. Pero o que máis nos chamou a atención deste libro foi o nome da editorial que o publica: media vaca. 
Na nosa biblioteca non temos ningún andel co seu anagrama porque unicamente temos este volumen. Os contos de todas aquelas editoriais das que soamente adquirimos un ou dous exemplares están xuntos nun estante que aproveitamos para coñecer.


Neste andel atopamos o libro “Margarita”, o poema de Rubén Dario que tanto nos gusta e que limos fai un par de semanas. A continuación vos deixamos a súa versión en curtametraxe, veredes que bonito.

domingo, 16 de febrero de 2014

GATIÑOS

E despois do can veu o gato. Paseniño imos collendo xeito coa papiroflexia. No libriño  “Marionetas de origami” que anda visitando fogares nunha das mochilas viaxeiras, vimos como facer dende un coello ata un porquiño. A ver se esta semana somos capaces de facer algún máis.
Por se queredes facelo na casa, a continuación vos deixamos un vídeo explicativo.

viernes, 14 de febrero de 2014

YOKO

Este é o nome da gatiña xaponesa protagonista dun conto que temos na biblioteca.  Nel observamos como leva á escola o seu almorzo nunha caixiña con compartimentos chamada bento. Xa o viramos en varios libros que temos de Xapón pero, o día que limos “Yoko", comprobamos no encerado dixital como hai xaponeses que crean auténticas obras de arte, podedes comprobalo premendo aquí, seguro que vos entran ganas de preparar un. 
Este conto tamén nos axudou a lembrar que as páxinas dos libros se enumeran e a recoñecer os anagramas de diferentes editoriais para localizalar os libros dentro da biblioteca. Agora xa sabemos onde buscar se queremos levar este contiño para casa.

martes, 11 de febrero de 2014

CANCIÑOS

¡Como nos gusta crear figuras de papel!... dende que descubrimos esta arte xaponesa xa fixemos unha grúa, un sombreiro, un barco, un vaso… e hoxe tocoulle quenda ao can que vos propuxemos a semana pasada. Empregando os papeis das fotocopias que saen mal, un rotulador dos que xa non pinta, un adhesivo e ceras de cores, mirade que monicreques simpáticos construímos.

lunes, 10 de febrero de 2014

PREPARANDO O ENTROIDO 2014

O vindeiro día 28 celebraremos no noso centro a festa de Carnaval co Xapón como tema central. Dende que Félix nos contara nunha das súas cartas que Sakura quería facer un disfrace de gueixa e viramos como eran os seus traxes, todos tíñamos ganas de vestir un quimono. Agora  que se aproxima a festa chegou o momento de comezar a traballar ao redor del. Imos ir disfrazados de emperadores de Xapón e nas vindeiras semanas concretaremos o noso traxe, pero primeiro imos investigar un pouquiño ao redor da familia imperial nipona. Se na casa tedes contos, enciclopedias, fotos, catálogos de disfraces, xoguetes ou calquera outro material que pensedes nos pode axudar a confeccionar o noso disfrace, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

jueves, 6 de febrero de 2014

ORIGAMI

O pasado luns dedicamos a nosa visita semanal á biblioteca a coñecer onde están colocados os libros que tratan desta arte xaponesa que, sen empregar pegamento nin tesoiras, crea figuras baseándose unicamente no pregado ou dobrado do papel.
 Gustáronnos tanto as creacións que vimos nos libros que decidimos continuar coa temática. Nos vindeiros días intentaremos facer algúns dos modelos que vimos, a ver que tal nos saen.  Para os que desexen beneficiarse das vantaxes da arte do origami e practicar tamén dende casa, a continuación lles deixamos un video como suxerencia para unha nova fin de semana cargada de choiva.




miércoles, 5 de febrero de 2014

ROLIÑOS DE XAMÓN E QUEIXO

No noso obradoiro de cociña do venres quixemos experimentar coa comida xaponesa. Como non somos capaces de elaborar sushi, intentamos imitalo facendo roliños de xamón cocido e queixo. Á hora de comelos, non podíamos deixar pasar a oportunidade de intentar empregar os palillos. É máis complicado do que parece pero fixemos o que puidemos.

sábado, 1 de febrero de 2014

UN HIPOPÓTAMO NA BAÑEIRA!

