lunes, 12 de diciembre de 2016

O APALPADOR

O Apalpador é un personaxe mítico galego que vive nas devesas do Caurel. Polo Nadal baixa das montañas, entra de noite nos cuartos dos nenos,  pálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalle xoguetes de madeira feitos por el mesmo e unha presa de castañas.
Todos os anos na biblioteca os meniños escríbenlle unha carta na que lle piden algún xoguetiño para á escola. El adoita vir a nosa festa de Nadal, recolle as misivas e intenta atender as peticións e deixar os agasallos nas clases durante as vacacións. Non sempre consigue traer todo o que pedimos pero seguro que o intentará.

lunes, 5 de diciembre de 2016

PREPRANDO A NOSA ACTUACIÓN

O vindeiro día 21 celebraremos o noso tradicional festival de Nadal co que poñeremos fin ao primeiro trimestre. Estes días andamos a preparar todo o necesario. Xa escollemos a panxoliña que imos cantar e agora estamos a confeccionar os traxes. Nos ensaios non sempre saen as cousas como queremos pero o importante é o ben que o pasamos.

domingo, 4 de diciembre de 2016

OS RENOS DE PAPÁ NOEL

No noso obradoiro de cociña continuamos a voltas co Nadal. A semana pasada elaboramos a Papá Noel e o venres tocoulle quenda aos seus renos.

jueves, 1 de diciembre de 2016

SEI AMASAR, SEI PEINERAR...

Nos últimos días a sesión semanal de xogos dedicámola a un tradicional enredo para balancearse. Nel, dous meniños da mesma altura, un fronte a outro e collidos da man, abanean os brazos mentres que recitan a cantinela para no último verso dar dúas voltas sen soltar as mans. Ao principio custoulles collerlle o tranganillo pero agora sáelle a case todos.

martes, 29 de noviembre de 2016

NÓS COMEMOS PEIXE, ¿E TI?

Como todos demostraron a través das fotos que enviaron á escola e que podedes ver na seguinte presentación, os meniños da escola de Leiro comen peixe na casa. ¿E vós, sabedes xa o importante que é incorporar o peixe a vosa alimentación?...Podedes seguir enviando fotografías que en canto poidamos as engadiremos.

lunes, 28 de noviembre de 2016

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O pasado venres rematou o prazo de presentación dos traballos para o XIV concurso de postais de Nadal que convoca O Concello de Ribadumia. Como todos os anos a nosa escola participou na categoría de infantil para optar ao agasallo que entregarán o día 5 ao remate da Cabalgata de Reis. Primeiro  buscamos inspiración vendo postais, libros, imaxes e contos que fan alusión ao Nadal. Despois coa axuda da mestra Ana cada meniño realizou a súa obra. Mirade na seguinte presentación que bonitas quedaron.

Como os debuxos deben levar no reverso os datos persoais, aproveitamos para traballar o nome, a idade e o numero de telefono. A ver se hai sorte e gañamos.

viernes, 25 de noviembre de 2016

PAPÁ NOEL

O Nadal xa chegou ao noso obradoiro de cociña. Hoxe elaboramos un nutritivo e divertido Papá Noel de froitas. Para a semana continuaremos coa mesma temática, xa vos contaremos.

jueves, 24 de noviembre de 2016

TOCA, TOCA ...

Suave, áspero, brando, duro, quente, frío, rugoso, liso … podemos saber moitas cousas dun obxecto sen necesidade de velo, simplemente baseándonos no noso sentido do tacto. A mestra María preparou unha caixiña moi especial para experimentar apoiándonos unicamente no que percibimos coas nosas mans. O luns na biblioteca  intentamos adiviñar que había dentro dela. Unha pedra, unha perruca, un estropallo … Aínda que ao principio os máis pequenos tiñan medo de introducir a man, pronto colléronlle gusto ao tema. 

martes, 22 de noviembre de 2016

NA HORA DE LER… ¡CONTOS DE NADAL!

