viernes, 20 de diciembre de 2013

FESTA DE NADAL 2013

Contos e películas de Nadal, obradoiros de postais e adornos para a árbore, xogos cos bolos e os zancos, merendola con doces típicos destas datas e outras exquisiteces preparadas polas familias, exhibición de karate, actuación de cada escoliña, e para rematar, visita do Apalpador para recoller as nosas cartas. Graciñas a todos pola vosa colaboración, que pasedes un Bo Nadal e teñades un marabilloso 2014. Vémonos en xaneiro.

jueves, 19 de diciembre de 2013

REMATAMOS O TRIMESTRE…

Chegou o momento de levar para casa os traballiños que estivemos a realizar dende principios de curso para ensinarllos á familia. Hoxe preparamos as carpetas pero o que fixemos ao redor do proxecto de Xapón quedará na aula para continuar á volta das vacacións, esperamos seguir aprendendo e descubrindo cousas deste impresionante país durante o segundo trimestre.

miércoles, 18 de diciembre de 2013

PREPARANDO A FESTA DE NADAL

As bolas de Nadal decoradas coa axuda das familias dos xeitos máis divertidos xa están comezando a adornar a árbore de Nadal da escola. Os que non a fixeron aínda están a tempo, lembrade que podedes empregar calquera cousa que teñades na casa: teas, botóns, lá, adhesivos, pastas, caramelos... Se queredes coller ideas, na seguinte presentación podedes ver as dos vosos compañeiros.


Pero na festa de Nadal do venres, ademais da árbore de Nadal realizaremos diversos obradoiros e cantaremos panxoliñas. No recreo chuvioso que tivemos hoxe, aproveitamos para aprender a bailar coa mestra Rosana e os nenos de Lois a que cantaremos entre todos: “O twist de Nadal”. 

martes, 17 de diciembre de 2013

POSTAIS DE NADAL

Un ano máis, o Concello de Ribadumia convocou o concurso escolar de Postais de Nadal destinado ao alumnado dos centros de infantil, primaria e secundaria da localidade. Na nosa aula levamos un par de semanas a voltas con el e hoxe por fin rematamos os nosos traballiños. Temos que agradecer a mestra Ana a súa axuda para conseguir que todos puideramos participar como verdadeiros artistas. Na seguinte presentación vos deixamos o resultado, esperamos que vos gusten tanto coma a nós.

lunes, 16 de diciembre de 2013

CARTAS PARA O APALPADOR


Todos os anos na noite de Nadal, o Apalpador baixa das montañas do Courel para achegarse aos nenos mentres están durmidos. Coidadosamente, apálpalles a barriguiña para ver se están ben mantidos. Logo de desexarlles que no vindeiro ano non pasen fame, marcha deixándolles unha morea de castañas ben quentiñas e xoguetiños de madeira feitos por el mesmo. Dende vai varios anos, sempre ven ao noso centro na festa de Nadal para recoller as cartiñas que na aula facemos para pedirlle un xoguetiño de madeira para á escola. Cada neno fai a súa petición pero xa sabemos que el elixe un e nolo deixa en cada aula para compartir. Hoxe na nosa visita semanal á biblioteca, limos o conto Antón e o Apalpador co que lembramos esta fermosa tradición e aproveitamos para facer as cartas coas nosas peticións: trens, dinosauros, princesas, camións… A ver que nos atopamos á volta das vacacións.

jueves, 12 de diciembre de 2013

BUSCANDO UNHA ESTRELA

Esta é a panxoliña que estamos a preparar para a festa de Nadal deste ano. Xa eliximos se queremos facer de pitiños, gatiños ou peixiños. Agora andamos a facer os traxes, ensaiar o baile, aprender a canción … Non todo nos está a saír o ben que nos gustaría… Pero estas actividades axúdanos a adquirir destrezas no recortado, na coordinación de movementos, no sentido do ritmo e, sobre todo, a aprender a traballar en equipo. Se queredes escoitar a panxoliña e practicar na casa, podedes escoitala clicando no seguinte audio:





miércoles, 11 de diciembre de 2013

MONTE FUJI

Hoxe, 11 de decembro, conmemorase o día internacional das montañas. Na aula aproveitamos para coñecer a cima máis alta de Xapón, o Monte Fuji. Aínda que máis que a súa altura, impresionounos saber que é un volcán activo. O Monte Fuji é moi querido por todos os xaponeses e existe a vella crenza de que se debe subir a súa cima polo menos unha vez na vida.

