sábado, 28 de noviembre de 2015

NA HORA DE LER… ¡NOVEDADES DE ANDALUCÍA!

Esta semana foron varias as novidades literarias que viñeron a enriquecer os fondos da nosa biblioteca relacionados con Andalucía. “¿Dónde cantan los pájaros que cantan?” de Juan Ramón Jiménez, “Cómo se llaman las niñas flamencas”, “Quiero bailar flamenco”,  Mi primer libro de Lorca”, “Juan Ramón Jiménez para niños y niñas… y otros seres curiosos” e da mesma colección o de Federico García Lorca. Como non podía ser doutro xeito, rapidamente comezamos a dedicar a nosa hora de ler a estas pequenas xoias. Con cada un deles van xurdindo diferentes actividades que xa vos iremos contando.

jueves, 26 de noviembre de 2015

QUE YO TE QUIERO VERDE


Nunha entrada anterior xa vos contaramos que nos divertiramos memorizando o poema de Lorca “Romance Sonámbulo” co ritmo flamenco que lle imprime Ketama. O luns descubrimos un vídeo no que esa mesma canción é empregada para realizar unha coreografía con motivo do día internacional do flamenco. Non puidemos resistir a tentación e, coa axuda da mestra Olalla, simbolizamos o ritmo das palmas, simplificamos o baile e puxémonos a practicar esta rumba flamenca. Se na casa tamén queredes aprender aquí vos deixamos o enlace do vídeo no que nos baseamos.

miércoles, 25 de noviembre de 2015

A NOSA ÁRBORE DE NADAL


O xoves coa axuda da mestra Ana comezamos a pintar a nosa árbore de Nadal e, coa participación de todos, pouco a pouco, foi collendo xeito. Hoxe estivemos decorándoa con bolas de diferentes tamaños e motivos que recortamos e coloreamos ao noso gusto. Aínda nos falta un chisquiño para remátala pero … ¡con canta ilusión realizan os meniños o traballo!.

martes, 24 de noviembre de 2015

CONTANDO SEMENTES DE CALACÚ


Cando para o Samaín baleiramos a cabaza que nos trouxo a mamá de María, separamos as sementes da polpa e puxémolas a secar. A semana pasada xa estaban listas para gardar. Estivemos repartíndoas e empaquetándoas para plantalas cando chegue a primavera e intentar ter colleita dabondo. 
Primeiro fixemos sobres reciclando folios que xa non serven. Despois puxemos o noso nome e anotamos o seu contido. Por último chegou o máis difícil para os máis pequenos, contar sen confundirse e introducir no sobre o número de sementes acordado … ¿Quen se lembra cantas había que meter?... A ver quen nos envía un comentario coa resposta.

lunes, 23 de noviembre de 2015

VERDE QUE TE QUIERO VERDE

Aínda que realmente chámase “Romance sonámbulo”, a este coñecido poema de Federico García Lorca gústanos chamalo “Verde que te quiero verde”. A semana pasada estivemos traballando ao redor del e divertíndonos cantándoo co ritmo flamenco que lle da Ketama na versión que ten con ManzanitaPara ilustralo axudámonos dos libros “Como dibujar animales” e “Vamos a dibujar… un barco”. Con eles descubrimos como realizar un cabalo e un barco dun xeito facilísimo e moi xeitoso.