O mes de novembro avanza e chega o momento de comezar cos preparativos do Nadal. Para quentar motores nada mellor que a nosa bolsiña de ler cargada de contos que teñen estas festas como protagonista. 

domingo, 20 de noviembre de 2016

PARA SABORES… ¡A FROITA!

Como xa vos comentaramos, esta semana dedicámola ao sentido do gusto.  E como para variedade de sabores naturais nada mellor que a froita, o xoves fixemos a nosa particular merendola no que  este alimento foi o protagonista. Entre todos reunimos mazás, peras, laranxas, mandarinas, kiwis, arándonos, framboesas, freixoas, plátanos, uvas, caquis, pomelo, limóns, limas e fresas. Estivemos  observándoas, cheirándoas, vendo como se chamaban, fixemos un listado no encerado, escribimos etiquetas con cada nome e realizamos unha pequena exposición. Á hora da merenda chegou o momento de degustalas. Probámolas todas. As favoritas as framboesas e os kiwis, as que menos éxito tiveron as freixoas e os caquis.

martes, 15 de noviembre de 2016

ALETAS DE TIBURÓN


Dende principio de curso foron varias as noticias dos xornais que chamaron a nosa atención. Pero sen lugar a dúbidas a que máis interese espertou entre os meniños foi a que tiña como protagonista ós tiburóns. Esta nova ademais de interesarnos polo problema do consumo indiscriminado das aletas de quenlla, serviunos de detonante para ir á biblioteca a buscar información sobre estes impresionantes animais e observar detidamente os que Pablo trouxo para compartir connosco.

lunes, 14 de noviembre de 2016

CON MOITO GUSTO

Na nosa escola continuamos mergullándonos no mundo dos sentidos. Esta semana vai estar dedicada ao gusto. Doce, amargo, salgado e ácido, estes son os sabores que percibimos a través da lingua e que hoxe estivemos identificando a través de diversos alimentos.

viernes, 11 de noviembre de 2016

CARREIRAS DE VASOIRAS



Sen lugar a dubidas as malvadas máis coñecidas dos contos son as bruxas. Nós aproveitamos as súas vasoiras para a nosa sesión semanal de enredos e xogos. 

jueves, 10 de noviembre de 2016

GÚSTAME CANDO MIÑA CASA CHEIRA A…

Xa sabemos que hai olores para todos os gustos. Agora trátase de escoller  ese aroma que preferimos atopar cando chegamos a casa. Para a mestra Ana é o aroma que desprende o pan acabado de facer. Para Ángeles o do sol cando entra polas fiestras abertas. O mestre Alejandro opta pola menta e Marina polo limón. Hoxe os meniños levaron unha folla para cubrir e ilustrar con cadansúa elección, seguro que nos divertimos e enriquecemos expoñendo os traballos e vendo os dos compañeiros.

miércoles, 9 de noviembre de 2016

COLGANTES AROMÁTICOS


Coa mestra Ana na aula de natureza os meniños estiveron descubrindo o cheiro dalgunhas das plantas do xardín da escola. Coas sementes de eucalipto continuamos traballando o sentido do olfacto e creamos colgantes aromáticos para todos. 

martes, 8 de noviembre de 2016

PARA GUSTOS... OLORES

Onte cheiramos e identificamos varios alimentos: pementa, cebola, laranxa, limón, vinagre e chourizo. Hoxe os clasificamos baseándonos en se nos gustaba ou non o aroma que desprendían. Descubrimos que cada persoa ten o seu propio criterio e non sempre valoramos igual.

lunes, 7 de noviembre de 2016

A CIENCIA COS CINCO SENTIDOS

Co obxectivo de contribuír á divulgación científica en galego, en toda a comunidade autónoma novembro é considerado o mes das ciencias nas bibliotecas. Este curso a nosa escola únese a esta iniciativa traballando e experimentando a través dos cinco sentidos. Cada semana estará dedicada a un deles e realizaremos diversos experimentos e actividades. Hoxe a inauguramos mergullándonos no sentido do olfacto a través dos cheiros de diversos alimentos. Foi divertido intentar adiviñar baseándonos soamente no seu olor. Descubrimos que o mal cheiro é o aviso da natureza para no comer algo que podería facernos dano e comprobamos que os olores afectan ao sentido do gusto.

