domingo, 28 de febrero de 2021

A EIRUGA PROCESIONARIA

 

Fai tempo, nun dos paseos que adoitamos dar ao redor da escola, descubrimos no cedro un niño de eiruga procesionaria. O xoves, nun artigo na prensa dixital, soubemos que esta primavera haberá un incremento desta praga e que pode ser especialmente perigosa para os cans.

No seguinte vídeo, que vimos na escola, un veterinario explícanos cousas moi interesantes sobre esta eiruga coa que debemos ter especial coidado.

CALDO DE GLORIA

Esta semana veu marcada polas actividades ao redor da escritora Rosalía de Castro con motivo do aniversario do seu nacemento. Entre elas, a iniciativa  o Caldo de Gloria da súa Fundación. Unha proposta inspirada no poema Miña casiña, meu lar no que a poeta explica como facer un caldo. Nesta liña, o venres convidamos ás familias a facer na casa e comer cos meniños un caldiño. Podedes seguir as instrucións que dá Rosalía no seu poema, ou facer a vosa propia receita.

miércoles, 24 de febrero de 2021

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

A  Asociación de Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a celebrar o Día de Rosalía regalando aos seres queridos un libro e unha rosa.

Dende a nosa escola unímonos a esta fermosa iniciativa adaptándoa as idades dos nosos alumnos. En lugar do libro,  os rapaces reescribiron e levaron para agasallar un anaquiño personificado do fermoso poema “Parece unha rosa”. 

A flor, elaborámola empregando os folios reciclados que decoraramos imitando a técnica de Eric Carle que tanto nos gusta. Esperamos que gocedes da poesía e das flores na casa tanto coma nós na escola.

sábado, 20 de febrero de 2021

UNHA TORTA DE AMORODOS PARA ROSALÍA

Ao rematar febreiro as fresas comezan a estar no seu mellor momento. Cada ano aproveitámolas para celebrar o aniversario de Rosalía de Castro cunha saborosa torta de amorodos con nata. Este curso non podemos realizala na aula, pero vos animamos a elaborala na casa e logo ler un dos fermosos versos rosalianos. Se non sabedes cal escoller, neste enlace tedes un vídeo co poema “Adiós ríos, adiós fontes” que o curso pasado realizamos no noso centro.

Xa chegaron ao correo da escola as primeiras fotos da elaborada por Noa. Mirade nas imaxes que chuliña lle quedou e como se divertiu realizándoa.

NA HORA DE LER… ROSALÍA DE CASTRO

O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro. Na nosa escola unímonos á celebración do aniversario do seu nacemento con diferentes actividades. Comezamos quentando motores esta semana coñecendo un pouco da súa vida e obra cos seus libros na hora de ler.

martes, 16 de febrero de 2021

ENTROIDO 2021

Este curso todo é diferente, pero non por iso menos divertido. O venres comezamos a nosa particular festa co “Baile dos animais” e sesión de fotos.

Despois preparamos a receita semanal baseándonos na idea dos nenos de Ribadumia B empregando os folletos publicitarios dos supermercados. Eliximos entre filloas e orellas, limos os ingredientes e buscámolos na publicación.

Sen darnos conta chegou a hora do recreo e, tras recuperar forzas cunha rica merenda de carnaval, gozamos dun solleiro día xogando coa area.

Á hora de ler veu cargada de contos de Entroido e rematamos a xornada decorando unha careta de peliqueiro.


AS FILLOAS DE MARTA

 

jueves, 11 de febrero de 2021

MARÍA SIBYLLA MERIAN

Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na nosa escola dedicámolo a coñecer a unha das pioneiras no estudo científico dos insectos: María Sibylla Merian.  Esta naturalista realizou pinturas detalladas do ciclo vital de eirugas, escaravellos, abellas, moscas … Ela utilizaba acuarelas para elaborar os seus debuxos e nós quixemos coñecer e probar esa técnica.




AS FILLOAS DE COLORES DE NOA

 

miércoles, 10 de febrero de 2021

O CARNAVAL NA BIBLIOTECA

 

O Entroido tamén chegou á biblioteca e Zapatocas xa nos preparou un recuncho cheo de lecturas con este tema coma eixo central. Estamos desexando mergullarnos neste carnaval de libros.

lunes, 8 de febrero de 2021

TEMPO DE ENTROIDO

 

Como xa todos sabedes, este venres celebraremos a festa de Carnaval na aula disfrazados de animais no sentido máis amplo da palabra. Pero xa comezamos a quentar motores seguindo as ordes do Meco. Hoxe tocaba traer as uñas pintadas. Todos cumprimos o seu mandato como podedes ver na imaxe. Agora vos propoñemos xogar. A ver se adiviñades de quen son as mans.

Aproveitamos a ocasión para compartir convosco o precioso conto !Vivan las uñas de colores!

viernes, 5 de febrero de 2021

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS

“A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”, con este refrán, a tradición popular anuncia o día do casamento dos paxariños. Celébrase o 2 de febreiro, co comezo do retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian a chegada da primavera. Na nosa escola aproveitamos o bo tempo das últimas mañás para observar os que voaban pola contorna e escoitar os seus cantos. Agora vos propoñemos levar este acontecimento á cociña elaborando a seguinte receita.

Collemos a idea neste enlace pero neste outro tedes outra versión. Tamén aquí podedes atopar ideas e os máis atrevidos que fagan clic nesta ligazón.

jueves, 4 de febrero de 2021

LIMÓN

 

Continuamos mergullándonos na lingua de signos e aprendendo novas palabras, nesta ocasión co contiño “Limón”. Paralelamente estamos  reescribíndoo e memorizándoo a través da súa versión musicada. 

Por se queredes practicar tamén na casa, deixámosvos os seguintes vídeos.


E xa que andabamos a voltas cos limóns, non podíamos deixar pasar a oportunidade de ir velos á horta da escola. Había bastantes froitos e a mestra Ana da aula de natureza repartiu a colleita ente todos.

miércoles, 3 de febrero de 2021

NA HORA DE LER … LIBROS DE PINGÜÍNS

 

Cada día, normalmente á volta do recreo, chega a hora de ler. Para ese momento temos unha bolsiña cargada de libros que imos cambiando.  A diario, o encargado escolle entre eles cal lemos. Esta semana veu chea de libros de pingüíns. Paseniño imos lendo e aprendendo unha chea de cousas sobre eles.

martes, 2 de febrero de 2021

IMITANDO AS CREACIÓNS DE ERIC CARLE

 

Fai uns días decoramos folios imitando o xeito de pintar do ilustrador Eric Carle. Agora que xa secaron, chegou o momento de recortar, pegar e crear. Comezamos elaborando a bolboreta do seu contiño “Unha eiruga moi larpeira”.  Pero seguro que cos papeis que nos sobraron realizamos outros collages.