martes, 27 de febrero de 2018

¡ESTES CALDOS SABEN A GLORIA!


Comezan a chegar ao noso correo esas preciosas fotos dos “Caldos de Gloria” que vos propuxemos a semana pasada para lembrar a Rosalia no seu día. Lía e Lucía animáronse a inaugurar esta homenaxe. A ver se nos vindeiro días chegan máis fotos ao noso correo escoladeleiro@gmail.com e enriquecemos a nosa pequena exposición virtual.
Enma, Noa e Iraila tamén animáronse a participar, mirade que caldos ricos están a probar.


domingo, 25 de febrero de 2018

XORNADA DE PORTAS ABERTAS 2018

Para todas as familias interesadas en escolarizar aos seus fillos no vindeiro curso 2018/19, mañá luns 26 de febreiro realizaremos unha xornada de portas abertas. Se queredes ver a nosa escola vide a visitala cos vosos nenos de 16:00 a 18:00. Ao chegar, mentres os meniños xogan nos diferentes espazos da aula, poderedes informarvos sobre a metodoloxía, os proxectos de aprendizaxes, coñecer os espazos ou simplemente aclarar as vosas dúbidas. Ás 17:00 nunha actividade conxunta co resto das escolas que integran o noso centro, coñeceredes o equipo de mestras e especialistas do colexio e visitaremos o resto das instalacións. Remataremos a xornada cun contaconto moi especial. ¡Esperámosvos!

sábado, 24 de febrero de 2018

TORTA DE AMORODOS PARA ROSALÍA

No noso obradoiro de cociña tamén quixemos unirnos á conmemoración do 181 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Como non tíñamos os elementos necesarios para facer o Caldiño de Gloria, decidimos preparar a sobremesa: unha saborosa torta de amorodos con nata.

viernes, 23 de febrero de 2018

PARECE UNHA ROSA

Na nosa escola continuamos coas actividades ao redor de Rosalía de Castro dende diferentes ámbitos. A biblioteca escolar propuxo que cada aula escollera e ilustrara un poema da escritora para decorar as súas paredes. A nosa clase elixiu  “Parece unha rosa”. No transcurso da semana os meniños foron escribindo os versos das estrofas seleccionadas. Despois veu a parte máis complicada para eles, ordenar os parágrafos. O luns darémoslle os últimos toques e colgarémolo na biblioteca.
Lembrade que mañá é o día de Rosalía e toca “Caldo de Gloria”, animádevos a participar cociñando e lendo algún poemiña. Seguro que o pasades ben sacando fotos e enviándonolas.`Despois traballaremos con elas en clase sobre os ingredientes do caldo.

miércoles, 21 de febrero de 2018

ROSALÍA NA HORA DE LER

Como xa vos comentamos na entrada anterior, estes días Rosalía de Castro é a protagonista. A súa vida, os seus poemas, contos e cancións serán o eixe central tamén na hora de ler desta semana. Paseniño iremos véndoos todos e memorizaremos algúns dos seus versos máis coñecidos.

martes, 20 de febrero de 2018

CALDO DE GLORIA

Para conmemorar o nacemento da escritora Rosalía de Castro, cada 24 de febreiro celebrase o día de Rosalía. Dende o noso centro tamén unímonos a esta conmemoración co obxectivo de dar a coñecer a vida e obra desta poeta galega. No transcurso desta semana serán diversas as actividades que realizaremos e que paseniño iremos contando.
 Pero hoxe queremos implicar ás familias cunha nutritiva proposta: “Caldo de Gloria” Tratase de que, baseándonos no poema de Rosalía “Miña casiña, meu lar”, esta fin de semana fagades na casa e comades cos meniños un caldiño e enviedes as fotos a escoladeleiro@gmail.com.  Posteriormente publicarémolas no noso blog e faremos unha exposición con todas elas. Podedes seguir as instrucións que dá Rosalía no seu poema ou facer o voso propio caldo galego. Simplemente queremos unir alimentación saudable e poesía. Será unha forma divertida de animar aos pequeños a comer os repolos que cultivan na horta escolar coa mestra Ana e ler o poema que están traballando en informática con Olalla.