viernes, 4 de noviembre de 2016

MINIPIZZAS MARIÑEIRAS


Graciñas ao programa “O sabor da aventura está no mar” e os seus protagonistas “Os Arroaces”, na aula estamos descubrindo as múltiples avantaxes do consumo de produtos do mar. Pouco a pouco van chegando á escola as fotografías coas que os meniños demostran que comen peixe na casa e coas que imos facer unha exposición e varias actividades. Ao noso obradoiro de cociña tamén chegaron estes nutritivos alimentos para elaborar minipizzas mariñeiras.

jueves, 3 de noviembre de 2016

XOGANDO CON CAROZOS

Esta semana os carozos que sobraron do Magosto do venres foron os protagonistas dos enredos de onte. Comezamos construíndo a torre do conto de Rampunzel e rematamos xogando a encestar para recollelos.

sábado, 29 de octubre de 2016

SAMAÍN 2016

¡Que susto levamos ao chegar e ver un enorme Frankenstein na nosa aula! Pronto descubrimos que se trataba do mestre Alejandro e comezamos cos xogos.
Despois decoramos cartuchos para meter as castañas do noso Magosto e poder levalas para casa. Mentres, no Local social estaban preparándose o mariñeiro Luís e os seus amigos para falarnos das propiedades dos peixes. Trouxeron gorras para todos, unha chega de pegatinas e outras cousiñas que vos entregaremos a vindeira semana. 
Case sen darnos conta chegou a hora de ver a exposición de cabazas e gozar da rica merendola preparada por las familias. Coas forzas recuperadas enfrontámonos co bebedizo da mestra Montse que disfrazada de bruxa fíxonos rir e tremer de medo. 
Cos seus feitizos acabamos todos convertidos en momias e bailando “La momia de colores” baixo as indicación da mestra Olalla. E para rematar, a Banda Municipal de Ribadumia deleitounos coa súa musica. Graciñas a todos os que fixeron posible a festa e en especial aos que asaron as castañas.

jueves, 27 de octubre de 2016

PREPARANDONOS PARA O SAMAÍN 2016

O primeiro facerlle chegar un bico moi grande a María, á súa mamá Helena e, especialmente, á avoíña por, a pesar dos anos transcorridos, seguir lembrándose de nós e traendo eses calacús xigantes cos que tanto gozamos baleirando e decorando. Este curso a nosa cabaza enchémola de colores para  lembrar que mañá temos que vir vestidos dese xeito para a actuación coa mestra Olalla. Non vos esquezades das castañas para O Magosto nin dos cabazos para a exposición.

martes, 25 de octubre de 2016

XOGOS DE MESA

A través dos xogos de mesa son moitas as habilidades matemáticas que adquiren os meniños dun xeito lúdico e divertido. O mércores pasado iniciamos a nosa sesión semanal dedicada a estes enredos xogando á Oca e lembrando cos maiores “O cinquillo”. Trátase dun xogo de cartas no que os naipes repártense entre todos os xogadores, comezando polo cinco imos colocando as cartas en sentido ascendente e descendente e gaña o primeiro que se desencarte. Probade a xogar na casa, ademais de pasar un agradable rato, os pequenos acabaran dominando a serie numérica ata o 12.

lunes, 24 de octubre de 2016

O OGRO

No noso obradoiro de cociña continuamos elaborando e merendando aos malvados dos contos. O venres pasado tocoulle quenda ao “O ogro” do libro “Chibos, chibóns”. Ademais de divertirnos cociñando, a receita serviunos para coñecer e degustar o froito co que fixemos os ollos: as framboesas. Pero á hora de escribir a receita quedounos atrás un ingrediente … ¿Lembrades cal?... ¿Quen se anima a enviarnos un comentario coa resposta?