jueves, 19 de noviembre de 2015

CANTOS DE BERCE

Con motivo da Semana da Tradición Oral, na escola andamos a traballar ao redor das nanas. Somos conscientes que nos últimos anos estase a perder o fermoso costume de cantar aos nenos para adormecelos ou calmalos. Moitos deses arrolos que acompañaron a nosa infancia están desaparecendo. Dende a escola pretendemos recuperalos. A proposta é que axudedes aos vosos fillos a memorizar e escribir na folla que levaron hoxe para casa ese canto de berce, nana ou arrolo que tanto vos gusta para continuar coa tradición oral e seguir gozando dela. 
Para ilustrala tedes que traer unha foto de cando eles eran bebés, se están no berce ou no colo mellor. Nós escanearémola e despois vola devolveremos. Se preferides podedes mandala por correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com. Con todas as vosas nanas elaboraremos un libriño que virá a enriquecer a nosa biblioteca escolar. Tedes ata final de mes para facelo.
Os que precisen inspiración, neste enlace do blog do Aula de Ribadumia B teñen varios hipervínculos e vídeos con arrolos e nanas. A nós gústanos especialmente a nana do Cuco Cuqueiro do libro “Traca-Traco” que estivemos traballando e escoitando esta semana na biblioteca escolar pero seguro que acabamos descubrindo outras preciosas.

miércoles, 18 de noviembre de 2015

LA TARARA

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, na escola estamos a traballar ao redor dalgúns escritores andaluces. Esta semana centrámonos no poema “La Tarara” que Federico García Lorca compuxo a partir dunhas coplas populares. Estes versos, nalgunhas zonas de España, son empregados como xogo de roda que nós aproveitamos para aprender.

Hai moitas versións musicadas de “La Tarara”, a continuación vos deixamos a de Antonio Vega que é a que máis nos gusta.

martes, 17 de noviembre de 2015

NA HORA DE LER… ¡ANDALUCÍA!

Poemas ou biografías adaptadas para nenos de grandes escritores como Antonio Machado, Federico García Lorca o Juan Ramón Jiménez; contos de tradicións populares como “La Romería del Rocío”, “La Feria de Abril” ou “La Semana Santa”; libros de consulta de produtos propios da zona como “O aceite” ou simplemente contos divertidos e cargados de despregables como ¿De quén están hechas las niñas flamencas?... Entre todas estas opcións cada día o encargado elixe lectura. Xa limos varios deles pero ata final de mes na hora de ler …¡Andalucía!.

lunes, 16 de noviembre de 2015

O REI GASPAR

Acabamos de pasar San Martiño e parece que o Nadal aínda está lonxe pero, o día 18 de decembro teremos o noso festival e, se queremos ter todo listo, temos que ir quentando motores. Este curso comezamos elaborando o Rei Gaspar no noso obradoiro de cociña. Inspirámonos nunha receita que vimos en “Mi primer libro de cocina Tupi” que temos na biblioteca escolar, a ver se vos gusta como nos quedou.

sábado, 14 de noviembre de 2015

ARROLOS


Segundo o calendario do libro e da lectura 2015 do 2 ao 8 de novembro conmemorouse a Semana da Tradición Oral. Na nosa escola gústanos especialmente traballar eses coñecementos transmitidos de forma lúdica de pais a fillos e de avós a netos. Este curso centrámonos nas nanas, neses cantos cos que arrolamos aos meniños para adormecelos ou calmalos e que están cheos de aloumiños.

Como Zapatocas, a mascota da biblioteca, sabe que actualmente son moitas as familias que perderon o costume de cantar nanas aos cativos, preparounos un recuncho cheo de materiais con arrolos. O luns pasado, na nosa visita semanal, vimos e escoitamos algunhas nanas pero o que máis nos gustou foi arrolar a Zapatocas e adormecelo ao ritmo delas.

jueves, 12 de noviembre de 2015

AS OLIVEIRAS DA IGREXA


Como andamos a voltas co aceite de oliva e a árbore que o produce, o martes fomos ver os exemplares que hai no xardín da igrexa de San Xoán de Leiro. 
Pretendiamos marchar pronto e merendar alá pero a brétema fíxonos cambiar de planes, a media mañá aínda estaba todo demasiado mollado.