lunes, 19 de febrero de 2018

RETOMAMOS AS ANDAINAS

Despois de varias semanas sen poder saír a camiñar debido ás obras que tivemos na contorna da escola e ao mal tempo, hoxe retomamos as nosas andainas diarias. Comezamos cun paseo pequerrechiño que iremos aumentando ata recuperar o ritmo perdido.

domingo, 18 de febrero de 2018

EXPOSICIÓN DA CAMELIA 2018

O venres, a pesar da choiva e o mal tempo, as familias trouxeron camelias das máis variadas formas e tamaños. Con moitos pétalos, con poucos, rosas, brancas, vermellas, de dúas cores, pechadas, abertas, grandes, pequenas … paseniño fomos observándoas todas e descubrindo as súas diferenzas. Logo, baseándonos nas ilustracións dos libros de Óscar Villán “O abecedario” e “Cinco”, reproducimos o seu particular estilo e realizamos as letras e números do cartel da nosa exposición. Rematamos creando os debuxos e fotos para participar no concurso organizado polo Concello. Moitas grazas ás familias que coa súa colaboración fixérona posible.

jueves, 15 de febrero de 2018

EXPOSICIÓN E CONCURSO DA CAMELIA

O Concello de Ribadumia organiza o II Concurso Artístico Infantil coa temática da camelia. Na nosa escola queremos colaborar organizando a nosa particular exposición para observar as súas cores e variedades. Se queredes participar os nenos traerán mañá á escola as variedades de camelias que logredes conseguir.

martes, 13 de febrero de 2018

ENTROIDO 2018

Despois de varias semanas confeccionando os traxes, o  venres puidemos compartir coas familias unha xornada festiva chea de trasnos, Neptunos, Tronates e gregos. A mañá veu cargada de actividades. Primeiro os nosos amigos Os Arroaces, acompañados do mariñeiro Luís e a cociñeira Mariña, faláronnos dos beneficios de incluír peixe na nosa dieta. Despois elaboramos un anteface e limos unha chea de contos de Entroido. Recuperamos forzas cunha rica merendola con filloas, rosquillas, orellas, biscoitos e outros doces típicos destas datas. E finalizamos desfilando todos xuntos.



domingo, 11 de febrero de 2018

¡FELIZ DÍA DA NENA E A CIENCIA!

Para dar visibilidade ao labor científico das mulleres e potenciar esta vocación nas nenas, cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na nosa escola tamén quixemos unirnos a esta iniciativa organizando diversos obradoiros con mulleres científicas que nos falaron do seu traballo.  O pasado mércores, con Luísa Martínez, do Instituto de Investigacións Mariñas, descubrimos a “Ciencia a pé de praia” e con Nieves Álvarez, científica do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, e a súa charla “A ciencia levámola dentro” mergullámonos no mundo das árbores.
Por outra banda e dentro do Programa O Sabor da Aventura está no Mar, a empresa cambadesa Cermar veu a explicarnos o proceso de elaboración de conservas de atún e deunos envases de Pequetun para degustar en familia.
Por último, elaboramos un taumatropo, un xoguete óptico que se emprega para producir sensación de movemento nas imaxes.


Os medios de comunicación fixéronse eco das actividades desenvolvidas no noso centro. Podedes velo nos enlaces que vos deixamos a continuación.

lunes, 5 de febrero de 2018

TEMPO DE ENTROIDO


O vindeiro venres celebraremos o noso tradicional festival de Entroido que este ano terá a mitoloxía como tema central. Mentres que nas escolas imos confeccionando os nosos disfraces, temos que seguir as ordes do Meco. Hoxe tíñamos que traer algo na cabeza, mañá toca calcetíns de cores por fóra do pantalón.

sábado, 3 de febrero de 2018

MARISCANDO EN CAMBADOS

Grazas ao Plan Proxecta: O Sabor da Aventura está no Mar e en colaboración coa Asociación Cultural das mulleres do mar de Cambados, o venres fomos convidados a coñecer o proceso de extracción de moluscos. Equipados con botas e rastrelos, as mariscadoras ensináronos como fan o seu traballo, como se chaman as diferentes ameixas e o importante que é devolver ao mar as que non acadan o tamaño adecuado. Despois degustamos os produtos do mar nunha rica merendola con hamburguesas de chocos e empanada de polbo. Rematamos a nosa excursión cunha visita á lonxa e un bonito agasallo.