viernes, 21 de octubre de 2016

OS MALOS NA HORA DE XOGAR

Este curso a nosa sesión semanal dedicada aos xogos tradicionais realizámola os mércores. Os nosos primeiros enredos do ano académico tiveron como protagonistas as abelás con “Rabo de boi” e “Guante, guante”. Agora andamos a voltas cos malos. Baseámonos na canción de Rosa León “Jugando al escondite” e substituímos o lobo polo  personaxe malvado favorito de cada neno. Graciñas a xardineira do concello temos a herba moi cortadiña e da gusto xogar fóra nestes cálidos e solleiros días de outono. 

miércoles, 19 de octubre de 2016

O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR

Para facilitar o coñecemento e consumo dos produtos do mar, o curso pasado desenvolvemos no noso centro o programa: “O sabor da aventura está no mar”. Nesta campaña están incluídas a realización de excusións para que os alumnos poidan coñecer o traballo dos profesionais do mar a través dos diferentes recursos patrimoniais existentes nas localidades litorais, no noso caso: O Grove, onde fomos o luns. 
Comezamos a nosa saída percorrendo Porto de Meloxo, vimos os barcos bateeiros e o labor que realizan, as nasas, as redes e ata un polbo vivo que acababa de ser capturado. Despois fomos ao Centro de  Interpretación da Pesca e da Salga, un curioso e bonito museo que sen lugar a dúbidas recomendamos visitar detidamente en familia. Cunha mañá tan intensa entrounos a fame pero xa os nosos amigos “Os Arroaces” tiñan preparada unha rica merendola mariñeira. Coas forzas recuperadas puxemos rumbo ao Acuario de O Grove  e rematamos a xornada observando e coñecendo curiosidades de peixes, moluscos, crustáceos …  

domingo, 16 de octubre de 2016

ANDANDO, ANDANDO, ANDANDO SEN PARAR…

Baseándonos na idea que promoven “As Escolas da Milla” de fomentar a actividade física animando aos nenos a percorrer unha milla diaria xunto aos seus compañeiros de clase, adaptámola á idade dos nosos alumnos e ao noso contorno e aceptamos o reto que propoñen. Cada día, antes de saír ao patio de recreo, imos camiñar ao redor do colexio e prepararnos fisicamente por se chegamos a facer  O Camiño de Santiago a pé xunto á nosa mascota Zapatocas. Ademais de divertirnos mirade neste enlace cantos beneficios reporta.

jueves, 13 de octubre de 2016

MALVADOS E MALVADAS


O Ogro, O Lobo, O Zampón, A bruxa, A cabra, Os cazadores, “El capitán Garfio”… cada día aumenta o número de malos e malas que imos coñecendo. Xa limos todos os contos que tíñamos na nosa bolsa de lectura e volvemos a enchela con máis que collemos da biblioteca escolar. Ademais de ler as historias, estamos vendo as películas, escoitando cancións, traballamos cos nomes dos personaxes e, a partir deste venres, serán os protagonistas do noso obradoiro de cociña. A continuación vos deixamos un conto musicado de tres malos e unha avoíña que nos encanta. 

martes, 11 de octubre de 2016

A VOLTAS COAS ABELÁS

Como podedes comprobar as protagonistas da semana pasada foron as abelás. Ademais de ver a árbore que a produce, cociñalas e xogar con elas, empregámolas para contar e sumar.

jueves, 6 de octubre de 2016

XOGANDO COAS ABELÁS


Como xa vos contamos en entradas anteriores, coa mestra Ana estivemos recollendo a colleita de abelás da horta da escola. Mañá imos facer unha rica receita con elas pero antes de comelas estamos a empregalas para xogar a “Rabo de boi”. O enredo é moi sinxelo, trátase de agochar nunha das mans o froito seco mentres se di o recitado. Ao rematar hai que adiviñar en que man está. Probade na casa veredes como lle gusta aos meniños.