Esperamos ata última hora e, cando empezou a levantar a néboa e querer raiar o sol, puxémonos en marcha. Descubrimos que había catro oliveiras cargadas de olivas, moitas xa esmagadas no chan. Unha delas, a máis velliña é preciosa, mirade nas fotos que tronco más bonito ten. As outras son máis noviñas pero tamén teñen o seu encanto.

martes, 10 de noviembre de 2015

A NOSA FESTA NOS XORNAIS


O xoves pasado non podíamos deixar pasar a oportunidade de traballar o xornal sendo o noso colexio o protagonista da noticia. O Diario de Arousa do domingo 1 de novembro publicou fotos da nosa festa do Samaín e Magosto. A mestra Marta trouxo o periódico e na aula aproveitamos para ver as imaxes e facer actividades ao redor da crónica.
La Voz de Galicia no seu formato dixital tamén fixo referencia á nosa festa e editou o vídeo que vos deixamos a continuación.

lunes, 9 de noviembre de 2015

ALMORZO ANDALUZ

Sempre que podemos gústanos levar ao noso obradoiro de cociña os proxectos que estamos a desenvolver na escola. Como todos sabedes, andamos a coñecer a Comunidade Autónoma de Andalucía e, un dos seus produtos máis característicos, é o aceite de oliva. Se lle engadimos un zume de laranxas da Veiga do Guadalquivir, temos o nutritivo e rico almorzo con sabor andaluz que elaboramos o venres.


Lembrades que mañá imos visitar as oliveiras do xardín da igrexa de San Xoán de Leiro, poderemos observar o porte dos seus troncos e os seus numerosos froitos. Se o bo tempo continua será divertido merendar alá polo que non vos esquezades de traer a autorización cuberta.  

sábado, 7 de noviembre de 2015

OLIVEIRAS


Varias pólas de oliveira cheas de olivas verdes e moradas foi outro dos tesouros cos que se veu enriquecido o noso recuncho de Andalucía graciñas a  Pablo e Adrián.
Esta árbore tan lonxeva é moi abundante nesta Comunidade Autónoma e na escola empregámola como detonante para coñecer o aceite de oliva, produto que se extrae do seu froito. Primeiro observamos a forma, tamaño e cor das follas e das olivas. Despois estivemos apañando nelas e esmagándoas para analizar o seu interior.
Para finalizar, vos deixamos o vídeo co proceso de produción do aceite de oliva que vimos na aula.

viernes, 6 de noviembre de 2015

PÁDEL


Dende que fai unhas semanas o papá de Candela trouxéranos palas e pelotas de pádel de Salnés Padel para repartir entre os cativos, todos tíñan ganas de xogar con elas. O xoves a mestra Araceli comezou a traballar sobre o tema na clase de ximnasia e seguro que pronto aprenderán moitas cousiñas sobre este deporte. Para empezar todos descubriron que pillar as pelotas non é doado pero … ¡que ben o pasaron!. ¡Moitas grazas papá!.

jueves, 5 de noviembre de 2015

LA FERIA DE ABRIL


A semana pasada limos o conto “La Feria de Abril”. A través dos seus protagonistas vimos como os nenos prepáranse para gozar desta festa, descubrimos que actividades realizan, que comen e sobre todo como se divirten.

Na nosa escola tamén quixemos participar desta tradición e non dubidamos en empregar a nosa imaxinación para vestirnos co traxe típico, montarnos nun coche de cabalos e poñernos a bailar sevillanas nunha das súas casetas.
 Baseándonos no traxe que nos trouxo Adrián, no conto e nos vídeos de sevillanas que vimos no encerado dixital, cada cativo pintou os traxes ao seu gusto.

miércoles, 4 de noviembre de 2015

ESCRITORES ANDALUCES

Juan Ramón Jiménez, Antonio Machado e Federico García Lorca teñen como nexo común haber nacido en Andalucía. Nas vindeiras semana traballaremos un chisquiño ao redor estes famosos escritores. O mércores pasado xa comezamos a quentar motores lendo “Platero y yo”.
Trátase dunha preciosa adaptación do clásico de Juan Ramón Jiménez que trouxo Carla para compartir connosco. Pero sen lugar a dúbidas o que máis nos gustou foi o vídeo que podedes ver a continuación facendo clic na imaxe de Platero.