martes, 10 de diciembre de 2013

CONTÍN CONTÓN

Este é o título do contiño de Antón Cortizas que limos o luns na biblioteca. Non nos dera tempo de facelo cando vimos os que temos deste autor publicados por Edicións Embora. O animal protagonista, esquece a súa identidade e terá que preguntar aos animais do bosque. A través das repeticións que tanto gustan aos cativos chegamos ao desenlace do conto. ¿Lembrades quen é o animaliño que non é nin piña nin piñón, nin lobo nin lobón… ?

lunes, 9 de diciembre de 2013

ENREDAMOS

Este é o nome dun blogue onde tamén poderedes atopar xogos de botar sortes para seguir enriquecendo o noso caderno viaxeiro. Cada semana van chegando novidades e xa son varias as “cantinelas” que sabemos. Soamente lle queda catro casas por visitar, ao mellor témolo rematado antes de dar as vacacións de Nadal.


jueves, 5 de diciembre de 2013

PROFE… ¿PODEMOS XOGAR CO BELÉN?

Dende que o martes comezamos a montalo na aula, esta é a frase máis escoitada ao longo da mañá. Gústanos xogar coas ovelliñas do pastor, prender a luz do candil, deitar o Meniño, colocar o boi no cortello…  ¡ata queremos levar o dinosauro de Gabriel ao Portal!... O Nadal está chegando á escola e son múltiples as actividades previstas: montar a árbore, escribir as cartas ao Apalpador, preparar a festa, aprender panxoliñas… esperamos ser capaces de ter todo listo a tempo, xa vos contaremos.

miércoles, 4 de diciembre de 2013

O MEU MARABILLOSO SOMBREIRO

Este é o título do precioso conto disco en edición bilingüe galego- xaponés que estivemos traballando esta semana. Tróuxonolo a mestra de CURTURGAL, onde foi a presentación das cantigas nas súas versións galego e xaponesa recollidas no CD que acompaña ao libro.
O neno protagonista constrúe un sombreiro de papel e busca a quen llo regalar. En cada páxina atopase cun animal que rexeita o agasallo pero antes de pasar a folla poderemos escoitar a súa canción correspondente:  O señor formiga de compras, O can policía, Voa voa voa… así ata un total de seis cantigas populares en Xapón. Por agora soamente vimos as versións en galego, para a semana a ver se nos atrevemos co xaponés, xa vos contaremos. Despois de traballar ao redor do conto, imitamos ao protagonista da historia, e nós tamén fixemos o noso marabilloso sombreiro de papel.


martes, 3 de diciembre de 2013

APADRIÑAMENTO LECTOR

Unha das múltiples posibilidades que ofrece ter idades mesturadas na mesma aula é poder ler a un compañeiro máis pequeno. Ver como espontaneamente “un maior” esforzase en agasallar a outro cativo cunha lectura do seu agrado é algo que esperta unha tenrura infinita. Converterse durante uns minutos en madriña ou padriño lector crea uns vínculos afectivos fermosísimos.

lunes, 2 de diciembre de 2013

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA USADA

Na actualidade son moitas as familias necesitadas e que carecen de recursos para poder vestir aos seus fillos  adecuadamente. A Fundación GLORR e a ONG Global Humanitaria organiza no noso centro unha campaña de recollida de roupa usada e calzado. Todas esas prendas que xa non usamos poden converterse nunha axuda para os nenos máis desfavorecidos do noso país. Na escola dispoñemos de bolsas para todos os alumnos que poidan colaborar. A organización pasará polo colexio a recoller as doazóns o vindeiro día 17 de decembro.