O venres inauguramos o noso obradoiro de cociña cunha
nutritiva receita con dúas froitas típicas do outono: as mazás e as uvas. Aos máis
pequenos aínda lles custa entender que non se poden comer os ingredientes antes
de elaborar a receita pero, paseniño e con agarimo, irán aprendendo.
sábado, 30 de septiembre de 2017
viernes, 29 de septiembre de 2017
¡CANTAS NOTICIAS!
Onte
comezamos co traballo ao redor da prensa. Lucía tróuxonos varios xornais e, tras reflexionar sobre que cousas podíamos
atopar neles, empezamos a ver algunhas das novas que nos pareceron máis interesantes.
Os efectos causado polo picudo nas palmeiras de Cambados, a liberación da tartaruga sen aleta que xa está recuperada, a marcha a China do oso panda… foron algúns dos artigos que limos, pero o da balea azul foi que máis interese espertou entre os nenos.
jueves, 28 de septiembre de 2017
OS NOMES NA NOSA CASA
Xa nos chegou o primeiro correo co lugar escollido para colocar o nome propio: o encerado. Sen lugar a dubidas Marcos elixiu o mellor
sitio da casa para practicar como escribilo. A ver se alguén máis se anima a enviarnos fotos e
continuamos publicándoas nesta entrada.
miércoles, 27 de septiembre de 2017
SEMANA EUROPEA DO DEPORTE
Hoxe con motivo da Semana Europea do Deporte, os meniños tiveron a oportunidade de practicar Zumba, judo,
fútbol, pádel … No transcurso da mañá fomos rotando polas diversas actividades e
coñecendo as posibilidades dos diferentes deportes. Rematamos moi cansadiños
pero con medallas para todos.
martes, 26 de septiembre de 2017
OS BONEQUIÑOS DE ROI
Cada outono o patio da escola enchese de landras, pequenos
tesouros cos que os meniños enredan durante o recreo. En si mesmas xa teñen un
gran valor para os cativos, pero se ademais lle engadimos un pouquiño de
imaxinación e a axuda da familia, creamos autenticas xoias para os nenos. Hoxe quedamos
abraiados cos que trouxo Roi para compartir connosco, mirade que riquiños.
lunes, 25 de septiembre de 2017
CON LIBROS PARA CASA
Hoxe comezou a funcionar a biblioteca escolar. Zapatocas,
a nosa mascota, tiña preparados os carnés cos números de lector de cada neno e
paseniño fomos personificándoos. Como xa
vos comentaramos na reunión de principio de curso, cada alumno leva un libro a
súa elección, menos ao que lle toca a mochila viaxeira que rotativamente pasará
por todos os fogares. Para facilitar a viaxe dende a biblioteca ata casa, os
contos van protexidos nunha bolsiña que vos pedimos coidedes para que sirva durante
toda a escolaridade.
sábado, 23 de septiembre de 2017
COÑECENDO ÁS MESTRAS ESPECIALISTAS
Esta semana, a través de diferentes xogos e actividades,
as mestras de audición e linguaxe, música, ximnasia, informática e inglés foron
presentando aos meniños o traballo que van realizar nas súa clases. O venres
dimos por rematado o período de adaptación e o luns xa comezamos co horario de
especialistas e obradoiros que vos dimos na reunión de principio de curso.
jueves, 21 de septiembre de 2017
COÑECENDO O AULA DE NATUREZA
Onte a mestra Ana veu a explicarlle aos meniños como vai
ser o traballo que van realizar na aula de natureza durante o
curso. Ensinounos as ferramentas e utensilios, falounos das medidas de
protección, presentounos as súas mascotas e incluso mostrounos unha chea de
sementes para que apreciaramos o diferente que poden chegar a ser. Para rematar
contounos a bonita historia de “O carballo con botas” que ten unha semente moi
especial como protagonista: a landra.
E falando de landras, mirade na foto que boneco máis xeitoso
fixo con elas Laura e a súa mamá. Estes días o patio de recreo está cheo destes froitos secos e aos
cativos encántalles xogar con eles. Neste enlace
tedes varias ideas por se vos apetece a fin de semana axudar aos vosos fillos a
levalas á práctica.
miércoles, 20 de septiembre de 2017
A BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADUMIA
Hoxe tivemos unha visita moi especial. Os músicos da banda municipal viñeron a
ensinarnos algúns dos seus instrumentos e a darnos un pequeno concerto. Escoitamos atentamente como auténticos chicos
maiores pero tamén bailamos, cantamos e sobre todo rimos ao son da música. Para
os que desexen máis información sobre a súa escola de música, poden visitar a
súa web clicando aquí.
martes, 19 de septiembre de 2017
QUENTANDO MOTORES
Agora que os pequenos xa están adaptados á escola e os
seus espazos, toca comezar co traballo propiamente escolar. Paseniño iremos
aprendendo moitas cousiñas pero empezamos co nome propio porque é un texto
sinxelo, curto e pleno de contido para o neno. Como outros anos, hoxe todos
levaron para casa un folio plastificado co seu nome. Axudade ao voso fillo a
colocalo nun lugar visible ( na porta da habitación, na neveira da cociña, no
seu escritorio…) para que dispoña dun
modelo para reproducilo e poder avanzar na aprendizaxe da linguaxe escrita. Se vos
animades, enviarnos unha foto a escoladeleiro@gmail.com
del sitio escollido e publicaremos as imaxes no noso blog, seguro que aos
cativos lle gusta velas.
domingo, 17 de septiembre de 2017
TODOS XUNTOS
Tras unha semana de incorporación paulatina, o venres xa
merendaron e xogaron no patio todos os meniños xuntos.
miércoles, 13 de septiembre de 2017
PREPARADOS, LISTOS… ¡XA!
Este curso son moitos os pequenos que se incorporan á
nosa aula. Separase de papá e mamá non sempre é doado. Cada meniño víveo cun
ritmo diferente. Paseniño, se temos moita paciencia e agarimo, todos conseguirano.
miércoles, 6 de septiembre de 2017
REUNIÓN PRINCIPIO DE CURSO
O vindeiro luns 11, as familias dos nenos da aula de
Leiro, terán a reunión informativa de principio de curso ás 10:00 horas. Nela
falaremos, entre outros, dos seguintes temas:
ü Información xeral sobre o curso 2017/2018 e normas de funcionamento.
ü Horarios dos nenos, mestres especialistas e de atención ás familias.
ü Calendario escolar. Festas e saídas.
ü Biblioteca escolar: normas de funcionamento e empréstito. As mochilas
viaxeiras.
ü Blog da escola.
ü Período de adaptación dos novos alumnos.
Para desenvolver o
proxecto “O primeiro día de escola mellor en familia”, os proxenitores virán acompañados dos alumnos. Mentres a titora fala
convosco, eles quedarán a cargo doutra mestra realizando diversas actividades e xogos.
viernes, 1 de septiembre de 2017
BENVIDOS AO CURSO 2017/18
Rematado o período de vacacións de verán, queremos dar a
benvida a toda a comunidade escolar ao novo ano académico que hoxe comeza. Para
a vindeira semana publicaremos a data e hora da reunión de principio de curso
así como o calendario do período de adaptación dos novos alumnos. Mentes, para
os que desexen ir organizándose, a continuación lles deixamos o calendario escolar 2017/18 da Comunidade Autónoma de Galicia.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)