Neste álbum ilustrado acompañamos a un neno xaponés no seu momento do baño diario. Cando se vai introducir na bañeira, comeza a súa aventura cunha tartaruga, dous pingüíns, unha foca e ata unha balea. 
Pero este libro, ademais de facernos rir, axudounos a descubrir que os baños en Xapón son diferentes. As bañeiras teñen tapas para manter a auga quente o maior tempo posible e todos os membros da familia báñanse na mesma auga. Para que a auga se manteña limpa, lávanse co xabón e dúchanse antes de meterse na auga. Todo isto lémolo no epílogo que ven ao final do conto “Un hipopótamo na bañeira” que nos deixaron na Biblioteca Publica Municipal de Meis. As súas autoras son dúas xaponesas de recoñecido prestixio en Xapón e foi traducido ao galego por Suevia Sobral, a ilustradora do libro “O meu marabilloso sombreiro” que tanto nos gusta.

jueves, 30 de enero de 2014

FELIZ DÍA DA PAZ

Por fin chegou o momento de levar as grúas cos nosos desexos de paz para casa. Para non esquecer as cores que elixiron ós nosos amigos, fixemos un listado cos nomes e anaquiños do papel escollido. Cada un, cortámolo en 14 cachiños, para que todos puideramos ter todas as cores, e gardámolos nunha caixiña. Hoxe fixemos rexistros individualizados coas cores das grúas da paz elixidas polos nosos amigos e, aínda que para algunhas tonalidades era complicado, cando comprobabamos o matiz no listado resultaba doado.




martes, 28 de enero de 2014

PREPARANDO O DÍA DA PAZ

¡Que difícil é facer grúas de papel!... comezamos a semana elixindo a cor. Cada cativo escolleu a que máis lle gustaba, cunha única condición, non se podía repetir, canta máis variedade mellor, xa sabedes que as diferenzas enriquecen. Para decidir as quendas, empregamos os xogos de botar sortes que aprendemos o trimestre pasado e, un a un, fomos seleccionando: vermello, azul claro, azul mariño, rosa chicle… ¡como nos gusta ese nome!.
Despois, por parellas, transformamos o folio nun cadrado e, con axuda da mestra, dobramos unha chea de veces o papel ata convertelo en grúa da paz. Xa están case todas feitas pero se vos animades a realizar máis na casa, vos deixamos un vídeo co proceso, a ver se chegamos ás 1000 e conseguimos que escoiten os nosos desexos de paz.



viernes, 24 de enero de 2014

FÉLIX E AS GRÚAS DA PAZ

Esta semana recibimos unha nova carta da nosa lebre viaxeira. Ela serviunos de punto de partida para coñecer  a historia de Sadako Sasaki e reflexionar sobre as consecuencias da guerra. Sadako vivía en Hiroshima e tiña dous anos cando lanzaron a  bomba atómica. Nove anos despois, enfermou de leucemia como consecuencia da radiación recibida. 
Mentres estaba no hospital unha amiga contoulle a lenda das grúas de papel: aquela persoa que fora capaz de facer 1.000 conseguiría que o seu desexo se fixera realidade. Sadako comezou a crear grúas pero pensou que no sería xusto pedir a curación soamente para ela e pediu que o esforzo que ía facer servira para traer a paz. Lamentablemente morreu despois de facer 644, pero os seus amigos continuaron a súa misión e completaron as mil grúas coa esperanza de que se evitaran as guerras no futuro. No Parque da Paz de Hiroshima realizaron unha estatua dela cunha grúa na súa man. Cada ano chegan grúas de papel de todo o mundo coa esperanza de que leven os seus desexos de paz. Na nosa aula tamén queremos render unha pequena homenaxe a Sadako e comezamos a construír grúas de papel para celebrar o vindeiro xoves o día escolar da paz.