sábado, 30 de enero de 2021

DÍA DA ILUSTRACIÓN

 Como xa os comentaramos nunha entrada anterior, hoxe celébrase o Día da ilustración. A nosa escola únese a esta celebración editando a seguinte guía de lectura dedicada a Eric Carle, ilustrador ao redor do que estamos traballando este trimestre.


AS NOSAS MASCOTAS E A PAZ

 Hoxe conmemorase Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Este curso imos dedicalo a todos eses animais que nos axudan pero dun xeito moi especial, ofrecéndonos a súa compañía. Son as nosas mascotas. Os meniños crean un vínculo moi especial con elas e proba disto son as fermosas fotos que están chegando ao correo. Nos vindeiros días iremos coñecendo máis detidamente a cada unha delas.






viernes, 29 de enero de 2021

FELIZ DÍA DA PAZ!

 Mañá día 30 de xaneiro, conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz.  Propoñemos  celebralo en familia cunha saborosa e sinxeliña torta de chocolate. A continuación vos deixamos un vídeo cunha receita doada.


Nós recomendámosvos substituír a crema de cacao por chocolate líquido que é máis fácil de estender.

miércoles, 27 de enero de 2021

AS NOSAS MASCOTAS

 

Cada curso o noso centro participa en programas de mellora da calidade educativa a través do chamado Plan Proxecta. Este ano imos desenvolver un que leva por título Protexe aos animais. A través del queremos fomentar o respecto aos animais domésticos a través de diversas actividades. Comezamos pedindo ás familias unha foto dos meniños coa súa mascota. Están chegando unhas imaxes preciosas ao correo da escola. A través delas, ademais de compartir os vínculos dos meniños cos seus animais, estamos coñecendo as características e necesidades destas mascotas. Moitas grazas por participar.

martes, 26 de enero de 2021

FELICIDADES MARTA!!

 

Hoxe Marta cumpriu seis anos. Xa é tan maior que non tiñamos o número para poñer na torta de aniversario. Pero solucionamos empregando dúas e facendo unha suma de tres máis tres.

lunes, 25 de enero de 2021

QUERES XOGAR CONMIGO?

Hoxe continuamos vendo os contiños ilustrados por Eric Carle que temos na biblioteca escolar. No que eliximos, ademais de gozar coa súa lectura,  tiñamos o reto implícito de identificar cada animal a partir da súa cola. A continuación vos deixamos un vídeo coa súa versión en castelán titulada ¿Quieres ser mi amigo?

O PINGÜÍN DE NOA




 

domingo, 24 de enero de 2021

O CAN E O PINGÜÍN DE ERIK


O PINGÜÍN DE MARTA

 

COÑECENDO A TÉCNICA DE ERIC CARLE

O xoves dedicamos parte da mañá a familiarizarnos coa particular técnica que emprega o ilustrador Eric Carle nos seus contos. Comezamos vendo o seguinte vídeo que, aínda que está en lingua inglesa, enténdese e amosa con bastante claridade o proceso que sigue.

Despois, coa axuda da mestra Ana, puxémonos a tentar imitalo. O primeiro pintar os papeis, para conseguir as cores vivas que emprega nas súas obras. 

 

Para iso reciclamos folios de fotocopias estragadas. Cada neno ilustrou empregando pinceis, esponxas e os dedos. 


Por último, deixámolas secar. A próxima semana seguiremos traballando con elas. 

viernes, 22 de enero de 2021

CANTOS PETOS!

A lectura do conto Os petos de Loreto, serviunos de detonante para comezar a enredar cos petos que temos nas nosas prendas de vestir. Descubrimos que hainos grandes, pequenos, con cremalleiras, con broches, con solapas, de mentira … pero sobre todo, xogamos a contalos. Buscade na roupa que levades posta a ver cantos atopades.


PARA MERENDAR… PINGÜÍNS

Despois de toda a semana a voltas cos pingüíns, chegou o momento de levalos tamén ao noso obradoiro de cociña da fin de semana. Coma sempre, propoñemos unha receita sinxeliña con ovo cocido, pero nos seguintes vídeos tedes outras opcións con olivas negras e con plátanos. E por suposto, podedes deixar voar a imaxinación e crear as vosas propias receitas. Animádevos a cociñar cos meniños e mandarnos as fotos.


jueves, 21 de enero de 2021

O BAILE DOS PINGÜÍNS

 

Á maioría dos meniños da aula aínda lles custa aclararse cos conceptos dereita e esquerda. Hoxe con este divertido baile que vimos na aula de Ribadumia b, estivemos traballando estas nocións. Preparados para practicar tamén na casa?

FELICIDADES NOA!!

miércoles, 20 de enero de 2021

FELIZ DÍA DOS PINGÜÍNS!

 

Hoxe conmemorase o Día da concienciación polos pingüíns. O obxectivo desta celebración é promover a protección e coidado destes animaliños. 


Na nosa aula tamén quixemos unirnos a esta iniciativa coñecendo algunhas das características destas aves. Amodiño, a través de libros e documentais, estamos aprendendo cousas curiosas. Pero tamén divertidas coma a manualidade que realizaron coa axuda da mestras Olalla e Malú.

O CAN DE MARTA

 

lunes, 18 de enero de 2021

ERIC CARLE

 

Cada 30 de xaneiro, coincidindo co nacemento de Castelao, conmemórase o Día da ilustración. Na nosa escola unímonos a esta celebración coñecendo ao escritor e ilustrador Eric Carle.


Comezamos hoxe na biblioteca escolar vendo os libros que Zapatocas tíñanos preparados nun recuncho. Paseniño iremos léndoos todos e aprendendo a particular técnica deste artista.

sábado, 16 de enero de 2021

CANS AO RECATE

Esta semana queremos render unha pequena homenaxe a todos eses cans que constantemente axudan as persoas. Vímolo esta semana cando coñecemos a Fivi, pero paseniño iremos descubrindo moitos máis. Coma sempre propoñemos unha receita sinxeliña, ten coma base unha filloa ou unha tortiña. Neste enlace tedes outra opción moi doada con pan de molde. E aquí outra un chisco máis complicada pero máis lucida.  Para rematar vos deixamos un vídeo por se vos animades a facelo con plátano.

viernes, 15 de enero de 2021

ANIMAIS FAMOSOS

 

Este curso temos como tema central os animais. No primeiro trimestre vimos os arácnidos e os insectos. Este comezamos traballando ao redor do libro que nos trouxo Papá Noel titulado “Los 100 animales más famosos de la historia”.

martes, 12 de enero de 2021

QUE SORPRESA!

 

Onte cando chegamos á biblioteca atopamos unha caixa debaixo da mesa. Non sabíamos de quen era e preguntamos ao resto das mestras. Ninguén sabía nada. Rapidamente os meniños comezaron a lanzar hipóteses. E se a deixou O Apalpador? Ou Papá Noel? Ou os Reis Magos?... Decidimos abrila e …  Que  sorpresa! ... Todos eles nunha carta contábannos que recibiran as nosas misivas e deixábannos xoguetes e un libro.